Conectando xeracións: libro homenaxe aos maiores

O Instituto da Familia de Ourense e o Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo presentan un libro escrito por alumnos da ESO no que recollen a biografía de persoas maiores.

A presentación do libro será o luns 30 de setembro no salón de actos Seminario Diocesano de Lugo ás 19 h. Este acto pode seguirse en directo pola canle de youtube do Centro de Orientación Familiar Diocesano de Lugo.

Un dos obxectivos da obra é dar a coñecer aspectos da vida de persoas maiores para homenaxear publicamente unhas vidas cargadas de experiencia.

As persoas maiores foron escoitadas e valoradas a través da narración da súa biografía ao mesmo tempo que os mozos fixeron voluntariado. Os mozos son autores do libro e desenvolven unha tarefa literaria publicando a vida dunha persoa maior.

Os mozos participantes estudan en centros concertados de Lugo. En febreiro tiveron encontros no Asilo de San Roque (Lugo), cunha festa inicial á que seguiron talleres de escoita e de literatura e as entrevistas propiamente ditas dos mozos aos maiores.

A Igrexa e os sacerdotes

A Igrexa nútrese de laicos e de clérigos. Todos somos iguais en dignidade, pero distintos en responsabilidade. A dignidade vénnos da nosa condición de fillos de Deus, que se nos concedeu polo bautismo. A responsabilidade é consecuencia da misión que se nos confía pola vocación á que fomos chamados. As misións son diferentes. A dos laicos é orientar a sociedade cara ao reino de Deus. A dos clérigos é o goberno da Igrexa, promovendo a formación e santificación do pobo de Deus.

A misión dos laicos é conxénita a todo bautizado. A dos ministros ordenados é consecuencia da vocación especial, en virtude da cal, algúns cristiáns intégranse no chamado mundo dos consagrados. Na dinámica vocacional interveñen dúas vontades. A de Deus, que chama e a do home, que responde. Se a resposta é afirmativa, temos unha vocación lograda. Nas decisións persoais, a primeira palabra tena Deus, pero a decisiva tena o home.

A vocación implica un xénero de vida que esixe renuncia e xenerosidade. Renuncia a planificar a vida segundo as apetencias persoais, e a entrega á misión específica á vocación que Deus chama. A vocación esixe sacrificios e xenerosidade. Necesitamos da graza de Deus, que, cando nos compromete tamén se compromete; e necesitamos dunha contorna que posibilite levar a efecto o proxecto de Deus sobre nós. E aquí xoga un papel decisivo o ambiente familiar e social.

Aplicado todo isto ao tema vocacional lembremos que o mañá dos fillos debe preocupar prioritariamente aos pais de familia. E un momento propicio para afrontar este problema pode ser o de comezar un novo curso académico. Con este motivo preguntámonos en que colexio matricularemos aos nosos fillos e que futuro desexamos para eles. E dialogamos entre nós e con eles sobre o seu porvir. As opcións son múltiples, e aquí entra o campo vocacional. Nesta decisión debe pesar máis a vontade do candidato có gusto do educador. No entanto, o consello dos pais pode achegar luz ao adolescente que se abre á vida.

A oportunidade para establecer dialogo respecto diso cos fillos pode ser o tema de elixir o centro de estudos para o novo curso. Con tal motivo non será un despropósito ofrecer o Seminario como unha opción formativa. Logo, no intercambio do proceso, haberá que lembrarlle ao neno que todos temos unha misión que cumprir na vida. Os sabios descóbrennos os segredos da ciencia. Os astronautas dinnos como vai o ceo. E os sacerdotes ensínannos como se vai ao Ceo.

Todos estes labores teñen a súa importancia e achegan valores á sociedade, pero ningún comparable á misión sacerdotal. O xardineiro cultiva as plantas para que produzan flores. O sacerdote coida das persoas para que crezan en virtudes. O labor das profesións laicais mira preferentemente aos valores temporais da persoa. O ministerio sacerdotal cóidase do porvir eterno das almas, sen descoidar os demais valores.

Preocúpate pola vocación dos teus fillos, quen sabe se no mañá serán os nosos sacerdotes!

Indalecio Gómez Varela

Cóengo da Catedral de Lugo

[Artículo en castellano]

Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado

O domingo 27 de setembro celébrase a Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado co lema «Como Xesucristo, obrigados a fuxir», coa mirada posta nos chamados desprazados internos. Dentro desta denominación inclúese aos millóns de homes, mulleres e nenos obrigados a migrar dentro dos seus propios países por diversas causas: emerxencias humanitarias, conflitos armados, perturbacións do clima, violencia xeneralizada, etc.

Non se trata de mirar unicamente cara a países con circunstancias sociais extremadamente fráxiles, tamén no noso propio territorio hai persoas inmigrantes que en certo sentido vense «obrigadas a fuxir». Fuxir do sometemento e a violencia, como as vítimas de trata con fins de explotación sexual; fuxir da precariedade laboral, como o colectivo de empregadas do fogar ou os temporeiros agrícolas; fuxir da intemperie, do esquecemento, como os menores migrantes ou os solicitantes de asilo. En definitiva, Xesús está presente en cada un deles, obrigados a fuxir para salvarse, para recuperar a dignidade que lles foi arrebatada.

[Materiais]   [Vídeo do Papa Francisco e testemuños]

Reunión dos Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago

O 22 de setembro tiveron unha reunión ordinaria os Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago, que comprende as Dioceses de Santiago de Compostela, Tui-Vigo, Lugo, Ourense e Mondoñedo-Ferrol.

Os Bispos animan aos fieis para volver á normalidade da vida cristiá participando na Misa dominical e festiva cunha presenza física, sempre que as circunstancias permitan facelo sen risco para a saúde. Lembran que a participación na Eucaristía é a fonte perenne e inesgotable da vida cristiá.

Ademais, agradecen o labor dos sacerdotes e dos voluntarios, e a cooperación de todos os fieis que, ao poñer en práctica as medidas de prevención, hixiénicas e organizativas previstas, fixeron dos templos, lugares seguros fronte a contaxios.

Exhortan aos sacerdotes e colaboradores parroquiais, en particular, a que sigan cumprindo con responsabilidade os protocolos diocesanos e as recomendacións das autoridades sanitarias, para ben de todos os fieis que acoden ás igrexas.

E chaman a todos os cristiáns a confiar no amor fiel de Deus, que non abandona nunca ao seu pobo no momento da proba, e a reavivar o don da caridade para poder estar á beira de todos,  con xestos concretos de solidariedade e agarimo. Neste sentido, valoran o traballo das Cáritas diocesanas e de todos os servizos caritativos das parroquias e centros de atención aos necesitados, moi particularmente ás persoas soas e enfermas, así como aos nenos e ás familias vulnerables.

Os Bispos animan a todos a empezar o curso pastoral con coidado responsable e con esperanza, a exemplo de María, nai da Igrexa.

Sempre xuntos nunha Igrexa viva

Consolounos a fraternidade vivida

Unha primeira urxencia ante o próximo curso pastoral é tomar conciencia do que a pandemia puxo ante os nosos ollos case sen darnos conta: o significado decisivo dunha comunidade cristiá real, o valor da vida das parroquias.

En efecto, a vida da Igrexa foi o noso consolo no medio de circunstancias que poñían a proba a nosa esperanza. Cando chegou o momento, confortounos a fraternidade vivida. Un impulso nado, ao final, da presenza do Señor mantivo viva a fe e o vínculo comunitario. Estando atentos ao próximo, coidando a experiencia de unidade e de proximidade que sostiña a cada un na soidade, a enfermidade ou as tarefas de cada día, creceu a esperanza. Lonxe de ser, deste xeito, tempos de parálises para a existencia cristiá, no medio de circunstancias difíciles, puidemos entrever a beleza e o ben grande de ser membros da Igrexa.

Os nosos sacerdotes permaneceron preto dos seus fieis, celebrando por eles a Eucaristía, permitindo a través dos medios de comunicación, con retransmisións moitas veces diarias, que a unión fose estreita a pesar da distancia. O coidado das persoas, especialmente daquelas máis soas ou necesitadas foi capilar, en moitos casos, e sistemático. Mentres a pandemia se estendía e ameazaba a nosa seguridade, crecía tamén outra rede, a rede da Igrexa, que, ao estilo do que lemos no evanxeo, sostivo a todos os peixes na barca a pesar de ser moitos, sen romper. Foi un tempo de tempestades, pero connosco, na barca, estaba o Señor.

Ser comunidade real e visible

Agora, comezando un novo curso entre incertezas, nada é máis urxente que coidar desta “familia de Deus”, da unidade que vimos construírse entre nós. Non podemos ser comunidade e Igrexa só de palabra; ha de ser verdade na vida de cada día, como sucedeu cando nos puidemos acompañar e preocuparnos uns doutros. Necesitamos ser unha comunidade visible, palpable, na que sexa posible vivir, co alento, os horizontes e a esperanza da Igrexa católica enteira. De feito, a Igrexa universal existe realizada na particular, por exemplo na nosa Diocese; e puidémolo percibir cando as pequenas comunidades, reducidas ás veces aos muros dunha casa, recoñecíanse parte dunha vida máis grande, facían propias, por exemplo, as palabras do Papa Francisco. A nosa parroquia ou comunidade é sempre un grupo máis ou menos pequeno, pero nela realízase o ben máis grande; porque é signo e instrumento da unidade verdadeira con Deus mesmo e co próximo.

Por iso, nunca será obxectivo pequeno ou secundario que os fieis participen e experimenten a realidade da Igrexa como comunidade concreta, reunida polo Señor por medio do Evanxeo e dos sacramentos. Este foi desde sempre o corazón da nosa pastoral ordinaria; pero neste curso os “signos dos tempos” parecen convidarnos a darlle unha nova prioridade, a que pidamos ao Señor e nos esforcemos por facer posible en cada lugar esta experiencia de fraternidade vivida.

Os mesmos sistemas telemáticos, que se utilizaron masivamente para manter o contacto e a relación, servían tamén para facer posible unha presenza na distancia, que era valiosa porque estaba referida a unha relación que existía realmente, que vinculaba ás persoas na única familia da Igrexa. Esta experiencia puxo de manifesto que a presenza virtual resultaba moi útil, e comprendemos mellor que pode selo tamén en condicións normais, que debemos desenvolvela máis; pero entendemos, ao mesmo tempo, que ten sentido só como manifestación dunha relación real. Estamos xuntos e, por iso, podemos expresalo virtualmente, cando as circunstancias non permiten outra forma de presenza ou cando nos parece que podemos enriquecer así a vida común. Por iso, pensando no vivido estes meses, tentaremos este ano crecer tamén neste tipo de recursos, que vimos bos e prácticos ao servizo da nosa experiencia de comuñón e fraternidade.

Mons. Alfonso Carrasco Rouco

Tomado das “Liñas de acción”

para o Curso Pastoral 2020-21

A %d blogueros les gusta esto: