Novo deán da Catedral de Lugo

Mario Vázquez nomeado deán 2

O 30 de setembro ás 11 h, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco fixo entrega do nomeamento como novo deán da Catedral de Lugo a Mario Vázquez Carballo.

Mario Vázquez foi elixido polo pleno do cabido catedralicio como deán da Catedral para os próximos 4 anos. Substitúe no cargo a Gonzalo Fraga Vázquez.

Na entrega do seu nomeamento estiveron presentes membros do cabido catedralicio.

Na actualidade, Mario Vázquez, é Vicario Xeral da Diocese, profesor do Instituto Teolóxico Lucense e profesor da Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Formación do Profesorado.

O cabildo catedralicio, presidido polo Bispo de Lugo, está composto por catorce membros. O seu nacemento como institución pérdese no tempo. Desde mediados do século VII ata comezos do XIII, o clero adscrito ao servizo da Catedral de Lugo vivía formando unha comunidade, e polo tanto, regulado por unha regulamentación similar ás monásticas da época. Dado que Don Rodrigo figura en 1155 como Prior Canonicae, e subscribe como deán en 1168, probablemente nomeado polo Papa Alexandre III, conclúese que é nesa época cando a institución comeza a súa singradura.

O camiño do misioneiro

Odilo al volante

Non os camiños, senón o camiño. É o mesmo de Xesús: Ou sexa, Xesús mesmo. O que pasa é que ese camiño que é Xesús ten diversas e múltiples variedades. Pero sempre é o mesmo.

Xesús camiña por terra, mar e aire. Alí onde respira un ser humano, alí está el. Tamén Xesús transita pola selva amazónica do Perú. Alí (aquí) tamén alarga os seus pasos para chegar pronto ao ferido do camiño. E faio a través de trochas e veredas, de baixos e outeiros, en carro ou a pé. Non importa a lama ou as inclemencias do tempo. O importante é o corazón que move montañas e obstáculos.

Xesús é ese camiño, ás veces empinado, por onde avanzan os seus enviados. Os misioneiros somos así. O lume de Pentecostés, nos albores da Igrexa, segue quentando corazóns e fai que o desafío de Xesús “vaian e anuncien” siga provocando vontades e compromisos.

Ser misioneiro é andar o mesmo camiño de Xesús, é dicir, facerse camiño co Mestre. É El quen abre paso. Nós seguímolo e deixámonos contaxiar pola súa forza evanxelizadora. Prestámoslle os nosos pés para andar, os nosos brazos para abrazar, os nosos ollos para ver, os nosos oídos para escoitar, o noso corazón para amar.

Non hai nada nin ninguén que poida impedir seguir a Xesús cando El chama e elixe. “Ven e sígueme”. Tres palabras que arrolan a alma e converten en ceo o “si” do elixido.

Este é o meu testemuño misioneiro cando o 15 de outubro estea cumprindo os meus 26 anos na Misión Pasionista do Perú.

P. Odilo González, c.p.

«Comprar é sempre un acto moral»

non piques 001

Os micropréstamos rápidos están de moda. En 15 minutos e sen papeleo tes todo arranxado. Abonda dicir canto diñeiro necesitas e canto tempo vas tardar en devolvelo.

En principio, todo é correcto e, ata, laudable que haxa alguén disposto a axudarche nun momento de necesidade extrema: por exemplo, que se lle rompan as lentes ao neno.

En cuestións de diñeiro todos sabemos que as cousas non son así e que ninguén ata os cans con longanizas, e ninguén dá os duros a catro pesetas. Alguén intentou ler na TV a letra pequena destes anuncios? É imposible. A única forma de facelo sería gravando o anuncio e reproducilo despois a cámara lenta e pausando a imaxe.

Se aplicásemos o sentido común e lésemos as condicións finais veriamos que as cousas non son tan doadas nin tan bonitas, pero a estas alturas xa estabas todo ilusionado con que poderías ir de vacacións ou arranxar as lentes do neno.

Quédanme algunhas dúbidas:

-Estes micropréstamos rápidos están limitados a unha cantidade aproximada de 600€ a 30 días. Se non teño hoxe 200€ (para as lentes) vou ter dentro dun mes 221€? Non teño diñeiro para o arranxo das lentes, pero vexo o anuncio nunha TV que me custou 700€.

-Se é todo tan rápido por que a letra pequena sempre di “oferta de financiamento suxeito á aprobación de N.” ou que teñas a man DNI e a última nómina? Non me creo o dos 15 minutos nin o de “sen papeleo” Se teño nómina e o asunto tarda uns días, o mellor é esperar a cobrar o soldo do mes para arranxar as lentes; e afórrome 21€.

Fai uns anos, cando empezou esta moda, estaba na cola dun banco e chegou un mozo solicitando un destes préstamos. O argumento que el esgrimía era o da carta publicitaria que lle chegou a casa. Polo que puiden escoitar, as cousas non eran tan rápidas nin tan fáciles, e quedaba de manifesto que a publicidade era enganosa. O mozo estaba decepcionado e sen solución para o que cría ter un remedio milagroso do “deus-banco”.

Fai uns meses veu unha freguesa cun problema económico. Tratábase de liquidar a herdanza dunhas leiras e necesitaba pagar o imposto. Viu un destes anuncios en TV e chamou. Enviáronlle o sobre coa documentación para solicitar o préstamo, pero aparece un problema: excedía o límite de idade esixido. O seu gozo nun pozo. Ao final o préstamo rápido e sen máis requisitos que a súa palabra concedeullo Cáritas Parroquial.

Poderíanse extraer moitas conclusións de todo isto. Non creo que sexa algo tan inocuo como parece. Detrás hai un complexo modo de vida que non é saudable para as persoas que nos leva a asumir riscos innecesarios e caer en pozos cada vez máis profundos.

Termino con dúas citas da encíclica do Papa Francisco Laudato si: “Mentres máis baleiro está o corazón da persoa, máis necesita obxectos para comprar, posuír e consumir”(LS 204) “Comprar é sempre un acto moral, e non só económico” (LS 206).

X Festa da Familia Adoradora

A Adoración Nocturna organiza unha festa adoradora o 27 de setembro en Sarria que terá o seguinte programa:

  • Ás 11,00 h: Recepción de adoradores/as e acompañantes na Casa da Cultura, Rúa Marqués de Ugena, s/n.

  • Ás 11,30 h: Saúdo do Presidente Diocesano e conferencia sobre “Vida e obra do Venerable Luis de Trelles” a cargo de D. Manuel Urbano Barrio, O.F.S. arquitecto e adorador nocturno.

  • Ás 12,30 h: Procesión de bandeiras desde a citada Casa da Cultura ata a Parroquia de Santa Mariña.

  • Ás 13,00 h: Celebración da Eucaristía na citada parroquia.

  • Ás 14,30 h: Comida de confraternidade no restaurante Litmar, Rúa Ameneirizas, 1

  • Ás 17,00 h: Saída cara ao Santuario de “Santa María de Corbelle” onde se celebrará un acto mariano co rezo do Santo Rosario, “Ofrenda Floral” e dedicación do mesmo á Santísima Virxe, finalizando os actos cun canto mariano.

A asistencia de 170 adoradores/as das seccións de Chantada, Lalín, Lugo, Portomarín, Samos e Sarria contribuirá á brillantez dos actos e fins apostólicos destas reunións anuais. Tamén asisten familiares e amigos.

Novena en honra de San Froilán

Copia de Novena en honor a San Froilán

Na parroquia lucense de San Froilán hai a novena ao santo do 26 de setembro ao 4 de outubro. A partir das 19:30h celébranse os seguintes actos: Eucaristía, Novena, Rosario.

Para esta ocasión recupéranse os escritos orixinais da Novena que elaborara o anterior párroco Jesús Cabo Gómez.  Inclúense textos bíblicos seleccionados por José Antonio González García, por unha parte textos evanxélicos (que se usan este ano) e tamén textos paulinos. A revisión teolóxica correu a cargo de Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

A %d blogueros les gusta esto: