Xornada da Vida Consagrada

O día 2 de febreiro é a festa da Presentación do Señor no templo. Ese día celébrase a Xornada Mundial da Vida Consagrada. Agradécese a Deus polas Ordes e Institutos relixiosos contemplativos e activos, Sociedades de vida apostólica, Institutos seculares e outros grupos de consagrados.

O 2 de febreiro ás 17h haberá na Catedral de Lugo unha solemne celebración presidida polo señor Bispo Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

[Ver texto de presentación da Xornada]

Deus existe, e non es ti

Fai uns meses escoitei en Radio María como un locutor advertía aos oíntes que ía dar unha lección de teoloxía básica. Isto chamoume a atención e dispúxenme a escoitar subindo o volume da radio do coche. Apenas me deu tempo a facer isto, porque a lección era só o título deste artigo: “Deus existe, e non es ti”. Naquel momento pensei que era unha perogrullada e un recurso máis para captar a atención dos oíntes. Pero esta afirmación, aparentemente simple, xa non se me foi da cabeza en toda a tarde.

Sabemos que non somos Deus, pero na práctica actuamos coma se o fósemos. Á fin e ao cabo, non é nada novo, no libro do Xénese vemos a Adán e Eva querendo ocupar o lugar de Deus cando sucumben á promesa tentadora da serpe.

Expresións como “eu fago o que me dá a gana”, “en min non manda ninguén”, “eu son libre”, non veñen senón a dicir que non recoñecemos unha entidade moral superior a nós. Negamos ao Deus auténtico para erixirnos en deuses de nós mesmos.

Outras veces parécenos que se nos deixamos guiar por Deus é porque somos infantís, polo que unha persoa ou sociedade adulta non pode ou non necesita de nada nin de ninguén que poida dirixir os seus pasos. Absolutizamos a nosa autonomía e crémonos que iso é Deus negando, unha vez, máis ao auténtico.

As consecuencias disto, lonxe de ser inocuas, son terribles e xa son máis que notables no mundo actual. Sen un criterio ético que teña a súa orixe nun ser persoal superior e absoluto a única norma será, no mellor dos casos, a que xurda dunha maioría de subxectividades. Sen Deus todo está permitido. É a palabra dun contra da outro, polo que o choque está garantido. Xa saben aquilo do homo homini lupus de Hobbes.

Estamos na época dos dereitos e as liberdades, pero sen decatarnos caemos baixo a ditadura do relativismo. Crémonos adultos e libres, pero en realidade somos uns nenos escravos.

Termino cunhas palabras do Papa Francisco pronunciadas na audiencia do 10 de setembro de 2016, nas que constata, con tristeza, como o home de hoxe non acepta ser salvado por Deus e quere salvarse el só coa súa liberdade:

“A palabra «redención» é pouco usada, con todo é fundamental porque indica a liberación máis radical que Deus podía realizar por nós, por toda a humanidade e por toda a creación. Parece que ao home de hoxe xa non lle guste pensar que foi liberado e salvado por unha intervención de Deus; o home de hoxe, en efecto, ilusiónase coa propia liberdade como forza para obtelo todo. Fai alarde tamén disto. Pero en realidade non é así. Cantas fantasías son vendidas baixo o pretexto da liberdade e cantas novas escravitudes son creadas nos nosos días en nome dunha falsa liberdade! Moitos, moitos escravos: «Eu fago isto porque quero facelo, eu consumo droga porque me gusta, son libre, eu fago aqueloutro». Son escravos! Convertémonos en escravos en nome da liberdade. Todos nós vimos persoas polo estilo que ao final acaban polo chan. Necesitamos que Deus nos libere de toda clase de indiferenza, egoísmo e autosuficiencia”.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Xornada de formación para Servizos Relixiosos Hospitalarios

O luns, 30 de xaneiro, terá lugar na Casa de Exercicios de Santiago a XVIII Xornada rexional de formación para Servizos Relixiosos Hospitalarios e de Residencias. Esta actividade está organizada polas Delegacións de Pastoral da Saúde de Galicia para os capeláns e persoas idóneas que desenvolven a súa actividade pastoral nos devanditos centros.

Horario:

  • 10,00 -10,30: Acollida. Presentación da Xornada e Oración.


  • 11,00 -12,00: Relatorio. Dra. Montserrat Esquerda, Directora do Instituto Borja de Bioética e Delegada de Pastoral da Saúde da Diocese de Lleida.

  • 12,00-12,30: Descanso.

  • 12,30-13,30: Cuestións Prácticas de Bioética. Diálogo

  • 13.30- 14:00: Presentación do material da Campaña do Enfermo e da xornada Nacional de Capeláns

  • 14,00: Comida.

Misa de acción de grazas pola canonización de San Manuel González

Misa de acción de grazas con motivo da canonización de San Manuel González García, Apóstolo da Eucaristía e fundador da Unión Eucarística Reparadora-Marías dos Sagrarios. A Eucaristía, presidida polo Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, é na Catedral de Lugo o domingo 29 de xaneiro ás 20 h

Desde hai uns 30 anos existe na Diocese de Lugo a Unión Eucarística Reparadora, movemento de espiritualidade e apostolado eucarístico que colabora na pastoral parroquial e diocesana dando unha resposta de amor ao amor de Cristo Eucaristía. Marías dos Sagrarios tamén ten como fin adorar, respectar e acompañar a Xesús Eucaristía. En Lugo celebran, o primeiro domingo de cada mes, un acto eucarístico (vésperas…) na Catedral.

Comunicado con motivo do nomeamento dun novo sacerdote para parroquias da zona de Friol e Guitiriz

Con motivo do nomeamento do sacerdote José Ramón Pérez García como administrador para as parroquias de San Martín de Quiroga, San Clodio de Ribas de Sil e unidas, e xa que logo o seu cese nas parroquias da zona de Friol e Guitiriz, a Diocese de Lugo manifesta o seguinte:
Agradece as expresións de afecto manifestadas por persoas e institucións ao sacerdote José Ramón Pérez García, mostra de agradecemento e agarimo polo bo traballo realizado durante o tempo que estivo nestas parroquias.
Tras un longo proceso de discernimento e diálogo coas persoas implicadas nos respectivos nomeamentos realizados na nosa Diocese, tomáronse as decisións oportunas pensando sempre no ben das comunidades parroquiais e dos propios sacerdotes.
A todos os implicados nos novos nomeamentos fíxoselles unha proposta dos seus destinos que aceptaron voluntariamente, polo que sería erróneo pensar nalgún tipo de imposición ou coacción.
Dada a extensión da Diocese de Lugo, con 1139 parroquias, é necesario pensar, cada vez máis, nunha distribución racional do clero, para que todos os fieis estean coidados pastoralmente do mellor xeito posible.
Os fieis da zona de Friol e Guitiriz non quedan de ningún xeito desatendidos pastoralmente xa que para as mesmas parroquias que rexentaba José Ramón Pérez García, envíase a José Luis González Regueiro, sacerdote moi respectado, preparado e capacitado para atendelos en todas as súas necesidades.

%d bloggers like this: