Nova superiora nas Agustinas Recoletas de Lugo

O día 24 de febreiro tivo lugar a elección de Priora  no mosteiro das Madres Agustinas Recoletas de Lugo, por cumprirse o tempo para o que fora elexida a anterior Priora.

            Resultou elexida sor María Fernanda Climent Alarte, valenciana, que se incorporou ó mosteiro de Lugo hai tres anos, procedente do mosteiro de Serradilla de Cáceres.

            Para o cargo de Vicepriora foi elexida sor María Elena Corbelle García, que era a actual Priora e que viña desempeñando este cargo desde facía varios trienios.

            O mosteiro  das Madres Agustinas Recoletas de Lugo conta actualmente con doce  irmás, seis das cales incorporáronse a este mosteiro nos catro últimos anos.

Clausura de centenario nas Servas de Xesús

 O día 20 de marzo o bispo da Diocese, D. Alfonso Carrasco Rouco, clausurou, cunha Eucaristía celebrada no convento das Servas de Xesús, os actos celebrados con motivo do centenario da morte da fundadora das Servas de Xesús, Santa María Xosefa do Sagrado Corazón de Xesús.

            O Papa concedera, con tal motivo, un Xubileo con indulxencia plenaria ós fieis que visitasen as igrexas ou oratorios da Congregación desde o 20 de marzo de 2011 ata a mesma data de 2012.

            As Servas de Xesús chegaron a Lugo o 13 de abril de 1893, instalándose no número 43 da Ronda da Muralla desde  1914. Dedícanse, preferentemente, ó coidado dos enfermos no seu domicilio familiar durante a noite, prestando servizos de enfermería durante o día.

Celebración penitencial na Catedral de Lugo

O 28 de marzo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco, preside unha celebración penitencial na Catedral ás 19 h.

A Coresma é un tempo de renovación bautismal e penitencial. Entre as iniciativas e prácticas coresmais sobresae a penitencia como celebración da misericordia infinita de Deus.

O camiño da conversión, seguimento e renovación na fe é persoal pero tamén comunitario. Por iso, convídase a todos os fieis a participar nesta celebración do sacramento da confesión.

Retiro de preparación á Pascua para xente nova

A Coresma é un camiño de preparación que merece a pena. Facer ese camiño en grupo é máis doado. Por iso, Renovación Carismática organiza un retiro de preparación á Pascua para persoas entre 13 e 35 anos, e moitas ganas de ser feliz. Será do 30 de marzo (ás 18 horas) ao 2 de abril de 2012 pola mañá en Lugo, na Casa Diocesana de Exercicios Espirituais, situada en Bispo Ona de Echave, 14.

O prezo é de 100 euros e inclúe todos os gastos de aloxamento e manutención. Antes de facer o ingreso comprobar que haxa prazas. O prazo de inscrición finaliza o 25 de marzo.

A %d blogueros les gusta esto: