Semana de espiritualidade “Santa Teresa de Xesús”

Semana teresiana en Lugo

O Seminario Diocesano acolle entre o luns 2 de marzo e o venres 6 ás 20 horas unha serie de intervencións dos carmelitas descalzos da parroquia Santa Teresa de Xesús da Coruña baixo o título Unha muller do XVI que mira ao XXI. Ditas intervencións son as seguintes:

Día 2 de marzo 

“EL AMOR DE DIOS’; LECTURA DUNHA HISTORIA, polo P. Ángel Gutiérrez, ocd.

Día 3 de marzo 

“TRATAR DE AMISTAD’; UNHA INVITACIÓN A POÑERSE EN PRESENZA DE DEUS HOXE EN DÍA, polo P. Mauricio Martín, ocd.

Día 4 de marzo 

“SER FAMILIA EN CRISTO’; UN NOVO ESTILO DE VIDA, P. Leoncio Mulero, ocd.

Día 5 de marzo 

LAS FUNDACIONES, EXPERIENCIA VIVA DE NOVA EVANXELIZACIÓN, polo P. Serviliano Ceballos, ocd.

Día 6 de marzo 

A ESPIRITUALIDADE MARIANA EN TERESA DE JESÚS, polo P. José Antonio Fuertes, ocd.

Comezan este ano os Encontros prematrimoniais

San Pedro (Lugo) Días 2, 3, 4, 9, 10, e 11 de marzo – Ás 20:30h

Bo Pastor (Lugo) 7 de marzo de 11 a 14h 14 de marzo de 11 a 14 e de 16 a 19h

Parroquia Nosa Sra. das Dores (Lalín) do 9 ó 13 de marzo ás 20:30h

Os Encontros prematrimoniais son un espazo de reflexión sobre a nova vida que se vai emprender. Fanse nun clima de diálogo entre as parellas de noivos asistentes e un ou dous matrimonios acompañados por un sacerdote.

Nestes días fálase, entre outros, dos seguintes temas:

o matrimonio: un proxecto de parella. • amor e sexualidade.

o diálogo na parella. • o matrimonio cristián, sacramento.

Máis información:

– na parroquia

– na Delegación Diocesana de Pastoral Familiar

Celebración do Día de Hispanoamérica

3 marzo día 1 Hispanoamérica

O día 26 ás 20h no salón parroquial de San Francisco Xavier hai unha mesa redonda baixo o título “A nova evanxelización desde Hispanoamérica”. Algúns hispanoaméricanos de distintos países compartirán a súa experiencia de fe.

O 1 de marzo invítase a todas as persoas de Hispanoamérica a participar na Eucaristía de 12:30 h. no templo de San Francisco Xavier. Logo hai unha exposición de cultura latinoamericana.

Na citada Eucaristía tamén se fará o pregón da Novena da Graza, os 9 Días de Xavier, a cargo do Rvdo. D. Pablo Veiga, xesuíta nado en Lugo.

Hai Concordato?

Cada pouco tempo escóitase que algunha personalidade pública afirma que hai que cambiar o Concordato coa Igrexa Católica. Tamén no debate das primarias que houbo entre os tres candidatos para dirixir o PSOE coincidiron nesa afirmación. Máis aló de que haxa que cambiar -ou non- o marco xurídico de relación entre a Igrexa Católica e o Estado español convén que aclaremos algunhas cuestións, porque hai bastantes falsidades e manipulación sobre o tema.

Primeiramente é necesario saber que propiamente non hai Concordato do Estado coa Santa Sé, senón Acordos sobre diversos temas (ensinanza, asuntos económicos, xurídicos e forzas armadas).

En segundo lugar cando se afirma que son preconstitucionais ou predemocráticos, non convén esquecer que o último leva a sinatura do señor Rodríguez Zapatero. Así que habería que preguntarlles aos que manteñen esta afirmación, se Zapatero foi un gobernante predemocrático; eu en principio (e só en principio) aceptaría como válida a resposta que dean. Os primeiros Acordos vixentes son do ano 1979 e a Constitución é de 1978.

Os Acordos coa Santa Sé teñen a condición legal de ser un tratado internacional e, por tanto, a reforma destes Tratados debe facerse de acordo co Dereito internacional, a non ser que aceptemos ser considerados como un país que non respecta o dereito, a legalidade e a seguridade xurídica. Moitos lembramos as tristes imaxes dos señores Moratinos e Zapatero mendigando un apretón de mans en cumios intemacionais, e todo por adiantar nun mes a fin dun acordo internacional.

En política internacional, ademais de ser sensato seguir o refrán popular de «non poñer todos os ovos na mesma cesta», débese saber que Estados Unidos ten embaixadas en 172 países, Francia en 162 e España só en 95, pero a Santa Sé ten relacións con misións diplomáticas plenas en 180 países (só 17 países soberanos non teñen relacións diplomáticas coa Santa Sé). Tampouco convén ignorar que en xeral o decano do Corpo Diplomático é o nuncio do Papa. Ignorar a realidade é exporse a que te «atropele». A política internacional debe garantir os dereitos dos cidadáns e favorecer o desenvolvemento das relacións entre os estados e os cidadáns.

A importancia da diplomacia da Santa Sé pode verse por exemplo nestes dous feitos tan distintos:

a) Contou, estando eu presente, un dos membros do movemento revolucionario M-19 que secuestraron a case 20 embaixadores na embaixada da República Dominicana en Bogotá durante dous meses en 1980, e que entre todos eles só o nuncio sabía cociñar. Para sobrevivir os secuestrados era básico comer. Loxicamente todos tiveron que fiarse do Nuncio, pois a alternativa era peor.

b) O 17 decembro 2014 restablécense as relacións diplomáticas entre USA e Cuba. O intermediario non foi nin España, nin México, nin… foi a Santa Sé e así a loaron tanto Obama coma Raúl Castro. Cousa normal, pois a diplomacia vaticana é recoñecida como a mellor diplomacia do mundo.

Non trato de asesorar a un partido político, senón compartir gratuitamente cos lectores estas reflexións con ánimo de servir á verdade. Non resulta nada atraínte asesorar a un partido politico cobrando (tes que dicirlles o que queren oír) ou gratuitamente no momento actual.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Cristiáns degolados en Libia

Ao comezo desta semana, mentres uns estabamos preocupados en disfrazarnos e en comer cocido, 21 cristiáns coptos eran asasinados en Libia dunha forma vil; degolados como os polos nun matadoiro, coa diferenza de que os verdugos eran os seus propios semellantes.

A semana pasada escribiamos de non difundir noticias falsas sobre persecucións a cristiáns. Por desgraza, a noticia desta masacre foi certa.

É grave a morte de 21 inocentes por causa da súa fe. Pero non é menos grave a actitude de cegueira voluntaria que temos en Occidente.

A forma de combater o Estado Islámico, e os fundamentalismos de todo tipo, non é coa forza das armas, por moitas que sexan as nacións que se unan para deter esta barbarie.

Estou convencido de que a única forma de que isto vaia a menos, ata desaparecer, é caer na conta de que necesitamos facerlle un oco no noso mundo e nos nosos corazóns ao Deus de Xesucristo, ao auténtico Príncipe da Paz.

Non podemos afacernos a estas cousas. O día que se deu a información falouse moito, pasados uns días apenas uns poucos seguen mantendo viva esta noticia. O peor de todo é ver como normal ou habitual o que nunca debería existir.

Teñamos presentes nas nosas oracións a estes 21 irmáns nosos. Que o Señor lles conceda a todos o descanso eterno, e a vida que aquí non puideron gozar.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

%d bloggers like this: