A Catedral acolle a inauguración do Curso Pastoral da Diocese

O luns, 2 de outubro, ás 20 h na Catedral de Lugo iníciase oficialmente o Curso Pastoral 2017-18 cunha Eucaristía presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco. Participarán membros de organismos, asociacións, movementos, catequistas, profesores de Relixión da Diocese…

As principais liñas da acción pastoral da Diocese para este curso son as seguintes:

1.- Comunidades como verdadeiras escolas de fe. É necesaria a presenza próxima do fiel cristián, do Pobo de Deus como realidade perceptible, experimentable nas nosas comunidades, coas súas tradicións, iniciativas e celebracións, para que exista unha verdadeira escola na que se cultive a fe.

2.- Prioridade da catequese. Sen dúbida un instrumento fundamental para a educación na fe e parte principal da actividade pastoral.

3.- Continuar a reorganización pastoral da Diocese. Vontade de axeitar as nosas estruturas para que sirvan mellor á tarefa da evanxelización. O anuncio do Evanxeo pasa pola constitución de lugares de referencia, vivos, próximos, en que estean presentes os trazos esenciais da fe: a palabra e os sacramentos, a unidade e a caridade. Iso non diminuirá o valor das parroquias máis pequenas, ás que se continuará coidando como parte de nosa propia identidade.

4.- Valorar, apoiar e aproveitar os privilexios da nosa Catedral (Indulxencia plenaria permanente e perpetua) e de O Corpiño (Ano Xubilar Mariano).

Seminario Diocesano: apertura solemne do Curso Académico

O domingo 1 de outubro terá lugar a solemne apertura do Curso Académico 2017-2018, do Seminario Diocesano, o Instituto Teolóxico Lucense e o Instituto Superior de Ciencias Relixiosas San Dámaso. 

 Ás 17:00 h. na Capela Maior do Seminario hai unha Eucaristía Votiva do Espírito Santo, presidida polo Sr. Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco Rouco.

Ás 18:00 h na Aula Magna comezará o acto académico:

  • Lectura da Memoria do Curso 2016-2017 por parte da Secretaria do Seminario Diocesano, Montserrat López Vázquez
  • Apertura do Curso polo Sr. Bispo
  • Lección inaugural: «1517-2017. Del conflicto a la comunión», por D. Benito Méndez Fernández, Profesor Titular de Cátedra no Instituto Teolóxico Compostelán. Docente de Teodicea, Eclesioloxía Fundamental e Sistemática, e Cursos do Bienio. Profesor extraordinario de Eclesioloxía no Instituto Teolóxico Lucense.

Máis de 40 seminaristas cursarán no Seminario Menor os diversos cursos da ESO e do BAC, nas súas diversas modalidades. Deles, 25 alumnos son residentes internos no Seminario, e o resto mediopensionistas. Como novidade, este ano o Seminario Menor estrea a xornada única, distribuíndo en horario só de mañá as clases e dedicando as tardes ao estudo, á formación espiritual, ao deporte e a outras actividades extraescolares.

No Seminario Maior vivirán este curso catro seminaristas, que estudan o Bacharelato/Grao de Estudos Eclesiásticos no Instituto Teolóxico Lucense (ITL), afiliado á Facultade de Teoloxía da Universidade Eclesiástica San Dámaso. Ditos estudos están dispoñibles para que se matricule calquera persoa interesada nunha formación filosófico-teolóxica de nivel universitario. Un quinto seminarista, xa diácono, amplía estudos en Madrid e colabora na parroquia da Milagrosa as fins de semana durante a súa etapa pastoral. A eles súmanse como alumnos do ITL, os seminaristas do Seminario Misioneiro Redemptoris Mater (pertencente ao Camiño Neocatecumenal), erixido na Diocese de Lugo. Foron cinco seminaristas no último curso e espéranse novas incorporacións para o presente.

No Instituto Superior de Ciencias Relixiosa San Dámaso estudan, ben todos aqueles interesados na titulación de Bacharelato/Grao en Ciencias Relixiosas (que capacita, entre outras cousas, para a docencia do Ensino Relixioso Escolar ESO/BAC), ben aqueloutros que, coa titulación de Grao en educación infantil ou primaria desexan optar a ser docentes de Ensino Relixioso neses niveis. Ao ser un centro a distancia, acolle alumnos en formación nestes dous ámbitos de todas as zonas da comunidade autónoma.

Por outra banda, no edificio do Seminario Diocesano, que se abre o domingo ao longo do curso, teñen lugar moitos eventos de interese diocesano, como retiros, cursos de formación, convivencias… así como colaboracións diversas con outras realidades. Como mostra, desde fai uns meses o Seminario é o lugar de ensaio da Banda Filarmónica de Lugo, e das súas novas iniciativas: a banda infantil e o coro infantil. O edificio nobre do Seminario segue ofrecendo, na súa segunda planta, o servizo de Casa Sacerdotal para os sacerdotes da Diocese que desexan residir nela.

Xubileu no Corpiño dos profesionais de servizo ao cidadán

O santuario da Benaventurada Virxe do Corpiño acolle o Xubileu dos profesionais de servizo ao cidadán.

A programación é a seguinte:

– Ás 11:00 h, Saída cara á igrexa parroquial de San Pedro de Losón para realizar desde alí ata o Santuario o Camiño dos pastorciños, os que o desexen (1km de distancia)

– Ás 11:35 h, coincidindo coa chegada dos peregrinos que realizan o Camiño dos pastorciños, o Rector do Santuario impartirá a Bendición a todos os Peregrinos e devotos na Carballeira do Santuario

– Ás 11:40 h, comezo da Peregrinación cara á Porta Santa (100 m)

– Ás 11:50 h, chegada á Porta Santa e entrada ao Santuario.

– Ás 12:00 h, Eucaristía por todas as persoas que desempeñan un labor profesional relacionado coa atención ao cidadán: bombeiros, empregados públicos, traballadores sociais…

Mans Unidas presentou o material educativo para este curso

A delegación de Mans Unidas de Lugo presentou 28 de setembro o material escolar gratuíto de infantil, primaria e secundaria elaborado para este curso 2017-18, co fin de traballar a Educación para o Desenvolvemento.

A partir dun calendario proponse ao alumnado de primaria e secundaria que cada mes desmonte un mito sobre a fame con actividades que teñen a súa vertente de cálculo, investigación e reflexión.

Para infantil a proposta é traballar distintos valores a partir de 3 contos, un deles en verso (“Caixa de botóns”), e outros materiais relacionados con cada historia.

 No acto de Mans Unidas tamén se presentou a novena edición do festival de clipmetraxes, que este ano ten como lema “Cal é a túa receita para loitar contra a fame?”

“Compartindo a viaxe”: campaña de Cáritas en favor dos migrantes

“Compartindo a viaxe”, é o nome da campaña global que Cáritas Internationalis emprende en favor dos migrantes do mundo en atención ao chamamento que en diversas ocasións fixo o papa Francisco en favor dos migrantes. Iníciase o 27 de setembro e durará ata setembro de 2019

É unha campaña de sensibilización pública que promove oportunidades e espazos para que se reúnan os migrantes e as comunidades e compartan historias e experiencias, co obxectivo de fortalecer vínculos entre os migrantes e as comunidades. Promóvese a visión dunha soa familia humana, mundial e unida.

Todo aquel que estea interesado pode unirse á campaña, especialmente persoas con experiencia na emigración, que poden ser invitadas a compartir a súa viaxe, xa sexan migrantes ou comunidades afectadas pola migración.

[Web oficial da campaña]

A %d blogueros les gusta esto: