Encontro de familias, ensino e catequese

 

 O día 4 de xuño, no Colexio San Xosé de Lugo celébrase un encontro de familias, ensino e catequistas, organizado pola Vicaría de Ensino, a Delegación de Familia e a Delegación de Catequese. O encontro estará presidido polo Bispo, Alfonso Carrasco Rouco.

 

O programa de actos é o que vén a continuación:

10:30 Acollida

 

11:00 Oración

 

11:15 Mesa redonda: “Familia, ensino e catequese: tarefa común”

 

Interveñen:

 

– Rodrigo Rúa Iglesias, Delegado de Familia

 

– Mario Vázquez Carballo, Vicario de Ensino

 

– José Pérez Barreiro, Delegado de Catequese

 

12:00 Diálogo

 

12:30 Eucaristía

 

13:30 Comida

 

15:00 Maxia para todos

 

16:00 Información

 

16:30 Oración e clausura

 

Haberá actividades especiais para os nenos que participen.

Cine relixioso na parroquia de San Froilán de Lugo

  O próximo venres, 3 de xuño haberá unha proxección de cine relixioso na parroquia de San Froilán de Lugo. A película que se poderá ver titúlase O Cristo do océano.

 A película é un interesante retrato das xentes da mar e referencia indiscutible no xénero relixioso. Foi rodada na localidade asturiana de Cudillero.

 Un neno orfo ten unha estreita relación con Xoán Aguirre, un pescador cun gran carisma entre os seus paisanos, o cal se converteu nunha especie de pai para el. Un día Xoán Aguirre morre durante unha forte tormenta en circunstancias heroicas tras poñer ao resto de barcos a salvo. O neno queda moi triste, ata que estando na praia ve chegar a lombos das ondas unha figura dun Cristo crucificado (sen cruz), figura que leva a unha cova que é unha especie de santuario secreto seu.

 Á parte do seu interesante e emotivo argumento para os crentes é un moi interesante retrato dos costumes e tradicións da dura e entregada xente da mar.

Charlas formativas organizadas polo Secretariado de Pastoral Penitenciaria

 O Secretariado de Pastoral Penitenciaria organiza unha charla formativa sobre o voluntariado de prisións. É o xoves 2 de xuño ás 20 horas no local parroquial de San Antonio de Padua de Lugo. Un funcionario fala do que pode facer un voluntario e como facelo.

O venres 3 de xuño, no Colexio Divino Mestre unha charla para mostrarlles aos mozos a realidade da prisión. A charla, a partir das 10:15 horas, será impartida por unha traballadora do centro Penitenciario de Bonxe.

A finalidade destas actividades é informar, dialogar e debater sobre esta realidade, achegando experiencias e buscando xuntos posibles saídas e alternativas.

O Secretariado Diocesano de Pastoral Penitenciaria ten, entre os seus obxectivos e actividades, a prevención, a evanxelización e a reinserción. Fixándose sobre todo na mocidade, que representea unha alta porcentaxe da poboación reclusa e a idade de cometer o primeiro delito oscila entre o tempo da adolescencia e a mocidade. Pero tamén é onde cabe poñer maior esperanza, xa que a personalidade do mozo está aínda en período de formación.

Desde o Secretariado de Pastoral Penitenciaria está a traballarse nesta tarefa todos os días: cos presos, cos familiares, coas vítimas, cos que cumpriron condena e incorpóranse á sociedade. E a idea é seguir traballando e profundando no campo da prevención, poñer un grao de area para crear consciencia desta dura realidade e facer o posible para previr males maiores.

 

Concerto da Coral do Hospital de Lugo

 

O coro actuará o día 26 ás 20:30 horas no HULA. O concerto durará unha hora.

Na Residencia Sanitaria de Lugo nacía hai 20 anos a Coral do Hospital. Durante todos estes anos deixou en moi bo lugar o centro sanitario lucense por tódolos lugares onde levou a súa música. Lugares como Austria, Portugal, Sudamérica e, naturalmente, varias localidades de España.

O próximo día 26 celebrarase esa homenaxe musical ao persoal do Hospital con motivo deses vinte anos que leva o Coro cantando. Trátase pois, dun obsequio a todo o persoal do Hospital, traballadores do Sergas, familiares e amigos. 

Vida Ascendente organiza a exposición Artenova

  O día 27 de maio, como vén sendo usual por estas datas, o movemento de xubilados e maiores de Vida Ascendente abre a súa exposición ARTENOVA de manualidades varias e artigos ecolóxicos.

No local da antiga sancristía da Parroquia de Santiago (A Nova) está aberta a exposición até o 6 de xuño. A recadación irá integramente destinada a Caritas e a un proxecto de axuda en Bolivia, de misioneiros españois.

Xustificar nestes tempos o apoio ao necesitado xa non é necesario; está gravado no corazón das persoas solidarias. Coa axuda dos visitantes da exposición, Vida Ascendente espera seguir aumentando a cantidade de 150.000 € que nestes anos entregáronse aos máis pobres.

Os traballos e produtos pódense entregar antes e durante a exposición na portaría da Parroquia.

%d bloggers like this: