200 anos compartindo xeografía e sangue

Celebrar os anos que cumprimos sempre é unha sinal de que aínda vivimos… E ás veces ter quen se lembre dun é un feito importante, sinal dun afecto singular pola persoa. Pois este ano, concretamente o 25 de outubro, cumpríronse 200 anos do nacemento de José María Díaz Sanjurjo, dominico, natural de Santa Eulalia de Suegos, no concello de Pol, antiga xurisdición de Lea. A singularidade non está en que fose relixioso, en sentido literal, senón en que viviu a paixón polo Evanxeo ata o extremo de morrer por el, é dicir, deixando esnaquizar a súa vida por ser coherente coa fe en Xesús resucitado ou como di o canto sendo trigo do mesmo sementador triturado no muiño da vida transformado polo amor en Eucaristía. Na infancia un pensaba en gañar máis entusiastas co Evanxeo e adultamente – que non é o mesmo que dunha maneira madura- un vai deixando vellas ansias polo camiño e sen querer vaise acomodando apostando por conservar o que hai. Pero é a forza que trasmiten os santos –aqueles que desde Deus se converten en valedores e intercesores nosos- a que ás veces nos axuda a sacalas forzas necesarias para proseguir no monótono sucederse dos días e dos anos camiñando ó lado e ás veces diante do rabaño encomendado. Mirar cara á vida de Díaz Sanjurjo permítenos meditar no enrarecido clima no que viviu unha parte da súa vida que lle animou a descubrir a chamada da misión. Con Díaz Sanjurjo situámonos na época que comprende a desamortización de Mendizábal (1835) e a supresión das ordes relixiosas exceptuando aquelas que tiñan o fin máis inmediato nas misións. No caso de San José María esta misión materializouse marchando a Tonking, actual Vietnam, sendo dominico, pasando por Ocaña e as illas Filipinas.  A chispa parece que se produce pola súa relación cos dominicos en Lugo, destacando entre eles Pedro Teijeiro ou o futuro cardeal e arcebispo de Zaragoza, Manuel García Gil, que será tamén párroco de Montecubeiro, xa exclaustrado. Pero non era moito máis próspera a vida en Vietnam: adaptarse a unha lingua diferente, expresar os contidos da fe noutro idioma e adaptarse a uns costumes diferentes, facerse valer nunha cultura diferente. E por riba levar un compoñente cultural novo que viña a cambiar desde os alicerces ó individuo e á sociedade, tolerado nun principio e máis adiante visto o Evanxeo como unha provocación e converténdoo en obxeto a extirpar atacando ós estranxeiros cristiáns, en definitiva, ós líderes, ós bispos. Foron compañeiros de aventuras o asturiano Melchor García Sampedro e andando no tempo Valentín de Berriochoa, todos eles asasinados por odium fidei e todos fundamento da fe católica en Vietnam. En Lugo a súa figura e exemplo pasa desapercibida polo feito de que a súa vida se desenrolou noutras terras e por ser dominico e ser esta orde quen inicia os procesos de beatificación e canonización, aínda que das dúas veces se fixera eco dese feito. Na diocese de Lugo contamos con outros santos do tempos modernos que aínda non chegaron á gloria da canonización, é dicir, a proclamación da súa santidade e a autorización do seu culto na Igrexa universal. Polo tanto el é o único santo de Lugo dos tempos modernos. Están en proceso de canonización o bispo de Lugo Manuel Basulto Jiménez e de beatificación Francisco Carballo García, natural de Chantada. Esperamos que esta celebración do centenario nos axude a acercarnos a Deus a través deste santo con quen compartimos xeografía e sangue e tamén nos entren ganas de coñecer máis a súa figura.

Óscar González Murado

Sacerdote e historiador

San Xosé Mª Díaz Sanjurjo, un santo con denominación de orixe

Sospeito que máis dun criticará esta especificación que fago da figura de san Xosé Mª Díaz Sanjurjo, en termos só correctamente aplicables a produtos da terra e do traballo dos homes.

A estimación dun produto vén avalada polo lugar da súa procedencia e pola calidade da man de obra que intervén na súa elaboración, de aí a denominación de orixe con que se etiquetan certos artigos de consumo.

A santidade non é produto do campo nin tampouco da industria humana, senón froito da graza de Deus. Con todo, moito ten que ver na santificación do home a achega dos humanos e a contorna ambiental en que estes se moven. Isto lévame a pensar que non debe ser un despropósito de vulto dicir de san Xosé de Suegos que é un santo con denominación de orixe.

Á súa santificación contribuíron grandemente a responsabilidade dos seus pais, os cales inculcaron aos seus fillos as virtudes que eles vivían, o  ambiente cristián do seu tempo e a coidada      formación espiritual que recibiu no noso Seminario de Lugo.

Por todo isto, non considero fóra de lugar o que estou a dicir. Sexa como sexa, acepto a crítica negativa que se me poida facer, se a expresión “un santo con denominación de orixe” contribúe a que os lucenses valoremos un pouco     máis a egrexia figura de san Xosé Mª Díaz Sanjurjo, ilustre fillo de Lugo, insigne polas súas virtudes e polo seu saber.

Cando por todos os medios procúranse promocionar outros valores da terra e dar a coñecer a outros fillos ilustres da nosa terra, é inexplicable que deixemos caer no esquecemento a persoas tan eminentes como o noso santo.

Lugo tivo moitos fillos ilustres. Non cito a ningún, para que non se me poida esquecer algún, pero entre eles, san Xosé Mª Díaz Sanjurjo brilla con luz propia pola súa ciencia e virtude: doutor en ambos os Dereitos, autor dun tratado de Dereito Natural, sacerdote dominico, misioneiro do Tonkín (hoxe Vietnam), bispo de Platea aos 30 anos e… mártir de Cristo aos 38. É un lucense que o deixou todo para darse totalmente a todos. Ben merece, coa nosa admiración, o noso aprecio e nosa estima, tamén o noso recoñecemento.

Xunto a san Xosé Mª, figuran tamén na lista de santos lucenses: san Capitón, primeiro bispo de Lugo; san Froilán e a súa nai, santa Froila, fillos da nosa cidade; san Rosendo, bispo de Mondoñedo, san Inocencio de Foz…

Á vista destes nomes, cabe afirmar, plaxiando o dito castelán, que se Ávila é “terra de cantos e de sabios”, Lugo o é “de nabos e de santos”. Os nabos de Lugo son os mellores do mundo e os santos lucenses o son coa santidade dos mellores fillos da Igrexa. Pero, ollo! que a lista non está pechada.

Mons. Indalecio Gómez Varela

Bicentenario de San Xosé María de Suegos

O sábado 20 de outubro ten lugar unha peregrinación de 5 km entre Mosteiro e Suegos, con paradas na capela da Virxe dos Remedios de Xerbolés e capela das Neves) para orar e coñecer aspectos da vida do santo por medio de audiovisuais.

En Suegos visítase a casa natal e ás 13 h haberá unha Eucaristía presidida polo bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

Existe a posibilidade de xantar, avisando nos números de teléfono 608 010 147 (Jesús Trigo) ou 658 370 318 (Miguel Asorey).

[Escoitar entrevista ao sobriño-bisneto do Santo e ao párroco de Suegos]

San Froilán e San Xosé María Díaz Sanjurjo

Falar dos santos é máis edificante que dos bandidos. Esta afirmación, que parece tan clara, non é tan evidente na sociedade actual. Recordo que na nosa infancia líamos vidas de santos. Sen embargo, na actualidade, hai un gran descoñecemento destas vidas exemplares. Se no medio das concurridas rúas da nosa cidade preguntaramos quen foi san Froilán, probablemente atopariámonos coa constatación dun impresionante descoñecemento deste noso Santo Patrón e paisano. E se preguntamos quen foi san Xosé María Díaz Sanjurjo, aínda peor. A santidade parécenos difícil tal vez porque nunca nos preguntamos seriamente en que consiste. Pero os santos son os nosos amigos e benfactores. Por iso é saudable achegarse a eles para coñecelos e sobre todo para imitalos.

Un monago de Lalín contábame hai uns días que xogaba a ser crego na casa coa súa familia. Ogallá que de tanto xogar a ser crego chegue a selo. Non é esta unha mala receita. Non podería suceder tamén que á forza de xogar a ser santos remataramos chegando a selos? Dise que Teresa de Lisieux chegou a ser santa xogando aos santos co Neno Xesús, como aquel neno que a forza de xogar a ser médico, remata, sen decatarse, nunha Facultade de Medicina ou exercendo tan nobre profesión nun hospital. Que sería de nós sen os santos, intercesores admirables, vidas exemplares, mártires, doctores, protectores? En dous mil anos de historia, afirma Bernanos, a Igrexa sufriu moitas catástrofes: arianismo, nestorianismo, pelaxianismo, o Cisma de Oriente, Lutero… pero sen os santos, grandes imitadores de Xesucristo, a cristiandade non sería máis ca un xigantesco montón de historias fracasadas e de chatarra oxidada baixo a choiva.

San Froilán e San José María Díaz Sanjurjo son dous santos da nosa terra lucense, que coñeceron o noso mesmo clima, camiñaron polas nosas corredoiras, rezaron nas nosas igrexas e medraron nas nosas casas.

Froilán, amigo e santo, ermitán e monxe, lugués e leonés, emigrante, camiñante, peregrino, amante da natureza e dos animais, fundador de mosteiros e de comunidades fraternas, bispo por aclamación popular.

San Xosé María, natural de Suegos (Pol, 1818), o vindeiro día 20 deste mes, recibirá na súa terra natal unha moi merecida homenaxe con motivo da celebración do 200 aniversario do seu nacemento. Estudiou no noso Seminario Diocesano e na Universidade de Santiago, ingresou na Orde de Predicadores e foi ordenado sacerdote en Cádiz. Fiel a súa vocación misioneira evanxelizou en Manila e en Luc-Thuy (Tonkin). Despois de ser nomeado bispo de Doung-Xuyen (1852) foi perseguido polo emperador Tu-Duc, torturado e decapitado en Nam-Dinh. San Xoán Paulo II proclamouno santo no ano 1988.

O Papa Francisco acaba de publicar unha interesante Exhortación Apostólica sobre “a chamada á santidade no mundo actual” baixo o título Gaudete et Exsultate (Alegrádevos e reloucade). É unha invitación a tódolos crentes e ás persoas de boa vontade a saír da mediocridade e a asumir, con gozo e alegría, os principios do Amor Primeiro, con frecuencia misturados e diluídos nun relativismo vulgar e conformista.

Queira Deus que mirando e contemplando a vida destes nosos santos (Froilán e José María) recuperemos folgos e coraxe para levar unha vida en santidade, resistir ás tentacións do mundo e anunciar a Boa Nova do Evanxeo de Xesucristo.

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

20 de xullo: San Xosé María de Suegos

Neste ano 2018 cúmprense 200 anos do nacemento de San Xosé María Díaz Sanjurjo en Santa Eulalia de Suegos (Pol). Ademais da súa santidade, unha das circunstancias que lle permite permanecer neste mundo é a súa correspondencia, que é precisamente o tema abordado por Fernanda Follana Neira no último número da revista Lvcensia. Segundo a autora “a pesar de que a intencionalidade do mártir era só comunicarse, as cartas son en si mesmas, por calidade literaria e contido, de interese para o público, ben como literatura histórica ou de viaxes, ben como aproximación á figura de Díaz Sanjurjo”.

 O Diccionario Biográfico electrónico da Real Academia da Historia recolle unha carta que desde Nam- Dinh escribía aos demais vicarios apostólicos e misioneiros: “Carísimos señores y hermanos míos: salud y gracia.

Este pecador rictus in Domino, saluda y se despide de todos hasta la gloria. Perdón les pido de todos los disgustos y ofensas. Este cepo y cadenas son regalados adornos llevados por Jesús. Mi alma regresa, esperando que mi sangre se derrame, y unida con la que nuestro amable Redentor vertió en el Calvario, purifique todas mis iniquidades. Confío me ayudarán con fervorosas oraciones a conseguir el don de fortaleza y perseverancia final. Supongo que me restan pocos días, pero entre estos leopardos-sanguijuelas se hacen ellos muy largos. ¡Ojalá sean el purgatorio de mis pecados! Escribo con una rajita de caña en la hoja de un libro y no puedo alargar ésta. Mi declaración no compromete a nadie, y la verdad queda salva. Hay mucho empeño en coger al P. Trac (religioso indígena de la Orden). Me prometían salvar la vida de ambos, se le hiciera presentarse, y me vi comprometido para evitar sus preguntas sin ofender a la verdad; gracias al Señor, ya salí del apuro, y ahora si me preguntan, les respondo ‘ad ephesios’. Adiós, amigos, por última vez. Cárcel de Nam-Ding y mayo 28 del 1857. Fr. José María”.

 Na Parroquia de Santa María de Valonga (Pol) hai unha Eucaristía na súa memoria o sábado 21 ás 13:45h e a continuación un xantar.

O 25 de outubro haberá actos na Diocese con motivo da efeméride.

A %d blogueros les gusta esto: