Presentado un novo número da revista Lvcensia

María Quiroga Figueroa

O 17 de novembro presentouse o número 65 da revista que publica a biblioteca do Seminario: Lvcensia. O acto, presidido por Mons. Alfonso Carrasco Rouco, estivo dirixido polo reitor David Varela Vázquez e tamén contouse coa presenza do director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez e do membro do consello de redacción, Óscar González Murado.

A parte central do acto correu a cargo da autora do primeiro artigo, a licenciada en Xeografía e Historia, María Quiroga Figueroa, que comezou sinalando:

“O Museo Provincial de Lugo ten unha serie de pequenas coleccións que quedan solapadas ou ensombrencidas por outras máis chamativas ou atraentes para o público  xeral. Este é o caso da pequena colección de louza dourada mudéxar e mourisca. A pesar de tratarse unicamente de 19 pezas, o seu interese radica en que nos transporta a catro séculos de historia do noso país”.

E sobre o contido do seu artigo “La colección de loza dorada española en el Museo Provincial de Lugo” indicou que tiña dúas partes:

“Por un lado analizamos o valor histórico artístico de cada unha das pezas e por outro reconstruímos a historia da propia colección: as súas orixes, a forma de ingreso no Museo”.

Mons. Alfonso Carrasco pechou o acto, e entre outras cuestións, sinalou:

“Que siga tendo lugar unha presentación significa que a vida segue, que a redacción segue traballando -algo que quero agradecer-, que o centro de vida e cultura que representa a biblioteca do Seminario segue abrindo camiño… A vida do centro educativo onde está instalada a biblioteca deu pasos, medra, o que é unha delicia para todos”.

 

Presentación dun novo número de Lvcensia

O xoves 17 de novembro ás 18:30 h. terá lugar a presentación do número 65 de Lvcensia na aula magna do Seminario. Presidirá o acto Mons. Alfonso Carrasco, intervirán o director da revista, Gonzalo Fraga; o reitor do Seminario, David Varela.

Como colaboradora invitada, a museóloga María Quiroga Figueroa presentará a colección de louza dourada mudéxar e mourisca no Museo de Lugo. Son 19 pezas (ss. XV – XVIII), procedentes por exemplo das coleccións privadas de José Villaamil e Castro, e de Santiago Rocamora Negróns, a colección deste último foi doada ao museo por José Fernández López.

Neste novo número, Alberta Lorenzo lembra o labor das Sociedades Galegas de Instrución tomando como exemplo Roupar, estudando a arquitectura escolar.

Pablo Ferrín fala dos diversos usos das campás, concretándoo nas vías de entrada a Galicia a través dos chamados Camiños Maiores.

José Antonio Ferreiro publica o testamento do bispo Frei Francisco Yzquierdo, bispo promotor da igrexa de San Bartolomé, a Porta de Santiago, a fonte de San Vicente… Documentos inéditos axudan a coñecer a historia de Lugo na Idade Moderna.

Óscar González Murado ofrécenos unha visión do antigo arciprestado de Luaces, as súas capelanías e capeláns. Aclara por que as capelanías non sempre tiñan capela.

Lois Ladra, do Proxecto CORGORAL, publica máis de 400 refráns.

Abel Vilela fai un repaso sobre a biografía de Ramón Lías Yepes, fundador da sección de Adoración Nocturna de Lugo.

Angel Utrera estuda cruceiros das 28 parroquias de Antas de Ulla.

Manuel Carriedo continúa coa segunda parte da cronoloxía dos bispos lucenses do século VIII abordando o final do bispo Odoario e a súa sucesión.

Presentado o número 64 da revista Lvcensia

Lois Ladra, autor do primeiro dos artigos que inclúe a revista

O mércores 25 de maio presentouse no salón de actos do Seminario o número 64 da revista Lvcensia. O acto estivo presentado por Luis Varela e o director da publicación, Gonzalo Fraga encargouse de dar a coñecer os contidos.

Interveu Lois Ladra, autor no número que se presenta dun traballo titulado “O adiviñanceiro popular do Corgo”. Na súa intervención explicou que “ademais de revisar todas as fontes documentais, fontes escritas tanto inéditas como publicadas, tamén temos que contar co traballo do alumnado dos centros escolares. É un traballo libre, voluntario e extraacadémico. Quen quere apúntase e cubre uns cuestionarios. O tempo no que estivemos encerrados vímolo como unha oportunidade para facilitar o comunicación entre pais, fillos e netos e facer a recollida nos anos 2021 e 2022. O traballo realizado pode usarse como base para unha proposta didáctica para os centros de ensino primario e secundario. E tamén se trata de que o material quede rexistrado no 2022 e non se perda nun futuro”.

Pechou o acto o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez, que transmitiu unhas verbas de alento “ao Consello de Redacción de Lvcensia, aos asesores e a todos os colaboradores, para que non decaia tan inxente labor de investigación e tanto esforzo realizado durante 32 anos. Somos xa, por Lvcensia, membros dunha comunidade perseverante que non cansa de traballar e loitar pola cultura local. Isto é, sen dúbida, un dos mellores xeitos de entender a cultura universal e a pluralidade. Os lectores deste número fará gozar cos retazos da historia da cidade, da provincia, da Diocese”.

Presentación do número 64 da revista Lvcensia

O 25 de maio na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo preséntase o número 64 da revista Lvcensia. O acto estará presidido polo Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.

O colaborador convidado ao devandito acto será o antropólogo Lois Ladra que dará a coñecer unha recompilación de adiviñas tradicionais recollidas no concello do Corgo. Trátase dun rico patrimonio cultural inmaterial que se poderá utilizar como ferramenta de referencia para transmitilo, e evitar así que desapareza.

Entre os artigos publicados neste número abórdase, unha vez máis, a pervivencia da vía romana XIX na historia, pois xogou un papel importante na comunicación de Cervantes co Bierzo e o interior de Lugo. Feito que condicionou a implantación de grandes centros eclesiásticos como foron os mosteiros de Samos e Penamaior e os bispos de Lugo e León, e a conversión do mosteiro berciano de Carracedo no principal propietario da zona.

Outro artigo describe e analiza a facenda señorial da Casa de Lemos a finais da Idade Moderna apoiándose en documentos inéditos conservados no Arquivo Histórico Nacional que permiten estudar tanto a tipoloxía fiscal, como a capacidade produtiva dun dos espazos administrativos dos que o conde extraía as súas rendas en Galicia.

Preséntase ademais unha cronoloxía dos bispos lucenses do século VIII que aborda a historia de Lugo na primeira metade dese século e a figura de Odoario “o africano”. Fraga Vázquez fala neste número da historia da procesión do Corpus en Lugo con datos desde finais do s. XVI até o primeiro cuarto do s. XX. Molejón Rañón escribe a historia da Banda de Música Municipal de Lugo. O profesor Blanco Prado escribe sobre os etnorituais e ofrendas no Santuario Mariano dos Remedios no Alto do César en Sarria.

Con motivo da restauración da vidreira do Museo Provincial de Lugo, Aurelia Balseiro explica a intervención levada a cabo estudando a técnica e soporte empregados, así como os elementos máis representativos, tal é o caso do escudo da Deputación e o cáliz coa Sacra Forma, lembrando o antigo privilexio da catedral lucense consistente na exposición permanente e pública do Santísimo Sacramento.

García Porral e Ramón Balado recuperan o vocabulario zoolóxico recollido por Francisco Javier Rodríguez no primeiro Dicionario Galego-Castelán.

Presentación do número 63 de Lvcensia

O martes 23 de novembro ás 18.30 h, na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo presentarase o nº 63 da revista Lvcensia.

O acto estará presidido polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.

O colaborador convidado será Marcos Gerardo Calles Lombao, que lembrará o 400 aniversario da escritura do coro da Catedral, obra de Francisco de Moure. No seu artigo faise unha revisión dos documentos localizados no Arquivo da Catedral de Lugo e o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, así como da copia da traza orixinal do coro realizada por Felipe de Castro.

Neste número Abel Vilela fala da polémica xurdida ao redor da Lámpada Votiva regalada á Catedral de Lugo, obra do escultor Manuel Garnelo e Alda.

Manuel Varela realiza unha síntese sobre as Xornadas Abertas de Teoloxía que tiveron lugar este ano.

Sobre arquitectura versan dous artigos, un do arquitecto Santos Ferro sobre a fortaleza medieval de San Miguel de Penas, fonte de inspiración literaria das Églogas de Garcilaso de la Vega, Los pazos de Ulloa de Pardo Bazán e os Versos satíricos de Antón de Xilgar e hoxe propiedade da casa ducal dos Medinaceli; e outro da arquitecta Alberta Lorenzo Aspres, sobre a arquitectura escolar da emigración no concello de Xermade.

Ignacio Cabarcos, Fernanda Follana e Ramón Gutiérrez presentan dúas hipóteses de entrada da vía romana XIX en Galicia, por Pedrafita-As Nogais ou por Cervantes-Becerreá, inclinándose por esta última e achegando novos datos. Ramón Balado e García Porral analizan o primeiro dicionario galego-castelán, de Francisco Javier Rodríguez, centrándose no léxico zoolóxico.

Aurelia Balseiro rememora a figura de Manuel Vázquez Seijas e o seu labor á fronte do Museo Provincial de Lugo. Luisa Doval homenaxea a Dante no setecentos aniversario da súa morte co estudo dun precioso exemplar da Divina Comedia pertencente aos fondos da Biblioteca do Seminario.

Da man de Óscar Murado, Lvcensia reedita dous documentos relacionados co santo e mártir lucense José María de Suegos que nos dan a coñecer a súa biografía e o contexto no que se realizaron as misións en Vietnam.

A %d blogueros les gusta esto: