Vixilia de fin de ano da Adoración Nocturna

O venres 30 de decembro, de 9 a 10 da noite, será a Vixilia de fin de ano da Adoración Nocturna. Na Catedral de Lugo celébrase unha Eucaristía de acción de grazas polos beneficios recibido durante o ano. Tamén se pedirá axuda e fortaleza para seguir adorando pola noite a Cristo en representación de toda a Igrexa.

Actividades da Fundación O Noso Lar

A fundación O Noso Lar invita aos anciáns de Samos que vivan sós a pasar con eles os días de Noiteboa, Nadal, Ano Vello e Aninovo.

Concretamente, será entre os días 24 e 26 no Priorado de Lóuzara e do 30 de decembro ao 2 de xaneiro en Lousada. Os maiores estarán acompañados, recibirán comida,  cea e almorzo. Para participar abonda con poñerse en contacto co Noso Lar. Se non quedan a durmir nos locais da Fundación, poden facelo nas súas casas, pois van a buscar e levar ás persoas que o soliciten.

Novo libro de D. Jaime Delgado

 

A obra titúlase Dos primicias histórico-arqueológicas.

Na primeira parte do libro resaltan tres detalles históricos: O Camiño de Santiago tiña identidade propia ben definida polo menos desde o século XII, o culto ao Apóstolo está documentado desde o século IX e varias parroquias que antes tiñan como titulares San Salvador e Santa Marta fixeron o cambio polo padroado de Santiago.

A segunda parte do libro conta a historia da confraría e irmandade “Glorioso Victorio” da Pobra do Brollón. Tamén se fala do santo e da capela a el adicada no mencionado Concello.

Disco da Coral do Hospital de Lugo

 

A Coral do Hospital de Lugo vén de publicar o seu segundo disco “Vinte anos cantando” co que queren facer chegar aos seus seguidores e amigos unha pequena mostra do seu traballo: un repertorio galego e internacional con 8 temas do seu anterior disco e 14 temas novos. Este ano 2011 tamén publicou o segundo DVD, que recolle o concerto celebrado no Hospital para conmemorar o 20º aniversario da agrupación musical.

%d bloggers like this: