O fascinante misterio dunha muller

Durante a semana que acaba de transcorrer entre os domingos 4 e 11 de decembro celebramos en España dúas festas en feminino singular: A Constitución e a Inmaculada. Sobre a primeira e a súa necesidade de reforma e actualización escribiuse xa demasiado. Non así, con todo, sobre a segunda, moito máis antiga e importante, máis universal e venerada en miles de recunchos da nai terra e sobre todo, amada e celebrada como ningunha muller da historia. Na teoloxía máis recente, desde finais do século pasado, houbo e hai unha nutrida literatura en clave de muller, algunha misoxinamente elaborada, que redescobre e demostra non só todo o que as mulleres deron á Igrexa no curso dos séculos, senón tamén todo o que a Igrexa deu ás mulleres, ofrecéndolles posibilidades que a sociedade laica do seu tempo nin sequera concibía nin imaxinaba. A afirmación anterior, por se a alguén se lle ocorre pensar que quen o di é un home, non é miña, é o pensamento de Giulia Galeotti, xornalista, doutora e escritora italiana especialista en temas cristiáns.

Un dos tópicos do pensamento dominante contrapón facilmente ás mulleres entendidas como grupo social que loita pola súa propia emancipación e, por outra, á Igrexa católica vista como o gran obstáculo para o logro dunha plena liberación feminina. Non é que todo sexa falso. É certo que a Igrexa pode ter aínda algún problema coas mulleres e con todo, é indubidable que a mensaxe de Xesús foi e é en grao sumo liberadora, non só en relación coa sociedade do seu tempo, senón tamén respecto ao contexto actual, como mulleres e homes do terceiro milenio. Soamente quen nunca coñeceu e meditou os Evanxeos sería quen de afirmar o contrario. O cristianismo xorde poñendo a mirada no protagonismo dunha muller a través dunha mensaxe divina sobre a Encarnación do Fillo de Deus a unha novísima rapariga de Nazaret. E trinta anos despois, aparecéndose a María Madalena para que vise e testemuñase ao mundo que aquela historia non acababa na Cruz senón na Resurrección do Fillo de Deus.

Os Evanxeos describen a María de Nazaret, a Inmaculada, como unha sinxela muller singular que soborda espiritualidade, fe e silencio. A nai que canta á liberdade, a un Deus que acode á terra facéndose pobre cos pobres para enriquecelos coa súa divinidade, que fai marabillas cos pequenos, que desbarata os plans dos poderosos e que enaltece aos humildes. Esta historia singular que considera a María como expresión suprema do feminino desbordouse dun xeito especialísimo na piedade tradicional do pobo cristián español. Foi o pobo cristián movido polo Espírito Santo o que impulsou o dogma da Inmaculada e mesmo ante a oposición de teólogos e algúns grandes santos. Por iso, cada ano, na praza de España de Roma, ao pé do monumento adicado á Inmaculada, os Papas renovan, pola tarde, a homenaxe á doce Nai da Graza. Unha festa que ilumina, como un faro esplendoroso, este tempo de preparación para o Nadal e que brilla como signo de esperanza segura e de consolo para o pobo de Deus en camiño.

J. Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral

As Xornadas Abertas de Teoloxía iniciáronse co tema do papel da muller na Igrexa

Xornadas abertas teoloxía día 15

O 15 de febreiro iniciáronse as Xornadas Abertas de Teoloxía, que cumpren 30 anos de existencia. A profesora Lucetta Scaraffia, a quen correspondía a primeira conferencia non puido estar presente por problemas de saúde, pero deixou encargada a lectura da que sería a súa intervención sobre o papel da muller na Igrexa. E así se fixo. Aínda que é algo excepcional ao longo da historia que a Igrexa recoñeza a importancia da muller, si hai fontes que documentan a súa presenza (abadesas, fundadoras de ordes, santas) mentres que no ámbito civil nin siquera hai esas fontes.

Nos primeiros tempos deberon resultar atractivas para as mulleres algunhas das novidades radicais que traía o cristianismo: recoñecemento da santidade ao mesmo nivel cós varóns, coa indisolubilidade do matrimonio acábase co repudio (sempre era a muller a repudiada), eliminación da impureza da muller durante o ciclo.

Hoxe,  nalgúns países as misións católicas son dos poucos lugares de acollida que teñen as mulleres que viven na opresión.

Finalmente, outra idea que se transmitiu da profesora Lucetta Scaraffia é que sen contar máis coa muller, a Igrexa non poderá renovarse no sentido que propugna o Papa Francisco.

[Ver texto da conferencia]

Cáritas leva a cabo a acción divulgativa “Grandes mulleres”

Cáritas Diocesana de Lugo, xunto coa Asociación Enriqueta Otero e Aliad Ultreia, desenvolve unha acción de empoderamento feminino con motivo da celebración o día 8 de marzo do Día da Muller.

A acción levarase a cabo na mañá do día 6 no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros e do día 7 ao 13 do mesmo mes na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo.

Con tres paneis visualízase a acción cunha mensaxe de positividade, autoestima e fortaleza.

Nos dous primeiros paneis, baixo o lema Grandes mulleres, hai fotos de féminas da historia que loitaron polos dereitos civís, nas artes ou nas ciencias. O terceiro panel, baixo a mesma lenda, permanecerá tapado por unha cortina que se espera as participantes abran. Ao facelo, todas atoparán a unha gran muller que lles resultará moi coñecida: elas mesmas veránse reflectidas nun espello formando así parte do elenco de mulleres loitadoras, mulleres importantes, mulleres que fan historia; porque elas mesmas son tamén grandes mulleres.

A %d blogueros les gusta esto: