Homenaxe a Don Elías Valiña

O sábado 22 comezou a Peregrinación falada, desde O Cebreiro ata Santiago de Compostela, que é como se chama a homenaxe a Don Elías Valiña organizada pola Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago, en colaboración coa familia do homenaxeado. O día 29 os actos pasan do Cebreiro a Sarria, onde ás 12,30 h. dará Luciano Armas Vázquez unha conferencia sobre Don Elías.

E os dous primeiros sábados de decembro haberá unha mesa redonda en Melide en torno á figura de Don Elías (día 6) e a culminación da homenaxe na Catedral compostelana será día 13.

Encontro diocesano no inicio do Ano Litúrxico en Silleda – O Corpiño

O Sr. Bispo invita a participar a todos os diocesanos, sacerdotes, consagrados e laicos ao encontro diocesano ao comezo do Ano Litúrxico que terá lugar en Silleda – O Corpiño o vindeiro 2 de decembro.

O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

  • 11:00. Acollida, Oración e Desenvolvemento do tema: “Contra toda aparencia o Advento é tempo de esperanza” Relator: D. José Diéguez Dieppa, delegado de pastoral litúrxica e párroco da Diocese de Tui-Vigo Lugar: Salón parroquial da Casa rectoral de Silleda

  • 12:30. Descanso

  • 13:00. Celebración Penitencial na igrexa parroquial de Silleda

  • 14:15. Comida Fraternal.

  • 17:00. Eucaristía no Santuario do Corpiño.

A comida será nun restaurante de Silleda (15 €) e desde Lugo ponse un servizo de autobús, (10 €), con saída ás 9:30 da mañá desde a Praza de Bretaña e regreso ao final do encontro. É necesario apuntarse para a comida e o autobús antes do 28 de novembro nos teléfonos 616 85 17 18 ó 982 21 42 65, zona de Pontevedra 639 45 49 47.

Inauguración do Ano da Vida Consagrada na Diocese de Lugo

Inauguración ANO DE VIDA CONSAGRADA

Toda a Igrexa celebra un Ano da Vida Consagrada desde este mes ata o 2 de febreiro de 2016. Na Diocese de Lugo inaugúrase o próximo sábado 29 cunha Vixilia de oración ás 18:45 h. e ás 20 h. presidirá a Eucaristía o Sr. Bispo na Catedral.

Todos os fieis están invitados a unirse a estas celebracións.

As parroquias e comunidades de fóra da cidade Lugo organizarían unha vixilia de oración para que todos os cristiáns recen cos consagrados, recen por eles e creza na Igrexa o valor da vida consagrada.

Os consagrados/as da Diocese teñen un retiro de Advento (dirixido polo rector do Seminario) e unha Asemblea o 29 de novembro no Seminario Diocesano.

Presentación do número de outono da revista Lucensia

Presentac Lucensia n 49

Lucensia, revista da Biblioteca do Seminario Diocesano de Lugo presentou o xoves día 27 de novembro o seu número de outono. 

Esta edición -número 49, un volume de 208 páxinas- aborda temas de investigación histórica, de toponimia, enerxía xeotérmica, poesía, etc., coa culminación da lista de alcaldes do Concello de Lugo (desde antes do século XVI ata hoxe)

Dous artigos que destacan refírense á orixe do sistema parlamentar europeo no “tumbo vello” da Catedral de Lugo e á enerxía xeotérmica em Galicia. Cun breve comentario-exposición da profesora do Seminario Dolores Carmona, coautora deste último traballo e que mostrou o proceso de instalación desta fonte enerxética (calefacción-refrixeración) nunha vivenda concreta de Lugo.

Fin de ano – aninovo

Aínda estamos en novembro. Pero o Ano Litúrxico termina e xa comezamos outro. Poderiamos pensar que estamos celebrando sempre o mesmo, como unha especie de espiral repetitiva da que nunca conseguimos saír. Pero non é así. En realidade celebrámolo cada vez dunha forma nova e cada ano máis preto de Xesucristo, ou, polo menos, así debe ser: cada ano máis santos.

O Ano Litúrxico é a celebración de todos os misterios da vida de Xesucristo e todas as súas etapas, desde o nacemento ata o envío do Espírito Santo.

Consta de 3 grandes momentos: nacemento de Xesucristo (Nadal), o tempo da predicación da boa nova co anuncio do Reino de Deus (Tempo Ordinario) e Paixón-Morte-Resurreción (Semana Santa e Pascua). Aos dous grandes acontecementos do Nadal e a Pascua precédenlles senllos tempos de preparación: Advento e Coresma, respectivamente. Ademais, están todas as festas da Virxe María e dos santos distribuídas durante todo o ano.

Coñecemos ben o ano civil, escolar, xudicial, deportivo etc. e tamén existe o ano cristián ou litúrxico. Comeza co primeiro domingo de Advento e termina o día de Cristo Rei do Universo, normalmente a finais de novembro, dependendo do día que coincida Nadal.

Celebrar o Ano Litúrxico sempre é unha nova oportunidade de conversión e de dar pasos no camiño de configuración con Cristo. Celebrando os misterios da súa vida e escoitando a súa Palabra El vai transformando a nosa vida. Cada día deste novo ano será un don de Deus ata que un día nos atopemos con El cara a cara e posuamos todo o tempo e toda a inmensidade de Deus no ceo.

Celebrar o Ano Litúrxico é facer presente o Reino de Deus na terra. Un reino xa comezado porque o Rei da Gloria dignouse vir a inauguralo para que xa podamos gozalo desde agora. Celebrar o ano litúrxico é anunciar e facer realidade xa desde agora a novidade do ceo e lograr que todos-todos podamos vivir xa no ano de graza do Señor.

Celebrar o Ano Litúrxico é celebrar que Xesucristo é o centro da historia e da nosa vida, porque todo vira en torno a El e todo se fundamenta nel.

Miguel Ángel Álvarez

%d bloggers like this: