Semana Santa
Asemblea Xeral da Confraría Sacramental
A Confraría Sacramental celebra a súa Asemblea Xeral Ordinaria o venres, 13 de marzo, no Seminario diocesano ás 19.30 h. Nesta asemblea comezan a preparar os actos do Xoves Santo.
A Confraría Sacramental está formada por máis de 150 cofrades. Foi erixida en 1963 e ten a súa sé na Catedral de Lugo. É a única confraría de Lugo que realiza catro saídas ao ano: o Xoves Santo (con exposición da Sagrada Forma polas rúas de Lugo, polo que se sabe, un privilexio único), o Venres Santo, en Corpus Christi e na Infraoctava de Corpus (día da Ofrenda do Reino de Galicia a Xesús Sacramentado).
Miguel Ángel Álvarez Pérez: Un admirable intercambio
Xa chegou. Xa está aquí a Semana Santa. Non é unha semana calquera. É a semana que, desde a súa orixe, deu un xiro total e definitivo á historia da humanidade. Antes viviamos nas tebras e a incerteza, agora temos un destino certo e con garantías.
Di o Señor: “marcho para prepararvos sitio, para que onde eu estou esteades tamén vós”. Pódese esperar algo máis grande e mellor que participar da mesma vida do que é absolutamente grande e mellor?.
Trátase de celebrar un troco sen precedentes, onde Deus dánolo todo, até a súa propia vida, a cambio dos nosos pecados. Un Deus que, desde a súa grandeza, faise humilde e asume a nosa condición humana, para que nós participemos da súa mesma vida divina.
O camiño e prezo coñecémolo: a cruz e a morte. A meta tamén é coñecida: a resurrección e a nosa esperanza de resucitar tamén nós con Cristo.
Temos por diante unha semana para celebrar e vivir este misterio de amor. Deus ámanos até dar a súa vida por nós. Nunca ninguén o fixo antes. Agora só falta abrir os ollos e atopémonos con Cristo que sae a buscar aos que estabamos perdidos.
Miguel Ángel Álvarez Pérez
Párroco de San Froilán.
Última conferencia do ciclo “Occidente ante o século XXI” e pregón de Semana Santa
O 4 de abril ás 20h na Deputación Provincial de Lugo clausúrase o ciclo de conferencias que organizou a Xunta de Confrarías de Semana Santa sobre o tema dos valores. Esta última conferencia leva por título “Novos sucos para sementar esperanza” e será impartida por María Camino Cañón Loyes, da Institución Teresiana (foto esqda). Foi Vicerreitora da Universidade de Comillas.
A mencionada Xunta de Confrarías tamén programou, neste caso para o 5 de abril ás 20:30 no Círculo das Artes de Lugo, o pregón da Semana Santa, que corre a cargo do xornalista Manuel Silva García (foto dta). No mesmo acto actuarán os alumnos de Coro e Orquestra de Corda do Conservatorio Xoán Montes de Lugo.
Acordos da Xunta de Confrarías para a Semana Santa de Lugo
O 27 de marzo, celebrouse a reunión da Xunta de Confrarías de Lugo para preparar os actos da Semana Santa 2011.
Entre os acordos adoptados están os seguintes:
– Pregón de Semana Santa o 5 de abril: No acto do pregón haberá un concerto a cargo dos alumnos de Coro e Orquestra de corda de grao profesional do Conservatorio de Música Xoán Montes de Lugo. O pregoeiro será o xornalista Manuel Silva García.
– O cartel anunciador da Semana Santa 2014 foi encargado ao fotógrafo lucense Eduardo Ochoa.
– II Xornadas de Formación confrade o martes 8 de abril: o Vigairo Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, tratará o tema “Ser confrade hoxe na Igrexa”.
– Vía Crucis o venres 11 de abril, dedicado á Exhortación Apostólica do Papa Francisco, Evangelii Gaudium.