Curso de Música Litúrxica

O V Curso de Música Litúrxica do Corpus Christi celébrase do 6 ao 10 de xullo en Lugo. Está organizado pola Delegación Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico da Diocese de Lugo e polo Centro Eucarístico Lucense.

Trátase de contribuír á formación musical e litúrxica daqueles músicos que realizan distintas funcións no ámbito da música sacra: directores de formacións vocais, organistas, cantores, monitores, etc.

O curso está dividido en tres modalidades: canto, dirección coral e órgano. Cada modalidade comprende a materia específica da especialidade e outras comúns, que complementan á principal que serán impartidas polos seguintes docentes:

– Liturxia: Abraham Sánchez Pujante

– Gregoriano: Luis Varela Castiñeira

– Técnica vocal: Lidia Basterrextea Vila

– Órgano: Giulio Mercati

– Dirección de coro: Fernando Gómez Jácome

[Máis información]

Actualidade da Ofrenda en Galicia

A Galicia actual atópase hoxe na Catedral lucense ante o Señor Sacramentado. Autoridades e pobo cristián danse a man para continuar e celebrar a festa máis identificativa do ser desta terra.

A Ofrenda ao Santísimo Sacramento é o presente do onte da tradición. 350 anos abonan a renovación do compromiso legado polos nosos antergos e lémbrannos a obrigación actual de propagar e fomentar este acto e a consecuente identidade galega ligada á Eucaristía.

En Eucaristía solemne, bispos galegos, autoridades das 7 provincias de Galicia até 1837, asociacións eucarísticas e o pobo cristián de Lugo, próstranse ante o noso Altar Maior para renovar o voto que fixo, en 1669, a Galicia daquela. Igual que o sol é a fonte natural de toda enerxía, o Santísimo Sacramento é a fonte sobrenatural de toda graza e bendición para a Galicia de hoxe.

O domingo da Oitava do Corpus Lucense, é o Corpus de toda Galicia. E aos crentes de Lugo, representando aos galegos, tócanos corresponder e agradecer a predilección de ser a comunidade que ten como honra e escudo a Hostia e o Cáliz. Responder á historia e á fe é contribuír a que siga viva a mellor cultura en Lugo e Galicia. Por iso, todos, estamos obrigados a que esta efeméride sexa unha gran celebración da cidade e conte coa colaboración e apoio de todas as institucións locais e así facer realidade, como declarou un político lucense sobre outra festa recente na nosa cidade, o seu “firme compromiso da difusión e posta en valor da nosa cultura, a historia e o patrimonio, tanto material como inmaterial”. Tamén, pois, para este patrimonio fecundo, a Ofrenda ao Santísimo Sacramento, reivindicamos apoio e colaboración.

Porque esta festa centenaria da vida galega pode converterse, por desgraza, en algo minoritario e sen apenas relevancia. En algo oficial, frío espiritualmente, afastado do vivir cidadán, estéril para a fe. “Se desaparecese esta xornada e a súa procesión, ninguén a estrañaría” doíase un comentarista días atrás. Sen compartir este pesimismo, creo que a advertencia é real. E a reflexión suscitada moi inquietante. A sociedade actual vive tan afastada dos feitos verdadeiramente substanciais e relixiosos, mesmo dos máis significativos para a propia sociedade, que o seu único marco de referencia e celebración son os acontecementos políticos e deportivos actuais e as festas promotoras de distracción e beneficios económicos.

A festividade da Ofrenda e a defensa da súa actualidade quizais sexa nadar contra corrente. Pero igual que o salmón na súa carreira río arriba para dar novas vidas, os crentes, especialmente os lucenses, primeiros depositarios desta tradición, teremos que superar a apatía de moitos para dar vida, calor e solemnidade a este día.

Orgullosos celebremos a festa eucarística galega. Mostremos o que de verdade amamos. Correspondendo a quen se dedica en exclusiva, desde a presenza eucarística, a amar e bendicir a Lugo e a toda Galicia.

Daniel García

Párroco de San Lourenzo de Albeiros

[Artículo en castellano]

Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento

O domingo 26 de xuño ás 12 horas na Catedral ten lugar a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. Este ano correspóndelle presentar a Ofrenda ao Alcalde de Santiago e responde o Arcebispo compostelán. Conmemóranse os 350 anos da celebración da primeira cerimonia da Ofrenda do Reino de Galicia.

Haberá unha alfombra floral na praza de Santa María, realizada por unha asociación de fieis de Meira.

O grupo de música tradicional Os Xílgaros ofrecerá un amplo repertorio de danzas procesionais. A Marcha Procesional Antigo Reino de Galicia interprétase á gaita (Óscar Pérez) e ao órgano (Luis Varela Castiñeira).

O sábado 25 ás 20 h na Catedral son as Vésperas Solemnes da Oitava do Corpus, durante as cales interprétase musica gregoriana.

A Ofrenda retransmítese pola canle de youtube da Diocese.

O programa da TVG “Polo camiño da fe” do domingo 26 ás 9:45 h adicase á devoción existente en Lugo cara á Xesús Sacramentado.

400 aniversario da chegada das clarisas a Monforte

As monxas fundadoras do Mosteiro da Purísima Concepción (Monforte de Lemos), Sor Anastasia da Encarnación e as súas novicias, procedentes do convento de Lerma, nun primeiro momento, acomodáronse provisionalmente nunha residencia do barrio da Falagueira. Era o 22 de xuño de 1622, e anos despois, en 1646, trasladaríanse ao actual mosteiro.

Pertencen á Federación do Sagrado Corazón de Xesús de monxas Clarisas da provincia seráfica de Santiago.

A igrexa é moderna, de traza gótica, dunha soa nave terminada en ábsida semicircular. É obra do mestre Secundino Couto.

O Museo de Arte Sacra considérase un dos máis importantes de España no seu xénero. Inaugurado en 1980, reúne un valioso conxunto de obras artísticas dos séculos XVII e XVIII -imaxes, ornamentos litúrxicos, obxectos de culto, etc-. Na súa maioría son doazóns feitas ao convento polos seus fundadores: Don Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, e da súa muller Dª Catalina de la Cerda. Merece destacarse un Cristo xacente, obra espléndida de Gregorio Fernández.

Oferta formativa do Colexio Diocesano San Lorenzo en Formación Profesional

Está aberta a prematrícula nos ciclos formativos que oferta o Colexio Diocesano San Lorenzo. O período de matrícula será do 1 ao 22 de xullo.

O ciclo medio de Emerxencias Sanitarias encamíñase ao transporte sanitario.

Dentro das saídas profesionais están: traslado de pacientes e prestación de atención sanitaria e psicolóxica inicial, loxística sanitaria ante emerxencias colectivas ou catástrofes e realización de plans de emerxencia.

O ciclo superior de Hixiene Bucodental impárteno profesionais da Odontoloxía.

Saídas profesionais: atención sanitaria e promoción da saúde, organización e xestión en gabinetes dentais.

Ademais destes dous ciclos pertencentes á familia sanitaria, ofrécense outros dous pertencentes á familia de actividades físicas e deportivas: o ciclo medio de guía no medio natural e o ciclo superior en acondicionamento físico, únicos na provincia.

O ciclo medio do Guía no Medio Natural e Tempo Libre é eminentemente práctico. Impártense técnicas de natación, de equitación, de bicicleta…

Saídas profesionais: monitor de tempo libre, socorrista no medio natural e instrutor de actividades de lecer e recreativas en espazos acuáticos naturais.

O ciclo superior de Acondicionamento Físico permite formarse en actividades dirixidas con soporte musical, adquire coñecementos sobre valoración da función corporal e control postural…

Saídas profesionais: adestrador persoal, monitor de actividades dirixidas, adestrador en instalacións deportivas.

Establecéronse colaboracións con empresas como Salutrans, Galimplant, Forus Lugo ou hípica Endurance Lucus, onde se realizan as prácticas para conseguir unha formación actualizada e próxima ao mundo laboral.

Proximamente publicaranse as modalidades de Bacharelato que se imparten.

Para máis información: teléfono 982 220 100.   Web do centro

A %d blogueros les gusta esto: