Carta dos Padres sinodais aos mozos do mundo

No último día da XV Asamblea Ordinaria do Sínodo dos Bispos, os Padres sinodais, deron a coñecer unha carta aos mozos:

“Dirixímonos a vós, mozos do mundo, nós como padres sinodais, cunha palabra de esperanza, de confianza, de consolo. Nestes días estivemos reunidos para escoitar a voz de Xesús, -o Cristo eternamente novo- e recoñecer nel as vosas moitas voces, os vosos berros de alegría, os queixumes, os silencios.

Coñecemos as vosas procuras interiores, as vosas alegrías e esperanzas, as dores e as angustias que vos inquietan. Desexamos que agora poidades escoitar unha palabra nosa: queremos axudarvos nas vosas alegrías para que as vosas esperanzas se transformen en ideais. Estamos seguro que estades dispostos a entregarvos coas vosas ganas de vivir para que os vosos soños se faganse realidade na vosa existencia e na historia humana.

Que as nosas debilidades non vos desanimen, que a fraxilidade e os pecados non sexan a causa de perder a vosa confianza. A Igrexa é a vosa nai, non vos abandona e está disposta a acompañarvos por camiños novos, polas alturas onde o vento do Espírito sopra con máis forza, facendo desaparecer as néboas da indiferenza, da superficialidade, do desánimo.

Cando o mundo, que Deus amou tanto até darlle ao seu Fillo Xesús, fíxase nas cousas, no éxito inmediato, no pracer e esmaga aos máis débiles, vós debedes axudarlle a levantar a mirada cara ao amor, a beleza, a verdade, a xustiza.

Durante un mes camiñamos xuntamente con algúns de vós e con moitos outros unidos pola oración e o afecto. Desexamos continuar agora o camiño en cada lugar da terra onde o Señor Xesús envíanos como discípulos misioneiros.

A Igrexa e o mundo teñen necesidade urxente do voso entusiasmo. Facédevos compañeiros de camiño dos máis débiles, dos pobres, dos feridos pola vida. Sodes o presente, sede o futuro máis luminoso”.

[Liñas básicas do documento final do Sínodo]

200 anos compartindo xeografía e sangue

Celebrar os anos que cumprimos sempre é unha sinal de que aínda vivimos… E ás veces ter quen se lembre dun é un feito importante, sinal dun afecto singular pola persoa. Pois este ano, concretamente o 25 de outubro, cumpríronse 200 anos do nacemento de José María Díaz Sanjurjo, dominico, natural de Santa Eulalia de Suegos, no concello de Pol, antiga xurisdición de Lea. A singularidade non está en que fose relixioso, en sentido literal, senón en que viviu a paixón polo Evanxeo ata o extremo de morrer por el, é dicir, deixando esnaquizar a súa vida por ser coherente coa fe en Xesús resucitado ou como di o canto sendo trigo do mesmo sementador triturado no muiño da vida transformado polo amor en Eucaristía. Na infancia un pensaba en gañar máis entusiastas co Evanxeo e adultamente – que non é o mesmo que dunha maneira madura- un vai deixando vellas ansias polo camiño e sen querer vaise acomodando apostando por conservar o que hai. Pero é a forza que trasmiten os santos –aqueles que desde Deus se converten en valedores e intercesores nosos- a que ás veces nos axuda a sacalas forzas necesarias para proseguir no monótono sucederse dos días e dos anos camiñando ó lado e ás veces diante do rabaño encomendado. Mirar cara á vida de Díaz Sanjurjo permítenos meditar no enrarecido clima no que viviu unha parte da súa vida que lle animou a descubrir a chamada da misión. Con Díaz Sanjurjo situámonos na época que comprende a desamortización de Mendizábal (1835) e a supresión das ordes relixiosas exceptuando aquelas que tiñan o fin máis inmediato nas misións. No caso de San José María esta misión materializouse marchando a Tonking, actual Vietnam, sendo dominico, pasando por Ocaña e as illas Filipinas.  A chispa parece que se produce pola súa relación cos dominicos en Lugo, destacando entre eles Pedro Teijeiro ou o futuro cardeal e arcebispo de Zaragoza, Manuel García Gil, que será tamén párroco de Montecubeiro, xa exclaustrado. Pero non era moito máis próspera a vida en Vietnam: adaptarse a unha lingua diferente, expresar os contidos da fe noutro idioma e adaptarse a uns costumes diferentes, facerse valer nunha cultura diferente. E por riba levar un compoñente cultural novo que viña a cambiar desde os alicerces ó individuo e á sociedade, tolerado nun principio e máis adiante visto o Evanxeo como unha provocación e converténdoo en obxeto a extirpar atacando ós estranxeiros cristiáns, en definitiva, ós líderes, ós bispos. Foron compañeiros de aventuras o asturiano Melchor García Sampedro e andando no tempo Valentín de Berriochoa, todos eles asasinados por odium fidei e todos fundamento da fe católica en Vietnam. En Lugo a súa figura e exemplo pasa desapercibida polo feito de que a súa vida se desenrolou noutras terras e por ser dominico e ser esta orde quen inicia os procesos de beatificación e canonización, aínda que das dúas veces se fixera eco dese feito. Na diocese de Lugo contamos con outros santos do tempos modernos que aínda non chegaron á gloria da canonización, é dicir, a proclamación da súa santidade e a autorización do seu culto na Igrexa universal. Polo tanto el é o único santo de Lugo dos tempos modernos. Están en proceso de canonización o bispo de Lugo Manuel Basulto Jiménez e de beatificación Francisco Carballo García, natural de Chantada. Esperamos que esta celebración do centenario nos axude a acercarnos a Deus a través deste santo con quen compartimos xeografía e sangue e tamén nos entren ganas de coñecer máis a súa figura.

Óscar González Murado

Sacerdote e historiador

Xornada de formación para o profesorado de Relixión

Herminio Otero

 O salón de actos do Seminario de Lugo acolle o sábado 27 de outubro de 9:30 a 20:15h unha xornada de formación para o profesorado de Relixión. Trataranse os seguintes temas:

 – claves dunha boa metodoloxía na aula de Relixión,

 – pasos para desenvolver unha boa metodoloxía e

 – propostas de traballos metodolóxicos para a aula.

 O relator desta Xornada será o asesor de Catequese e Proxectos formativos da editorial PPC Herminio Otero Martínez, que é experto en temas de metodoloxía de aula, pedagoxía e comunicación oral e visual.

Inicio de curso de Grupos de Oración e Amizade. Homenaxe a Alfonso Vilariño

O venres 26 de outubro ás 19:30 h na igrexa de San Froilán (Lugo), inician o seu curso os Grupos de Oración e Amizade (GOA) cunha Eucaristía presidida polo Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco Rouco. Asimesmo réndeselle unha homenaxe ao sacerdote Alfonso Vilariño Blanco, recoñecendo o seu labor fundando, acompañando e potenciando os GOAs en Lugo. Xunto con Indalecio Gómez Varela e José Vázquez García fundou GOA en Lugo e foi durante varias décadas consiliario do movemento. Agora Alfonso Vilariño é sustituído polo sacerdote José Manuel Penela Campos, a quen se lle dá a benvida ese día.

Forman parte de GOA na Diocese de Lugo duascentas persoas, que integran 12 grupos en distintas parroquias de Sarria e Lugo.

As salesas reciben as reliquias de Santa Margarita de Alacoque

Como preparación ao Centenario da Consagración de España ao Sagrado Corazón de Xesús, as reliquias de Santa Margarita Mª Alacoque están un mes en España.

Ás 13h do sábado 27 de outubro está prevista a chegada das reliquias ao Mosteiro da Visitación (Salesas), na rúa Bispo Ona de Echave (Lugo). Ás 19h celebrarase unha Eucaristía.

Esta peregrinación coas reliquias de Santa Margarita está organizada pola editorial de espiritualidade ADADP.

As reliquias proceden do Mosteiro da Visitación de Paray-le-Monial, en Francia. No ano 2002 estiveron no Congo, e despois en Irlanda do Norte, U.S.A., Alemaña, Bélxica, Italia, Australia, varios países de Latinoamérica…

En 1671, Margarita María Alacoque ingresa no mosteiro da Visitación en Paray-le-Monial; fai a súa profesión relixiosa un ano máis tarde. Entre decembro 1673 e xuño 1675, ten tres aparicións do Corazón de Xesús.

A %d blogueros les gusta esto: