Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento 2015

Altar concelebrantes

Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio:

“O misterio eucarístico sitúa ao cristián no corazón mesmo da historia e comprométeo a asumir a responsabilidade de construír un mundo novo a través da civilización do amor que nos esixe xustiza e conciencia solidaria a favor dos que sofren carencias materiais e espirituais. ”

Ás 12 da mañá do 14 de xuño comezaba na Catedral de Lugo a cerimonia da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, que se vén celebrando desde 1669, acto que pon fin ás celebracións do Corpus na nosa cidade.

O Arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio presidiu a Eucaristía na que concelebraron:

O Bispo de Ourense, Mons. Leonardo Lemos Montanet;

O Bispo de Tui-Vigo, Mons. Luís Quinteiro;

O Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco;

O Bispo auxiliar de Santiago, Mons. Jesús Fernández González;

O Bispo de Astorga, Mons. Camilo Lorenzo;

O Administrador diocesano de Mondoñedo-Ferrol, Rvdo. Sr. D. Antonio Basanta,

así como membros do cabido de Lugo.

Acompañaron á delegada rexia, alcaldesa de Mondoñedo, os representantes dalgunha das cidades do antigo Reino de Galicia; así como outras autoridades civís e militares.

Na contestación á Ofrenda, o arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio comezou a súa homilía lembrando que hoxe en Lugo estamos “Seguindo unha tradición secular, profundamente arraigada no sentir relixioso e espiritual da comunidade galega” (…)  “Contemplamos nesta solemnidade a marabilla da presenza real e verdadeira de Cristo na Eucaristía, recordando como esta forma parte das raíces da nosa comunidade e da nosa vida; e pedindo que se vaia consolidando o proxecto de Deus na nosa historia”.

Continuou a súa intervención dicindo que “Compartir o pan da Eucaristía comprométenos a configurar a sociedade respectando a lei santa de Deus reflectida na lei natural e na recta razón, que mostra ao home o camiño a seguir para obrar o ben e alcanzar o seu fin”. E recordou que “a indiferenza relixiosa, o esquecemento de Deus, a lixeireza con que se cuestiona a súa existencia, a despreocupación polas cuestións fundamentais sobre a orixe e destino transcendente do ser humano non deixan de ter influencia no talante persoal e no comportamento moral e social do individuo… Certamente o home pode organizar a terra sen Deus, pero á fin e ao cabo, sen Deus non pode menos que organizala contra o home”.

Finalizada a celebración eucarística, todas as autoridades eclesiásticas e civís saíron en procesión acompañando ao Santísimo Sacramento polas rúas de Lugo.

Carroza ultima cea ante a Catedral

[Ver texto da Ofrenda e texto da homilía]

 

Actos da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

Os actos que se levarán a cabo con motivo da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento son os seguintes:

Sábado, 13 de xuño

Solemnes Vésperas na Catedral de Lugo ás 20 h con asistencia da Corporación Municipal lucense, Cabido catedralicio e Delegado Rexio.

Domingo, 14 de xuño

Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento na Catedral de Lugo ás 12 h

Solemne Concelebración Eucarística presidida polo arcebispo de Santiago, Mons. Julián Barrio, que recibirá a Ofrenda, e a delegada oferente será a alcaldesa da cidade de Mondoñedo, Elena Candia.

Desenvolvemento da Ofrenda:

As autoridades civís situaranse no lugar reservado na Catedral (o coro) ocupando o primeiro lugar o delegado rexio, e á beira o resto dos alcaldes- ou os seus representantes- das restantes cidades que configuraban o Antigo Reino de Galicia.

Iniciada a celebración e tralo credo litúrxico ten lugar o acto da Ofrenda, no que a delegado rexia (alcaldesa de Mondoñedo) acompañada de dous clérigos e ante os restantes alcaldes, diríxese ao altar e pronuncia solemnemente os votos.

O Bispo da Diocese da cidade que presenta a Ofrenda (o Arcebispo de Santiago) dará resposta ao voto pronunciado polo delegado.

Tralo acto da Ofrenda a celebración eucarística continuará do xeito habitual.

A Ofrenda do Reino, por Xosé Filgueira Valverde

O domingo infraoctava do Corpus Christi celébrase en Lugo, a Oferenda do Reino de Galicia ao Sacramento. Tense feito máis de trescentas veces desque foi acordada; e non deixou de celebrarse cando a Xunta foi suprimida. E o único acto era que se tiña por revivida en cada ano unha vez, e por unhas horas. Porque cando no 1834 veu a lexislación en que as provincias cederon aos antigos reinos, e se suprimiron os seus consellos e xeneralidades, as sete cidades que compoñían a representación da corporación galega seguiron, por turno de persoeiros, o rito estabrecido no século XVII. O cortexo saíu sempre, como entón das casas do Concello de Lugo cara a Catedral sin que faltara nunca nél o pendón do Marqués de Hombreiro, que foi o derradeiro Diputado Xeral; seguíuse chamando Delegado Rexio ao Alcalde a quen toca ao leer a Invocación, tratando de Alteza ao Reino e soando a Marcha na entrada ou no Ofertorio.

Xa sabedes o porqué deste rito. O culto eucarístico na Basílica de Lugo, cabeceira do Convento román lucense, tivo, de antergo, sona e singularidade: a belidísima labra da escola de Mestre Mateo, na portada norde, e unhas verbas do privilexio de dona Urraca testemuñan a súa vivencia no século XIl. Revélao a exposición permanente do Sacramento. Os historiadores teñen buscado razóns ao privilexio: pode datar dun concilio onde se decrarase a presencia real ou porque fose perduración dunha forma de culto das grandes basílicas, que se mantivese nesta por quedar exenta Galicia do dominio islámico.

No século XIII reforzaríase, frente a cátaros e albixenses, a devoción eucarística, co espallamento de relatos de miragrese ca institución da festa co Corpus. Coido que, ás razóns que ten aducido pra estes feitos Ferreiro Alemparte, haberá que sumar outras en relación co inzamento do culto marial; eiquí axuntábanse as dúas liñas.

O certo é que no retabre, feito por Cornielles de Holanda no 1534, púxose un sagrario-hostensorio, sin precedentes coñecidos, cun cristal na portiña pra a colocación da Hostia consagrada, que pasóu logo a unha custodia feita por Arfe, doada no 1636, e que se puxo nun gran viril no 1768, baixo o tabernáculo neoclásico.

A Oferenda do Reino básase nestas tradicións e privilexios que fan pasar o emblema eucarístico á heráldica de Galicia, de xeito que Pallares Gayoso chegóu a decir que “ninguno del orbe puede blasonar de mejor escudo” e Seguín tiduóu a súa “historia”, “Gali cia, Reyno de Cristo Sacramentado” . A presencia nél do grial ou do viril foi o que dou pe á esixencia dos meirandes honores pra as bandeiras en que se poñía, tal é o caso do heroico “Tercio de Gallegos” de Buenos Aires, na campaña contra os ingleses.

As orixes da Oferenda conócense moi ben. Un Coengo Maxistral de Lugo, coido que Xoan Velo, doulle a ideia a os maxistrados da Real Audiencia. O Cabidoo encarregoulle un Memorial ao erudito Pallares Gayoso, o autor desa importante historia que leva o tíduo pagano-cristián de “Argos Divina” . A Xunta de Galicia tomóu o acordo na reunión convocada no 1669 pola Reina Gobernadora Dona Mariana de Austria, a causa da guerra de Flandes. Aínda despóis, en honra da eirexa-solar da heráldica do Reino, a Xunta sufragou impor tantes obras na Catedral de Lugo. Non esquenzamos a suposta etimoloxía “Galicia”, terra do ” Galia”.

Despóis do século e medio da disolución, Galicia volve a ter a súa Xunta, que nunca desapereceu de todo, pois, pra que non “prescribira”, elixíu a festa eucarística de Lugo, e defende a súa sobrevivencia, cumprindo un voto na metrópoli da Galicia román.

Faro de Vigo, 28-V-1978 

Ante a celebración o domingo 14 de xuño da Ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo Sacramento en Lugo

Sen recibir a día de hoxe [11 de xuño] confirmación oficial da súa asistencia á celebración da Ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo Sacramento por parte de varias das cidades participantes, e entre elas Santiago de Compostela, a quen correspondía facela este ano, presentará a Ofrenda a cidade de Mondoñedo, que xa confirmou a súa asistencia. A partir do próximo ano recuperarase a quenda tradicional.

Comunicado da Diocese de Lugo con motivo da Ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo Sacramento en Lugo

Ante a celebración o domingo 14 de xuño da Ofrenda do Antigo Reino de Galiza ao Santísimo Sacramento en Lugo.

– A Diocese de Lugo, como cada ano, agarda a confirmación da asistencia dos representantes das sete cidades do Antigo Reino. Este ano a presentación da Ofrenda corresponde á cidade de Santiago de Compostela, de cuxo consistorio non recibimos aínda notificación oficial.
– Ante as peculiares circunstancias que se están a vivir nos distintos
 concellos este ano, desexamos reiterar a nosa invitación a participar neste acto a todos os alcaldes das sete cidades e aos representantes das Deputacións Provinciais.

A tradición da Ofrenda ao Santísimo, que é reflexo da nosa fe, e tamén da sociedade e da historia de toda Galicia, ten que ser continuada, polo que se manterá a súa celebración.

– Confiamos que unha boa comprensión do que significa a laicidade, permita que as institucións civís, que nos representan a todos, sigan estando presentes, promovendo así unha das mellores expresións da vida do pobo galego.

A %d blogueros les gusta esto: