Presentación da Semana Santa da cidade de Lugo

Na cidade de Lugo o 1 de abril deuse a coñecer como vai ser a Semana Santa da capital lucense. Foi ás 11:30 h na capela de San Froilán da Catedral de Lugo.

O primeiro en intervir foi o coordinador da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta, que sinalou, entre outras cousas, o seguinte:

“Fíxose un esforzo para que a nosa Semana Santa sexa cada vez máis coñecida sobre todo no Estado Español, pois dentro duns anos pretendemos optar a ser unha Semana Santa con recoñecemento de nivel nacional. Fíxose un pequeno vídeo que vai ser exposto nas pantallas de oficinas de Correos de Lugo, Monforte, Viveiro, Ferrol, Santiago, Madrid e Barcelona”.

Á Semana Santa lucense pásalle algo así como á cidade, moita xente a descoñece pero cando vén aquí por primeira vez e a ve, sempre se queda sorprendida ao non agardar que sexan como é. Pensan que é unha Semana Santa con menos actos, con menos vistosidade, pero marchan falando moi ben desta celebración”.

A continuación falou representando á Deputación Pablo Rivera (da área de Promoción Económica e Social):

Presentar a Semana Santa prodúceme satisfacción porque é volver ao esplendor da Semana Santa despois de dous anos de longa pandemia… A Deputación apoia a confrarías á hora de restaurar pasos, entre outras cousas, porque cremos no respecto absoluto á tradición, á cultura, ao turismo e á economía… Igual có traballo en equipo dos costaleiros permite acadar o seu obxectivo de culminar a procesión, tamén noutros ámbitos a unidade fainos máis fortes”.

A seguinte intervención foi a da Concelleira de Gobernanza do Concello de Lugo, Paula Alvarellos:

“Falamos dunha celebración local considerada de interese turístico galego da que cómpre subliñar o importante labor que realizan as confrarías da nosa cidade, impulsoras dese recoñecemento. Desde o Concello valoramos esta celebración como unha gran oportunidade, xa que se compaxina por suposto a devoción e o sentimento relixioso con outros eidos, como pode ser a cultura”.

E pechou o acto o Vicario Xeral da Diocese e deán da Catedral, Mario Vázquez. Destacou varios actos: Eucaristía do Domingo do Ramos na praza de Santa María, oración pola paz mundial (no mesmo lugar o 8 de abril), a Misa Crismal o Mércores Santo.

Porque Lugo é a cidade do Sacramento, como deán manifestou a súa gran ilusión de que a Confraría Sacramental da Santa Cea do Señor fose a confraría das confrarías.

Tamén sinalou Mario Vázquez a necesidade de valorar que en Lugo todos os anos é Ano Santo, pola indulxencia plenaria cotiá e permanente que ten o privilexio

Primeiros actos de Semana Santa na cidade de Lugo

Venres 26 de marzo: VÍA CRUCIS POLAS VÍTIMAS DO COVID -19 ás 18:30 h na Catedral

Organiza a Xunta de Confrarías de Semana Santa

28 de marzo: DOMINGO DE RAMOS: Eucaristía e bendición de ramos ás 12 h na Catedral

Colabora a Confraría da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén.

O domingo 28 de marzo ás 19:30 h na igrexa dos PP. Franciscanos celébrase unha EUCARISTÍA EN HONRA Á VIRXE DAS DORES

Organiza a Confraría do Desencravo do Señor e das Maiores Dores de María Santísima.

Ao remate, o Orfeón Xoán Montes interpretará a “Salve Raíña”

O luns 29 de marzo na igrexa Parroquial de Santiago “A Nova” EUCARISTÍAS EN HONRA Á VIRXE DA ESPERANZA ás 12.00 h e 19.00 h

Organiza a Insigne Confraría da Virxe da Esperanza

Intervirán membros da Banda de Música do Tercio Norte da Armada Española, que interpretarán ao final das dúas misas a “Salve Mariñeira”.

Retransmisión das celebracións de Semana Santa desde a Catedral de Lugo

O Bispo de Lugo presidirá as celebracións na Catedral sen a presenza do pobo. Retransmitiranse as celebracións por Youtube, na canle da Diocese de Lugo co seguinte horario:

MÉRCORES SANTO – Misa Crismal – 17 h Bendición dos Santos Óleos.

XOVES SANTO – Misa da Cea do Señor – 17 h

VENRES SANTO – Celebración da Paixón do Señor – 17 h.

SÁBADO SANTO – Vixilia Pascual – 20 h.

DOMINGO DE PASCUA – Santa Misa – 12:30 h

Xoves e Venres Santo

Xoves Santo

A celebración eucarística da Misa vespertina da Cea do Señor que se celebra na S. I. Catedral e nas parroquias, así como a posterior procesión da Santa Cea, son os acontecementos máis significativos deste Xoves Santo na cidade. Acontecementos que adquiren especial relevancia ao celebrarse este ano o 350 aniversario da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento (1669-2019) e ao renovarse recentemente o privilexio, na nosa Catedral, da Indulxencia Plenaria cotiá e permanente.

A misa vespertina do Xoves Santo, en Lugo, Cidade do Sacramento, debe vivirse especialmente como o gran pórtico do Triduo pascual e baixo o prisma do sacramento ou signo que lembra e fai presente o Misterio pascual da morte e resurrección de Xesucristo, que se celebrarán con solemnidade nestes días. Así, faise memoria dos misterios da institución da Eucaristía, do sacramento da orde e do mandato do Señor sobre a caridade fraterna polo que, a causa dos pobres convértese en causa de Deus. Esta Misa santa representa, pois, a profecía do que será o triunfo da vida que a Igrexa se dispón a celebrar con especial solemnidade na Noite Pascual.

Venres santo

Todas as celebracións do Triduo teñen como obxecto o conxunto do Misterio Pascual ou tamén chamado “tránsito de Xesucristo”. A través de tres realidades, morte, sepultura e exaltación ao ceo, pasa deste mundo ao Pai e fai pasar tamén consigo á humanidade enteira, da morte á vida e do pecado á vida de amizade e comuñón con Deus. Desde a perspectiva litúrxica, a característica máis propia e o matiz máis peculiar do Venres Santo, primeiro día de Pascua, é a contemplación do Deus crucificado que coa súa morte, inaugura a Pascua e vence o fracaso de toda a humanidade. A antífona dun dos cantos máis característicos deste día exprésao moi ben: A túa Cruz adoramos, Señor, e a túa santa resurrección loamos e glorificamos.

A Igrexa, pasa neste día, dunha intensa austeridade no comezo do Triduo, á utilización de elementos festivos e alegres na noite e día de Pascua. Desde a paixón de Cristo, xeracións de cristiáns atormentados, perseguidos, enfermos, prisioneiros, seguen mirando cara ao crucificado doente, que, como dicía P. Claudel, non veu nin a suprimir o mal, nin a darlle unha explicación, senón a solidarizarse co sufrimento humano, a compartilo e a enchelo coa súa presenza para salvarnos da morte eterna. Desde entón, a última palabra xa non é de morte, senón de resurrección e vida.

J. Mario Vázquez Carballo

Encontro preparatorio de Semana Santa

A Delegación de Apostolado Segrar organiza o sábado 13 de abril entre as 10 e as 14 horas no Seminario un Encontro preparatorio da Semana Santa. Estará centrado nos personaxes da Semana Santa.

E o 17 de maio na Casa Diocesana hai un retiro do grupo de formación laical de 10 a 17 h  a cargo do sacerdote do Arcebispado de Oviedo, Andrés Pérez: “Como vivían os primeiros cristiáns”

A %d blogueros les gusta esto: