Retransmisión das celebracións de Semana Santa desde a Catedral de Lugo

O Bispo de Lugo presidirá as celebracións na Catedral sen a presenza do pobo. Retransmitiranse as celebracións por Youtube, na canle da Diocese de Lugo co seguinte horario:

MÉRCORES SANTO – Misa Crismal – 17 h Bendición dos Santos Óleos.

XOVES SANTO – Misa da Cea do Señor – 17 h

VENRES SANTO – Celebración da Paixón do Señor – 17 h.

SÁBADO SANTO – Vixilia Pascual – 20 h.

DOMINGO DE PASCUA – Santa Misa – 12:30 h

Xoves e Venres Santo

Xoves Santo

A celebración eucarística da Misa vespertina da Cea do Señor que se celebra na S. I. Catedral e nas parroquias, así como a posterior procesión da Santa Cea, son os acontecementos máis significativos deste Xoves Santo na cidade. Acontecementos que adquiren especial relevancia ao celebrarse este ano o 350 aniversario da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento (1669-2019) e ao renovarse recentemente o privilexio, na nosa Catedral, da Indulxencia Plenaria cotiá e permanente.

A misa vespertina do Xoves Santo, en Lugo, Cidade do Sacramento, debe vivirse especialmente como o gran pórtico do Triduo pascual e baixo o prisma do sacramento ou signo que lembra e fai presente o Misterio pascual da morte e resurrección de Xesucristo, que se celebrarán con solemnidade nestes días. Así, faise memoria dos misterios da institución da Eucaristía, do sacramento da orde e do mandato do Señor sobre a caridade fraterna polo que, a causa dos pobres convértese en causa de Deus. Esta Misa santa representa, pois, a profecía do que será o triunfo da vida que a Igrexa se dispón a celebrar con especial solemnidade na Noite Pascual.

Venres santo

Todas as celebracións do Triduo teñen como obxecto o conxunto do Misterio Pascual ou tamén chamado “tránsito de Xesucristo”. A través de tres realidades, morte, sepultura e exaltación ao ceo, pasa deste mundo ao Pai e fai pasar tamén consigo á humanidade enteira, da morte á vida e do pecado á vida de amizade e comuñón con Deus. Desde a perspectiva litúrxica, a característica máis propia e o matiz máis peculiar do Venres Santo, primeiro día de Pascua, é a contemplación do Deus crucificado que coa súa morte, inaugura a Pascua e vence o fracaso de toda a humanidade. A antífona dun dos cantos máis característicos deste día exprésao moi ben: A túa Cruz adoramos, Señor, e a túa santa resurrección loamos e glorificamos.

A Igrexa, pasa neste día, dunha intensa austeridade no comezo do Triduo, á utilización de elementos festivos e alegres na noite e día de Pascua. Desde a paixón de Cristo, xeracións de cristiáns atormentados, perseguidos, enfermos, prisioneiros, seguen mirando cara ao crucificado doente, que, como dicía P. Claudel, non veu nin a suprimir o mal, nin a darlle unha explicación, senón a solidarizarse co sufrimento humano, a compartilo e a enchelo coa súa presenza para salvarnos da morte eterna. Desde entón, a última palabra xa non é de morte, senón de resurrección e vida.

J. Mario Vázquez Carballo

Encontro preparatorio de Semana Santa

A Delegación de Apostolado Segrar organiza o sábado 13 de abril entre as 10 e as 14 horas no Seminario un Encontro preparatorio da Semana Santa. Estará centrado nos personaxes da Semana Santa.

E o 17 de maio na Casa Diocesana hai un retiro do grupo de formación laical de 10 a 17 h  a cargo do sacerdote do Arcebispado de Oviedo, Andrés Pérez: “Como vivían os primeiros cristiáns”

Pregón da Semana Santa da cidade de Lugo

O mércores 10 de abril o Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo acolleu o pregón de Semana Santa da capital lucense. Trala actuación do Orfeón Lucense, interveu o doutor en Dereito Romano Federico Fernández de Buján Fernández, que se presentou como “testemuña de Cristo”, pois así se considera desde que recibiu o sacramento da confirmación. Federico Fernández comezou rememorando varios episodios da súa infancia, como cando participaba na procesión da Borriquita. A parte central do pregón foi a historia do proceso contra Xesucristo, o máis inicuo da historia da humanidade, pola cantidade de irregularidades procesuais. Nunha segunda parte o pregoeiro reflexionou sobre o intre de silencio de Xesús nese proceso e sobre a memoria histórica. Concluíu o pregón cunha pregaria poética que Federico Fernández aprendeu de labios da súa nai, cando a acompañaba todos os días a rezar á Virxe na súa Capela da Catedral de Lugo.

Presentación da Semana Santa da cidade de Lugo

O 4 de abril presentouse, na capela de san Froilán da Catedral de Lugo, o programa e cartel da Semana Santa, declarada de Interese Turístico Galego.

No acto de presentación interviñeron o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, a concelleira da área de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua do Concello, Carmen Basadre, o deputado provincial responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación Provincial, Eduardo Vidal, o xefe territorial da Consellería de Presidencia da Xunta, Ramón Carballo e o coordinador da Xunta de Confrarías da cidade, Ramón Basanta.
Todos eles destacaron a importancia que ten a declaración de Interese Turístico Galego para a Semana Santa de Lugo e para a nosa cidade. Este recoñecemento, logrado grazas ao esforzo de todos os participantes na súa organización e ao apoio das administracións públicas, é a culminación de moitos anos de traballo para lograr situar á nosa Semana Santa como unha das máis singulares de Galicia.
O coordinador da Xunta de Confrarías, Ramón Basanta, fixo un percorrido polos actos que terán lugar esta Semana Santa, destacando a novidade no Vía Crucis, o venres 12 de abril, coa representación do auto da Paixón polas parroquias de Antas de Ulla e San Miguel de Esporiz. E que este ano, de novo, na procesión do Martes Santo terá lugar, á altura do convento franciscano, o acto do “Encontro de María con Xesús camiño ao Calvario”. O Exército de Terra que acompaña a esta procesión entoará un cántico propio do momento.

O carte, do fotógrafo Eduardo Ochoa, é tamén a portada do Programa.

[Ver Programa]

A %d blogueros les gusta esto: