Mesa redonda sobre a defensa do traballo decente

caritas-mesa-redonda-defensa-traballo-decente

Con motivo do día 7 de outubro ser a Xornada Mundial polo Traballo Decente, Cáritas Diocesana de Lugo organizou entre outras accións unha mesa redonda baixo o título “Defensa do traballo decente”.

Participantes na mesa redonda:

  • Ramón Fariñas Ríos

    Secretario Comarcal de CCOO de Lugo

  • Mercedes Montes Rodríguez

    Dtora. da Escola Universitaria de Relacións Laborais de Lugo

  • Carmen José López

    Presidenta de AJE Galicia

  • Rocío Rebolo Serén

Xefa do Servizo de Emprego e Economía Social-Consellería de Economía

  • Modera: Mónica Yáñez, Secretaria xeral de Cáritas Diocesana de Lugo

    Traballo decente é un concepto usado pola sociedade civil e o maxisterio da Igrexa católica, que se ve a necesidade de reivindicar e poñelo en primeira liña da axenda política, social e eclesial.

    [Manifesto polo traballo decente]

Ninguén sen traballo e sen nai. Día do traballo, día da nai, mes das flores

Este domingo celebramos o VI domingo de Pascua, pero tamén o día do traballo por ser o 1 de maio; e o día da nai porque é o primeiro domingo deste mes.

Cristo fai novas todas as cousas, por iso a Igrexa “bautiza” o día de traballo coa memoria de San Xosé obreiro, o carpinteiro de Nazaret. Xosé axudou á Virxe María a criar e educar a Xesús, coma se fose o seu auténtico pai. A Igrexa dedica a María o mes de maio ou mes das flores, por iso en España celebramos o primeiro domingo deste mes o día da nai.

Ninguén sen traballo e sen nai. O traballo é necesario para vivir dignamente e para axudar á estabilidade das relacións familiares. Ademais, traballo, polo menos para os crentes, é tamén ocasión para colaborar coa obra creadora de Deus.

O papa Francisco na exhortación apostólica Amoris Laetitia, denuncia a ausencia de traballo, ou a indignidade de moitos empregos, que ás veces causan feridas dolorosas no seo das familias.

Ter un traballo que permita vivir dignamente é unha das principais preocupacións dos españois. Os gobernos de todas as administracións falan continuamente de políticas de emprego. Quizais non estaba de máis que todos lembrásemos aquel primeiro de maio da historia, cando, despois de moito esforzo, conseguiuse a xornada laboral de 8 horas e o poder descansar outras 8, aínda que se lles quedou polo camiño unha última reivindicación tamén fundamental: 8 horas de “cultivo persoal” que non conseguiron sacar a adiante polos intereses pouco xenerosos dalgúns. Na miña opinión, aínda estamos suspensos en todo o que implica este “cultivo persoal” que reclamaban os nosos antepasados non tan afastados: formación humana e profesional antes, durante e despois da nosa época de traballadores.

E ninguén sen nai. Isto xa non depende de nós. A chamada “lei de vida” ten o seu ritmo. Pero, sexan como sexan as cousas, sempre vai haber unha nai que nunca vai fallar: María, a nai de Xesús. El mesmo entregóunola a todos, cando lle dixo a Xoán, que estaba aos pés da cruz: “aí tes á túa nai” (Xn 19, 26-27). Di tamén o texto evanxélico que “desde aquel día o discípulo recibiuna na súa casa”.

Tamén na Amoris Laetitia o Papa alza a voz en favor de tantos nenos que son privados das súas nais, inxusta e innecesariamente, en procesos violentos ocasionados por guerras e outros intereses. Tampouco se esquece o Papa dos nenos aos que non se lles deixa nacer nin das nais que teñen que abortar inducidas por terceiros ou porque ninguén lles brinda a axuda material e emocional que necesitan para seguir adiante co embarazo.

Hoxe poño nas mans de María a todas as mulleres que exercen a súa maternidade de distintas formas, a todos os fillos que necesitamos o amor e coidado dunha nai, a todas as nais que están soas e a todas as persoas que foron arrebatadas das mans das súas nais. Que ela, a Nai de Deus, interceda por todos.

Baixo o patrocinio de San Xosé Obreiro poño a todos os traballadores, aos empresarios, aos sindicatos, aos autónomos, aos que non teñen traballo ou teñen que traballar en condicións precarias. Que o carpinteiro de Nazaret interceda para que todos teñamos un traballo que nos permita vivir dignamente e fáganos experimentar a graza de ser colaboradores de Deus no “coidado da casa común” (Laudato Si).

Miguel Ángel Álvarez

Bendita profesión

Non só nas actuais tempos que corren, senón que xa antes de comezar a “crise” foron contadas as veces en que me atopei a xente satisfeita co seu traballo. Xa fose polo tipo de traballo desempeñado, o soldo ou os horarios, aínda que ás veces tamén polos compañeiros.

Eu tiven uns traballos moi variados ao longo da miña vida laboral, e sempre intentei sacar algo positivo de todos eles, porque me ensinaron algo que me axudou a mellorar como persoa e profesional.

Na actualidade estou traballando temporalmente, nunha oficina na que a miña principal función é asesorar e informar ao peregrino que está realizando o Camiño Francés, ademais de informar a calquera turista que me solicite información do concello no que me atopo, labores de mercadotecnia e administrativas. Un dos aspectos positivos do traballo é conversar cada día con xente de distintas culturas e ámbitos, enriquécenos en todos os aspectos e axúdanos a ser mellores no noso traballo.

Tamén lle atopo moitas vantaxes a traballar en domingo, que é cando empeza a miña quenda:

  • Os domingos pola mañá non teño atascos para ir ao traballo.

  • Non teño tirria aos domingos pola tarde como o resto da xente que se deprime pensando que se lles acaba a fin de semana e o luns teñen que ir traballar.

  • Fai que a semana pareza máis curta.

  • Para min os luns son como un martes.

  • Cando os mércores están pensando que aínda están a metade de semana, eu estou en vésperas de coller os meus descansos.

  • Os usuarios son alegres e receptivos. Ao estar de vacacións están máis felices e iso transmítese.

  • Paréceme que aproveito máis o día cando traballo.

  • Temos a sorte de viaxar en tempada baixa con prezos máis asequibles, sen atascos nas estradas, aeroportos,etc; non temos colas para que nos atendan nun hotel ou nunha oficina de turismo,etc co que a atención é mellor porque a persoa que nos atende non está desbordada de clientes e pode dedicarnos máis tempo.

É por todo iso que digo “bendita profesión esta que elixín”.

Oxalá que vostede teña a mesma sorte que eu e dedíquese á súa paixón. Se aínda non a atopou, deséxolle sorte na súa procura.

Goce do día, sexa feliz e honrado.

Delia Gutiérrez Fernández

A %d blogueros les gusta esto: