Xornada Pro Orantibus

Coa solemnidade de Pentecoste o domingo pasado puñamos fin á cincuentena pascual, na que celebramos solemnemente a resurrección de Xesucristo e a nosa esperanza de tamén resucitar un día con el.
Agora volvemos ao tempo ordinario, pero facémolo dunha forma progresiva, pois este domingo e o próximo imos ter dúas celebracións especiais: a Santísima Trindade e o Corpus Christi.
O misterio da Santísima Trindade, que celebraremos este domingo, ponnos fronte a fronte coa grandeza infinita de Deus. A realidade dun só Deus e tres persoas verdadeiras faise incomprensible para nós e lémbranos que nós estamos moi lonxe de ser deuses, a pesar de que moitas veces nolo creamos pola nosa vaidade.
Neste día maniféstase que non somos nada, pero que Deus, a pesar da súa absoluta inmensidade, está moi preto de nós, quérenos con esa mesma grandeza e está disposto a habitar dentro de cada un a pesar de nosa pequeñez.

O domingo da Santísima Trindade tamén se celebra na Igrexa a Xornada Pro Orantibus. É un día para acordarnos dos monxes e monxas de clausura que dedican a súa vida dun modo particular á oración e á contemplación. Para que nos entendamos, trátase de que por un día recemos polos que todos os días do ano rezan por nós. O lema deste ano, «A vida contemplativa. Corazón orante e misioneiro», vén determinado polo mes misioneiro extraordinario, que o Papa convocou para outubro. Aínda que non sexamos conscientes diso, estamos moi obrigados cos contemplativos por todo o que eles nos achegan coas súas tantas horas de oración e silencio dentro dos muros dos seus mosteiros.

Miguel Ángel Álvarez

[Texto original en castellano]

O sábado 15 xuño as comunidades relixiosas da Diocese de Lugo celebran a Vixilia “Pro Orantibus” en Monforte de Lemos coas M.M. Clarisas – Mosteiro da Purísima Concepción.

Entre “festivos” e “pontes”. Tempo para rezar por España

Esta é a semana dos festivos e as pontes. Mañá é o día da Constitución e, por tanto, festivo civil. Tamén celebramos a solemnidade da Inmaculada Concepción da Virxe María, que tamén é día festivo en España. E, coincidan como coincidan estes días, sempre haberá ocasión para facer, polo menos, unha pequena “ponte”.

Nós tentamos ir máis aló das “pontes” e estes días tamén deberían converterse nunha ocasión para a oración. Esta semana debería ser a “semana de oración por España”. Explícome.

A Constitución española cumpre corenta anos mañá nunha nación na que se pon en dúbida case todo. Resultan paradoxais os niveis de crispación, insultos e violencia que temos que soportar todos os días e que non parecen propios dunha nación desenvolvida do século XXI, concienciada coa solidariedade, que despois non se practica entre os seus membros.

Por iso mañá, aínda que sexa unha celebración civil, non está de máis de teñamos unha oración especial polo noso país, polos seus gobernantes e as súas xentes, para que todos podamos vivir en paz e concordia fraternal. É inxusto que se gaste o tempo e o diñeiro só para unha violencia verbal (e ás veces física) que non leva a ningunha parte.

Encomendemos España a María, que a Nai poña cordura nos seus fillos e unidade entre todos. Esta semana honramos á nosa Nai a Virxe María no seu misterio da Inmaculada Concepción. Unha Nai que sempre está aí e á que Deus preparou desde sempre, facéndoa Inmaculada, para ser a nai de Xesucristo, o príncipe da paz.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

Artigo orixinal

Oración polo Sínodo sobre a mocidade

As Delegacións de Xuventude de España organizan unha cadea de oración polo Sínodo dos bispos sobre a xuventude. Con este motivo, o Sr. Bispo presidirá unha vixilia de oración na Catedral o día 25 de outubro ás 21 h. A ela están invitados representantes de parroquias, movementos, colexios relixiosos… A vixilia terá un carácter xuvenil sen perder a profundidade propia da oración, na que se pedirá polos froitos do Sínodo.

Camiño contemplativo

O venres 16 de febreiro ás 18h terá lugar un segundo Camiño contemplativo, iniciativa que puxo en marcha este curso Apostolado Segrar. Nesta ocasión a saída é do Centro parroquial As Fontiñas, para, cunha dinámica de oración e silencio, seguir polo Parque do Río Rato e concluír na Capela de San Roque, onde se poderá compartir a experiencia vivida de rezo e meditación.

Vixilia de oración polos damnificados da guerra en Siria

 

O vindeiro venres día 1 de decembro ás 20h, a Asociación Xuvenil Ateibo organiza unha vixilia de oración, enmarcada dentro do Proxecto Suriya, para ter presentes ás persoas que están a sufrir os efectos da guerra en Siria.

O proxecto Suriya está impulsado pola “Confederación de Centros Juveniles Don Bosco de España” e o “Movimiento Juvenil Salesiano” e supón un compromiso dos centros xuvenís salesianos de toda España, federados e non federados cos centros xuvenís salesianos de Siria (en Damasco e Alepo).

Desde os centros xuvenís salesianos de España apóiase, en irmandade, aos centros xuvenís que os salesianos e salesianas teñen en Siria. Non se trata dunha iniciativa puntual senón dun proxecto a curto, medio e longo prazo, con diferentes actividades, unha das cales é esta vixilia. Pódese atopar máis información en: www.facebook.com/Proyecto-Suriya@ProyectoSuriya

Esta vixilia realízase de maneira simultánea en diferentes presenzas e obras salesianas (Centros Xuvenís, Grupos de Fe, o IEF,  comunidades cristiás, casas, etc.), en irmandade tamén coa Familia Salesiana en Siria, durante a tarde/noite do próximo día 2 de decembro (en Lugo 1 de decembro ás 20:00 h).

A %d blogueros les gusta esto: