Mercado benéfico de Mans Unidas

Entre os días 26 de abril e 12 de maio de 2012, a Delegación de Mans Unidas da Diocese de Lugo instala un mercado benéfico na cidade de Lugo como vén facendo ininterrompidamente desde hai anos.

Nesta ocasión estará situado nas Galerías da Praza de Santo Domingo nº 2 – local 13. O horario de atención ao público é de 11:00 h. a 13:30 h. e de 17:00 h. a 20:30 h. de luns a venres laborables. Os sábados de 11:00 h. a 13:30 h.

Todo o diñeiro recadado será destinado aos dous proxectos que se financian este ano por parte de Mans Unidas da Diocese de Lugo, un en Nixeria e outro en Níxer.

O proxecto de Nixeria céntrase nun programa de microcréditos para mulleres de comunidades agrícolas en Ijebu Noroeste, no estado sureño de Ogun, e ten como beneficiarios a 2.500 persoas. O seu importe é de 33.713 € e Frei Vicent O. Ajayi está á fronte do mesmo.

O proxecto de Níxer consiste na construción de cinco pozos para poboación rural en comunidades e barrios de Tera e ten como beneficiarios a 7.500 persoas. O seu importe é de 75.789 € e o Padre Rafael Marco Casamayor coordínao.

As persoas interesadas en colaborar con esta iniciativa poden entregar no mesmo local de Sto. Domingo todo tipo de obxectos e produtos durante as horas de apertura ao públicos todo os días. Ou ben poñerse en contacto coa Delegación lucense de Mans Unidas no teléfono 982 25 55 67 para coordinar a súa recollida noutro lugar.

Peregrinación ecuménica en Lugo

  Un grupo de 25 finlandeses que participan nunha peregrinación ecuménica estiveron en Lugo o día 17. Eran católicos, luteranos e ortodoxos de Oulu, (poboación que está a uns  poucos quilómetros do Círculo Polar Ártico) que viaxan a lugares onde nacen as raíces dos seus credos.

Buscan un entendemento maior entre todos.

Desde hai 50 anos está de novo en Finlandia a Igrexa Católica e aínda que hai un Bispo do país, a maioría dos católicos son estranxeiros, como o párroco que ía no grupo que estivo en Lugo, Bosco Thomas, que é da India. Tamén estaban acompañados por Alberto e María, un matrimonio español do Camiño Neocatecumenal en misión no país nórdico desde hai unha ducia de anos e que celebran o que os une ás outras confesións cristiás.

Cursiño sobre “A realidade das drogas”

O Voluntariado Penitenciario Lucense organiza unha xornada de formación sobre “A realidade das drogas” o 14 de abril a partir das 10:30 h. no salón de actos de Cáritas na avenida das Américas, 93 – 97.

Entre as persoas que piden axuda aos colaboradores de Cáritas, do Voluntariado Penitenciario… un problema que poden ter é o consumo de drogas.

Cómpre, pois, saber detectar toxicomanías, orientar ás persoas e na medida e o posible guialas no camiño da desintoxicación.

Obxectivos do curso:

  • Facer ver a importancia e a necesidade da formación e a prevención.

  • Proporcionar as habilidades sociais adecuadas para o desempeño das súas funcións de forma adecuada, nos diferentes campos de actuación: no fogar familiar, establecementos de Cáritas, casas de acollida…

  • Facilitar os coñecementos necesarios sobre os recursos e estratexias a ter en conta para unha maior eficiencia.

A %d blogueros les gusta esto: