Xornada contra a trata de persoas

O 8 de febreiro, festa de santa Xosefina Bakhita -a relixiosa canosiana sudanesa que de nena viviu a dramática experiencia de ser vítima de trata e foi declarada santa en 2000-, celébrase en todo o mundo a terceira Xornada de Oración e Reflexión contra a Trata de Persoas. A primeira edición da Xornada Mundial celebrouse o 8 de febreiro de 2015, por vontade do Papa Francisco.

Esta edición de 2017 introduce un elemento novo, co fin de equilibrar a proposta de oración e de reflexión centrándose nun aspecto específico do vasto e complexo mundo da trata de persoas: a trataa de nenas, nenos e adolescentes, co lema “Son nenos!, Non escravos!”.

Alento a cantos están comprometidos a axudar a homes, mulleres e nenos escravizados, explotados e abusados como instrumentos de traballo ou pracer, e a miúdo torturados e mutilados. Desexo que cantos teñen responsabilidades de goberno tomen decisións para remover as causas desta vergonzosa praga, praga indigna dunha sociedade civil. Que cada un de nós se comprometa a ser voceiro destes irmáns e irmás nosos, humillados na súa dignidade. Invoquemos todos xuntos á Virxe, por eles e polos seus familiares” (Papa Francisco, Angelus 8 febreiro 2015).

Campaña de Cáritas no Día contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

dia-contra-a-trata-wordpress

O venres 23 de setembro é o Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres, nenas e nenos. Cáritas Diocesana de Lugo, xunto coas entidades Aliad Ultreia e Asociación Bonhomía, buscan sensibilizar á poboación sobre este drama humano. Para iso elaborouse un vídeo, coa colaboración da Fundación TIC e Centinelas Asociación, que será difundido a través das redes sociais. No vídeo personalízase este problema que tantas veces se considera alleo ao noso mundo, móstrase como calquera muller compañeira ou amiga próxima, ante un momento de necesidade ou vulnerabilidade pode ser vítima de trata ou explotación.

O programa de Muller de Cáritas diocesana de Lugo desenvolve un proxecto dirixido a vítimas de violencia, especialmente, vítimas de trata e explotación sexual en contextos de prostitución; e outro destinado ao traballo de prevención e coidados da saúde de mulleres. No 2015 foron 161 as mulleres contactadas en pisos ou clubs de prostitución ás que se lles impartiron micro talleres sobre información sanitaria, outros empregos... Delas, máis de 60 recibiron despois unha atención, acompañamento e apoio personalizado directamente en Cáritas.

Exposición fotográfica “Tralas luces: soños e medos de mulleres”

Exposición Muller

A Área de Muller de Cáritas Diocesana de Lugo organiza unha exposición fotográfica itinerante, onde once mulleres en contextos de prostitución -algunha delas vítimas de trata de seres humanos- mostran os seus soños e os seus medos a través de fotografías realizadas co móbil. Así mesmo, as participantes desta acción explican as súas imaxes con comentarios escritos polo seu puño e letra.

Esta exposición pode verse na Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo (ata o 13 de novembro).

Os doce paneis que compoñen a exposición fotográfica van acompañados de material informativo sobre a prostitución, a explotación sexual e a trata de persoas.

A %d blogueros les gusta esto: