Premiados no I Certame de Poesía Eucarística

O 28 de maio de 2015, fíxose público o fallo do xurado do I Certame de Poesía Eucarística organizado polo Centro Eucarístico Lucense (LEC):

A. Categoría adultos, maiores de 18 anos.

1º Premio: 600 € e a publicación da obra ao conxunto de poemas “Un día de lluvia camino de la Catedral” de D. Carlos Pérez Sánchez, de Lugo

2º Premio: 450 € e a publicación da obra, ao poemario “Versículos trascendentes” de D. Ramón Molina Navarrete, de Jaén

O xurado decidiu outorgar unha mención especial ao poema “Pan de Vida” de D. Lázaro Domínguez Gallego de Ferrol pola súa visión poética da adoración eucarística en Lugo; e tamén unha mención especial para a obra “Alfa e Omega” de D. Ángel Barreiro Pardo, de Lugo, pola súa orixinalidade e calidade literaria, por unir deseño gráfico e poesía.

B. Categoría infantil- xuvenil, ata 18 anos.

1º Premio: 350 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Domingo, día especial” de D. Hugo García Mariño, de Antas

2º Premio: 250 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Pregúntame sobre la vida de una rosa” de Dª Cristina Ouro Alvite, da Coruña

3º Premio: 150 € en material escolar e a publicación da obra ao poema “Quixera estar” de D. Emilio Mouriño Rodríguez, de Melide

O xurado e o equipo organizador deste I Certamen de Poesía Eucarística desexa mostrar o seu agradecimento pola gran acollida do concurso, con máis de 160 poemas recibidos desde diversos puntos de España e mesmo desde Arxentina; así como pola gran calidade das obras presentadas.

O Centro Eucarístico Lucense quere sinalar que o verdadeiro éxito do Certame estivo en conseguir que tanta xente se detivese ante a Eucaristía e lle dedicase estas palabras cheas de sentimento e fe. Con iso non só se potencia o amor á Eucaristía través da poesía, senón que se contribúe a revalorizar Lugo como cidade do Sacramento.

Xornada da vida consagrada en Ferreira de Pantón

Xornada da vida consagrada

O Mosteiro de Ferreira de Pantón será o escenario dunha Xornada da Vida Consagrada. Ás cinco da tarde, o historiador Isidro García Tato impartirá a conferencia “O monacato como configurador da Ribeira Sacra”, seguida de coloquio.

Ás 18:30 será o rezo de vésperas e ás sete da tarde haberá un encontro coa comunidade de Ferreira de Pantón.

VIII Encontro do voluntariado galego de Cáritas

O centro Europeo de Peregrinacións “Xoán Paulo II”, no Monte do Gozo, será o marco para o VIII Encontro do Voluntariado Galego de Cáritas. O día 30 de maio representantes das cinco dioceses compartirán experiencias e testemuños, coñecendo distintas realidades do voluntariado en Cáritas.

O secretario xeral de Cáritas Española, Sebastián Mora, pronunciará a conferencia central, titulada “Presenza de Cáritas: Acción, sentido e espiritualidade”.

Ao final da mañá hai unha Eucaristía, presidida polo delegado episcopal de Cáritas Santiago, Jesús García Vázquez,  e concelebrada polos delegados episcopais e consiliarios da institución.

Trala comida de confraternidade, os asistentes verán distintas exposicións na Cidade da Cultura, centrándose en “Camiño, a orixe”.

 Os voluntarios de Cáritas son unha parte importante con que a institución se fai presente xunto ás persoas que viven a inxustiza da pobreza. No encontro insistirase en que o voluntariado é comprometido, activo, capaz de dar respostas, coherente coa misión que se lle encomenda, que vive os valores da solidariedade, a gratuidade, a igualdade. A denuncia das inxustizas sociais ocupa un lugar prioritario, así como a sensibilización e formación da sociedade.

Concentración solidaria organizada por Mans Unidas

Copia de manosunidas24h-10

O xoves 28 hai actos por toda España convocados por Mans Unidas. E a delegación lucense invita a concentrarse ás oito e media diante do edificio do Concello, na praza Maior de Lugo. Tras unha presentación, repartirase aos presentes unha vela para que, encendida, simbolice o desexo de poñer luz nun mundo no que hai inxustizas. E finalmente lese un manifesto.

Presentación do libro Falando baixiño, de Miguel Ángel Álvarez

Presentacion Falando baixiño público 2

O 27 de maio, o Seminario acolleu a presentación do libro Falando baixiño. Reflexións ó abeiro da fe, do párroco de San Froilán, Miguel Ángel Álvarez Pérez.

Interveñeron a directora da Oficina de Prensa do Bispado, María José Campo López-Barcia, para quen as páxinas do libro “reconfortan e dan esperanza”; o director da editorial Vozesnavoz, Javier Diéguez Diéguez, que destacou dúas ideas que se repiten constantemente -alegría e amor- “pois quen cre nun Deus que é amor só pode crer con alegría e o libro evanxeliza con alegría e con amor”; o Vicario Xeral Mario Vázquez Carballo, que se referiu ao autor como “un crego que camiña, pensa, traduce, observa e grava para a historia as crónicas das boas novas dunha Igrexa e dunha sociedade que se sente agradecida rezando ante o Santísimo Sacramento, celebrando a fe e construíndo un mundo mellor”.

Finalmente, o autor, Miguel Ángel Álvarez Pérez, sinalou os 3 motivos que deron lugar aos textos: “a invitación de María José Campo a elaborar os artigos, as posibilidades das redes sociais e dunha folla parroquial e finalmente a idea de facer chegar á xente que non se manexa por internet e que me pediu se podía facer algo para difundir os escritos”.

A %d blogueros les gusta esto: