“Este é o meu fillo benquerido, escoitádeo”

Encamiñámonos xa cara ao segundo domingo de Coresma no que se lerá o evanxeo da transfiguración de Xesús.

É unha pasaxe interesante e que serve para acalar as queixas daqueles que din que aínda non volveu ninguén do ceo para contarnos como é aquilo.

Certamente os apóstolos que acompañaron a Xesús a aquela montaña alta non estaban no ceo aínda, pero si viron «en vivo e en directo» como era o ceo e como era o rostro divino de Deus.

E, cando baixaron daquela montaña (do ceo, en definitiva) contáronnos o que viron, aínda que non atopaban as palabras exactas, pero si acertaron a dicir sen dúbida o que sentiron: «Mestre, que bo é que esteamos aquí!» ou «que ben se está aquí», segundo as distintas traducións.

Por tanto, aqueles que viron como era o ceo contáronnolo e xa non hai dúbida de que no ceo estase ben e por iso ninguén quere volver á vida de antes unha vez que se experimenta a salvación definitiva de Xesucristo.

Que nos queda por facer a nós mentres non somos chamados ao ceo? Pois tamén queda claro neste misterio da transfiguración: escoitar ao fillo amado de Deus ou, como se nos dixo o Mércores de Cinza, converterse e crer no Evanxeo, que é a Palabra do Señor.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco da Fonsagrada

[Artigo orixinal]

Un diálogo entre todos e para todos. Cara a un novo currículo de Relixión

A Comisión para a Educación e Cultura da Conferencia Episcopal Española organiza uns foros aos que convida a toda a comunidade educativa, para deseñar o novo currículo da materia entre todos.

O foro en liña de debate “Un diálogo entre todos e para todos. Cara a un novo currículo de Relixión Católica”, terá unha primeira sesión o 23 de febreiro e a cuarta e última o 16 de marzo.

Diversidade de voces

Na inauguración haberá un debate no que participará Alejandro Tiana, secretario de Estado de Educación; ao que acompañarán, Javier Carballo Fernández, OP, presidente da Facultade de Teoloxía de San Esteban (Salamanca); e Javier Valle, director do Grupo de Investigación sobre Políticas Educativas Supranacionais da Universidade Autónoma de Madrid.

Nesta primeira toma de contacto, ademais do presidente da Comisión, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, contarase cun relatorio marco do cardeal Angelo Bagnasco, presidente do Consello de Conferencias Episcopais de Europa (CCEE).

Nas seguintes tres sesións compartirase cada día unha boa práctica na materia de Relixión, como é o caso de Innovareli, que explicará o último día José Fernando Juan, profesor do Colexio Amorós (Marianistas) e colaborador de Vida Nueva.

Pola súa banda, os relatorios marco estarán a cargo de Antonio Roura, director da revísta Religión y Escuela, que falará sobre a Teoloxía na ERE; Carlos Esteban Garcés, director do Observatorio da Relixión na Escola e autor do “Informe 2020 Panorama de la Religión en la Escuela” da Fundación SM, que ofrecerá respostas aos desafíos actuais; e Carmen Pellicer, directora de Cuadernos de Pedagogía, que reflexionará sobre o currículo de Relixión nunha sociedade pluriconfesional.

Os paneis de debates contarán con relatores da talla de Fernando Vidal, director do Instituto Universitario da Familia da Universidade Pontificia Comillas e columnista de Vida Nueva; Carlos García de Andoin, director do Instituto de Teoloxía e Pastoral de Bilbao; o secretario xeral de Escolas Católicas, Pedro Huerta; ou o marianista Javier Cortés, ex presidente de SM.

[Acceder]

O terceiro centenario do nacemento do Doutor Castro, o Filósofo de Lugo

Detalle do retrato de Juan Fco. de Castro no Salón de Plenos do Concello de Lugo

O próximo día 25 celébrase o terceiro centenario do nacemento de Juan Francisco de Castro (1721-1790), o doutor en leis, avogado e xuíz, que na segunda metade do século XVIII representou coma ninguén os valores da Ilustración na nosa terra. Este eclesiástico, nado na actual Praza Maior de Lugo e que lle dá nome á rúa das dulcerías, foi un dos intelectuais máis salientables da historia de Galicia, e probablemente o filósofo ilustrado español máis vangardista. Receptor dos avances da Ilustración francesa, conseguiu artellar un pensamento crítico, audaz e transformador dirixido a superar o inmobilismo ideolóxico e social do Antigo Réxime. Foi autor dos Discursos críticos sobre las leyes y sus intérpretes (1765-1770), que foi unha obra de forte impacto no seu momento e que puña en cuestión o discurso xurídico tradicional sobre o que se sustentaban ideoloxicamente os privilexios da nobreza e a Igrexa en España. Nunca antes destes Discursos críticos se denunciara tan ás claras o carácter caprichoso da xurisprudencia duns xuíces ignorantes que actuaban en primeira instancia por todo o país como defensores sistemáticos das clases privilexiadas e caciquís; nunca antes se denunciara nos duros termos en que o fai o lugués a política fiscal ruinosa para as clases populares e produtivas de Galicia, favorecedora dun deseño social depredador e inxusto protagonizado polos grandes propietarios, tanto laicos como eclesiásticos, dos que, por certo, di que son “zánganos verdaderos, dignos de ser expulsados de la República humana, como aquellos lo son de las industriosas abejas”. Vivindo nesta cidade de Lugo, na periferia de Europa, foi así e todo quen de manterlle o pulso ao movemento intelectual que cambiou a historia do continente. Ter sido cóengo da Catedral, provisor do bispado e man dereita do bispo Armañá, non foi un obstáculo para pór contra as cordas aos morgados e á nobreza de sangue como non se fixera nunca antes na tradición intelectual española, ou reivindicar o deseño de políticas sociais para os colectivos desfavorecidos que fican á marxe da economía produtiva (discapacitados, orfos, anciáns, mendigos); tronou contra o incipiente racismo naturalista que consideraba a negros e indíxenas americanos como pseudohumanos e rexeitou o cruel mercado de escravos da época, chegando neste punto moito máis lonxe que os mesmísimos Rousseau, Thomas Jefferson ou Kant; xustificou a erradicación do dote matrimonial que troca en mercadorías ás mulleres, e esixiu o seu acceso á propiedade das terras, sen mediación dos homes na incipiente sociedade liberal, sobre a base da súa capacidade de traballo igual á dos varóns. Todas estas razóns, e moitas máis que teremos a oportunidade de ir sacando á luz ao longo deste 2021 no que celebramos o seu terceiro centenario, deberíannos animar a curiosear un pouco máis no noso legado intelectual máis inmediato, e decatarnos tamén de que o máis abraiante adoita a estar sempre moi preto.

Lois Rodríguez Cabana. Profesor de filosofía

20 de febreiro, Día mundial da xustiza social

O 20 de febreiro é o Día Mundial da Xustiza Social, que busca apoiar o labor da comunidade internacional encamiñada a erradicar a pobreza e promover o emprego pleno e o traballo decente, a igualdade entre os sexos, e o acceso ao benestar social e a xustiza social para todos.
A Rede de Técnicos/as de Inserción Laboral de Lugo (Rede TIL), da que forma parte Cáritas, entende que os axentes de emprego, as administracións e o conxunto da sociedade, deben velar por garantir resultados equitativos para todos, a través do emprego, a protección social, o diálogo social e os principios e dereitos fundamentais no traballo.
Neste labor de compromiso, a Rede TIL nos últimos anos vén conmemorando o Día Mundial da Xustiza Social coa celebración de diferentes actos. Este ano organizouse unha xornada o 19 de febreiro, baixo o nome “Xustiza Social e Emprego: Emprego e Economía mergullada en tempos de Covid” na que se presentou o novo panorama socioeconómico que está a deixar a Covid na nosa sociedade por parte de diferentes relatoras:
– Zinthia Alvarez Palomino.
– Raquel Lombao Fernández. Psicóloga Sanitaria e Forense
– Begoña Sánchez Roura. Traballadora social no Concello de Bóveda. Profesora asociada de traballo social na UVIGO. Militante da HOAC. Membro de Igrexa polo Traballo Decente.
– Teresa Rodriguez Vilaseco. Voceira da Asociación de Empregadas de Fogar XIARA

Revivir o Congreso de Laicos para reavivar o proceso

Un ano despois da celebración do Congreso de Laicos, o traballo por parte das dioceses, movementos e asociacións laicales, foi incansable promovendo e impulsando o poscongreso entre as súas realidades. Por iso a Comisión Episcopal de Laicos, Familia e Vida da CEE organiza un encontro virtual co título “Revivir o Congreso para reavivar o proceso” para o venres 19 de febreiro.

Participarán Luis Argüello, secretario xeral da CEE e bispo auxiliar de Valladolid; Isaac Martín, delegado de Apostolado Segrar de Toledo, membro da comisión executiva e de contidos do Congreso de Laicos e do Consello Asesor de Laicos; a moza cordobesa Pilar Rodríguez-Carretero, responsable Nacional de Mozos de Cursos de Cristiandade e membro da comisión executiva e de loxística e organización do Congreso de Laicos; David Roces, mozo de Acción Católica Xeral de Oviedo; e Isabel García, membro de Vida Ascendente. Presentado e moderado pola malagueña Ana Medina, xornalista de TRECE TV.

O encontro será ás 19.00 horas do venres 19 de febreiro, é gratuíto, pero é necesario rexistrarse facendo click aquí.

A %d blogueros les gusta esto: