A “última comuñón”

ultima comuñón

Estamos en época de primeiras comuñóns, pero eu titulei a reflexión de hoxe así: A “última comuñón”. Pensarán que estou un pouco tolo ou que son demasiado pesimista. Quizais debería estar moi contento ao ver como segue habendo nenos que queren ser amigos de Xesucristo, pero non estou tan seguro. Cóntolles.

Fai máis ou menos un mes, fun celebrar unha eucaristía á capela das Irmás da Cruz na que un neno recibía a primeira comuñón. Aquel día impresionoume un canto das Irmás do que non recordo a letra, no que se repetía con frecuencia un estribillo: “O día da miña Primeira Comuñón”. Foi unha celebración sinxela, con poucos invitados, pero que todos vivimos con moita emoción. Notábase especialmente a presenza de Deus. Podo dicir que foi como un “monte Tabor”. Pero do monte Tabor hai que baixar. Con frecuencia a realidade é dura e descóbrenos a mentira na que vivimos: cantas veces a primeira comuñón é máis ben a “última comuñón” ou a “única comuñón”!

Sospeito que hai nenos que asisten a misa por primeira vez o día da súa primeira comuñón. Se é así, é doado ver que o que fixeron os seus pais con estes nenos foi, máis ben, “a primeira, a única e a última comuñón”. Se nunca viñeron antes, tampouco volverán despois.

Sei de compañeiros que explican con insistencia ás familias a importancia de que os nenos que van a catequese tamén asistan á misa dominical cos seus pais. Estes mesmos compañeiros e algúns catequistas tamén me contan como observan moitas veces que algúns pais levan aos seus fillos a misa e eles esperan fóra. Hai parroquias que programan a catequese xusto antes ou logo da misa para obrigar aos nenos que vaian á eucaristía dominical. Pero xa sabemos, as cousas á forza adoitan funcionar mal e queda todo nun cumpri-mento”.

Falo das comuñóns, pero pódese dicir o mesmo das vodas, confirmacións, bautizos, funerais, ou as mesmas festas e romarías que tanto abundan agora no verán.

Cunha comida unha vez na vida ou no ano, non sobrevivimos. Querer vivir a fe cunha soa misa ao ano ou cada dous anos é bastante complicado. Máis ben, é unha perda de tempo. Se imos á Igrexa para “comer” unha vez na vida ou no ano, é preferible buscar outro “restaurante” onde dean algo distinto, a ver se nos satisfai máis.

Non vou ser eu o que poña couto á graza de Deus nos sacramentos e fóra deles. Só comparto convosco os sentimentos que teño, especialmente nesta época do ano. Prodúceme moita pena que non saibamos aproveitar mellor todo o que Deus nos ofrece: uns sacramentos que nos traen a súa graza, o sentido da vida e da morte que nos dá a fe, unha comunidade de irmáns cos que camiñar unidos cara a Xesucristo, etc.

Cónstame que a primeira comuñón que celebrei nas Irmás da Cruz, e algunhas outras, non foron as últimas. Doutras moitas que fixen estes últimos anos, teño que dubidar. Laméntoo.

Se só temos en conta a opinión pública e o que din algúns medios de comunicación (bastantes) sobre a Igrexa e os bispos, nunca nos achegaremos á Igrexa, ou farémolo unicamente para celebrar de eventos sociais. Neste caso, como noutros moitos da vida, non podemos fiarnos só do que oímos. É necesario coñecer as cousas desde dentro. Asegúrolles que desde a proximidade todo é visto doutra forma e aproveitaranos moito máis. Unha vida á beira de Deus dun modo sincero e sen dobres intencións cambia sustancialmente en todos os sentidos. Supoño que moitos dos que estades lendo isto dádesme a razón. E aos que non ma dades, invítovos a probar e despois xa me contaredes.

Fai uns días faláballes da “BBC” e dos sacramentos convertidos en eventos sociais. Debíase, en parte, a isto que hoxe lles contei. Naquela ocasión pedíavos perdón pola ironía. Hoxe pídovolo polo pesimismo. No entanto, espero estar equivocado. Sería unha gran noticia.

Boa semana a todos e un recordo especial aos que pronto ides comezar as vacacións.

Miguel Ángel Álvarez

Parroquia-e. Hoja Parroquial de San Froilán de Lugo, nº 104

Peregrinación diocesana a Lourdes

Cartel-peregrinacion-Lourdes 2016

Do luns 27 de xuño ao venres 1 de xullo baixo o lema “Misericordiosos como o Pai” ten lugar a peregrinación que a Hospitalidade da Nosa Señora de Lourdes organiza ao santuario francés co seguinte programa:

LUNS: Saen máis dunha ducia de autobuses desde Lugo, Silleda-Lalín, Chantada, Escairón, Monforte, Pobra de Brollón, Sarria, Rábade, Viveiro, Terra Cha, Meira, A Fonsagrada e Monterroso.

ACTOS EN LOURDES: Recepción da credencial do Xubileo; paso pola Porta da Misericordia; Misa de presentación; Vía Crucis no Monte; Eucaristía Internacional, na Gruta e de despedida; procesións; excursións optativas ás famosas Covas de Lourdes, aos Pireneos; convivencia-festa; outras celebracións. Os actos son organizados para a peregrinación de Lugo.

VENRES: Saída de Lourdes ás 8 h. e chegada ao lugar de saída ás 23 h.

Este ano, a peregrinación quere ser excepcional, por dous motivos: Cúmprense 30 anos de vida da Hospitalidade diocesana de Lourdes en Lugo (punto de chegada e partida) con participación de 14.020 peregrinos e por ser o Ano Xubilar da Misericordia.

Actividades do programa Emprego de Cáritas

Caritas emprego

Desde o pasado 13 de xuño Cáritas Lugo está levando a cabo uha acción formativa denominada “Operarios de limpeza”. Os participantes nesta actividade conseguirán os coñecementos, destrezas e habilidades necesarias para desenvolver as tarefas propias deste labor profesional.

O próximo 4 de xullo dará comezo unha nova formación para o emprego: “OPERACIÓNS BÁSICAS DE RESTAURANTE –BAR”.

Por outra parte, o Servizo de Infancia e Xuventude ten programadas para as vindeiras semanas varias actividades.

“Un mundo onde todos fósemos iguais sería aburrido”

Marisol Bravos
Marisol Bravos con San Xoán Paulo II na IV Xornada Mundial da Mocidade

Comezo con estas palabras pronunciadas polo Papa Francisco na súa recente audiencia con enfermos e persoas con diversidade funcional. Interactuando con eles, fai un canto á diversidade. Invita aos curas a abrir as portas das súas igrexas “a todos”. Puntualiza dous aspectos: o primeiro é que os edificios sexan accesibles, libres de barreiras arquitectónicas. Abundan proxectos parados por problemas burocráticos. O segundo, sería non xulgar en función das capacidades. Xesús non o fixo. A resposta á pregunta formulada por unha persoa con síndrome de Down é: “Se o cura non acolle a algúns, porque di que non son capaces de entender, hai que dicirlle es ti el que non entendes e tes que converterte”.

 A nosa sociedade non é excesivamente sensible co marxinado. Unha linguaxe pexorativa acompaña a estes colectivos e ponos en situación de desvantaxa. A Igrexa tampouco se libra e é doado escoitar que nos discrimina de xeito solapado e compasivo. Fálase máis de eliminar barreiras arquitectónicas, pero tamén existen as barreiras sociais e as da linguaxe. As palabras non solucionan os problemas, pero poden integrar ou marxinar. Axudan a crear opinión e a eliminar prexuízos e conceptos equivocados. Necesítase a colaboración de todos para desterrar connotacións negativas.

 Ás propostas do Papa engadiría a necesidade de coidar o vocabulario. Escóitase con demasiada frecuencia nalgún medio de comunicación o termo “impedidos” quizais cun afán “sensibleiro”. Pregúntome: impedidos para que? onde está o baremo? Seguen sendo inaxeitadas expresións como “sofre, padece, está prostrado” referidas a calquera limitación. Ao longo do tempo fomos -aínda o somos- vítimas da mal entendida caridade cristiá. Debiamos ter resignación porque tiñamos o ceo gañado.

 “Discapacidade” é un concepto ambiguo. Depende de criterios culturais condicionados polos propios prexuízos ou inseguridades. Defendemos o termo “persoa con diversidade funcional”, indica algo tan simple como realizar algunha función de xeito diferente. Non é un mero cambio de terminoloxía, senón o resultado dunha profunda reflexión sobre a nosa propia identidade. En definitiva, o que nos define é o feito de ser persoa e a discapacidade é un engadido. O esencial do ser humano non depende das capacidades ou discapacidades. Temos carencias no contexto da nosa personalidade tanto a nivel físico como psíquico. A realidade é que todos somos capaces e limitados. Alguén o dubida? Non incapacita o déficit da persoa senón a ausencia de respostas. Son os factores sociais e ambientais os que provocan problemas de autoestima.

 Somos vulnerables á discapacidade, sexa temporal ou permanente; sobre todo, a medida que nos facemos maiores. Por comparación somos “menos-válidos” e posiblemente atopemos dificultades. A modo de exemplo, pódese necesitar unha cadeira de rodas en calquera momento e por diferentes motivos. (Calcúlase unha media de 4 á semana). Temos dereito a vivir en igualdade aínda sendo diferentes, pero seguimos con luces e sombras. Son gratificantes os avances que se ven en celebracións acompañadas dun intérprete de lingua de signos e tamén se abriron simbólicas “portas santas” con motivo do Ano da Misericordia. Son accesibles? Pódolles asegurar que vin escaleiras cubertas con alfombras. Sen comentarios.

 Termino con palabras doutro Papa. San Xoán Paulo II dicía que “a calidade dunha sociedade e dunha civilización mídese polo respecto que manifesta cara aos máis débiles dos seus membros”. Tamén que “o grao de saúde física ou mental non engade nin quita nada á dignidade da persoa”. Quizais el, a quen tiven a sorte de coñecer no encontro cos mozos discapacitados na IV Xornada Mundial da Mocidade (Santiago, 1989), entendíanos mellor porque falaba desde a súa vivencia. A comprensión é o mellor aliado.

Marisol Bravos

José Antonio Ferreiro presentou o novo Leccionario

José Antonio Ferreiro

O 21 de xuño, o Delegado de Liturxia José Antonio Ferreiro fixo a presentación do novo Leccionario no marco dunha sesión formativa organizada pola parroquia de San Francisco Xavier.

José Antonio explicou a distribución das lecturas, feita desde a persoa de Cristo, porque interpretamos por exemplo o Antigo Testamento a partir do misterio pascual (morte, paixón e resurrección de Xesucristo e doazón do Espírito Santo).

Tamén recordou que a celebración litúrxica é un acto de culto a Deus (algo que non sempre se ten presente) e que coa proclamación da Palabra, é Deus mesmo quen se está dirixindo ao pobo (daí a actitude que se debe adoptar, a postura de pé, as palabras coas que a asamblea responde).

 O texto que se le pode ser o mesmo nunha voda e nun funeral, pero resoa de distinta maneira. Tamén hai textos do Antigo Testamento que nun primeiro momento nos poden botar para atrás, pero debemos contextualizalos e mesmo aplicalos á nosa vida. Se na lectura se describe o abuso dun poderoso…, pensemos se nós, na nosa medida, debemos cambiar algo equivalente.

 José Antonio Ferreiro presentou a nova edición do Leccionario: os cambios na presentación, na tradución. Sobre isto último sinalou que segue sendo válida a tradución que xa estamos a usar nas nosas biblias, textos catequéticos…, só que eses cambios serán incorporados ás novas publicacións que se fagan de catecismos.

A %d blogueros les gusta esto: