Pregón da Semana Santa de Lugo

O 31 de marzo, ás 20:30 horas, na igrexa de Santiago A Nova deuse lectura ao pregón da Semana Santa de Lugo. A persoa encargada do pregón foi PILAR FALCÓN OSORIO, da Pastoriza, doutora en Ciencias da Información. Ten formación en Marketing, Publicidade e Relacións Públicas. Membro fundador da TVG e da emisora Onda Madrid, publicou os libros Fraga y Galicia, El Imperio Rosa e contos infantís. Membro da Academia das Ciencias e as Artes de Televisión.

[Ver texto do pregón]

 

Como pórtico musical interviu o Orfeón Lucense e durante o acto foille imposta a Dª CONCEPCIÓN TEIJEIRO REVILLA, a Insignia de Ouro da Xunta de Confrarías de Semana Santa, polo seu apoio constante e desinteresado tanto á Xunta como a varias das súas confrarías, ao longo de toda a súa vida.

Semana Santa 2017

Para vivir a nosa fe en Deus, a verdadeira fe cristiá, é especialmente importante lembrar sempre que o nacemento, paixón, morte e resurrección de Xesús non son feitos que se poidan relegar ao pasado, como meras historias que conteñen algunha moralexa; que Xesucristo non é simplemente alguén doutra época, senón que é o noso contemporáneo, que a súa Presenza e a súa misericordia son reais.

A forma en que El realiza a súa misión, os momentos culminantes da súa existencia son absolutamente decisivos para os que queremos estar con El. Na sinagoga de Cafarnaún e, máis tarde, na súa Paixón a maioría marchouse; aínda que gustaran dos seus ensinos, gozado dos seus milagres e considerábanse discípulos seus. Pero non se chega a coñecer de verdade ao Señor Xesús se non se acepta a súa ofrenda por nós na cruz, a doazón do seu corpo e do seu sangue, a súa resurrección. Sen as palabras e os feitos da Última Cea non se chega ao corazón da súa Persoa e da súa obra.

Isto proclama tamén a tradición lucense da Semana Santa, coas súas grandes celebracións litúrxicas e as súas diferentes procesións e actos de piedade popular. Nestes días, no centro da nosa cidade, volve anunciarse publicamente o sacrificio redentor do Señor, realizado na carne, e a ofrecerse a todos os seus froitos de perdón e salvación. Convídasenos a crer e esperar no amor inmenso de Cristo, que vén sempre en auxilio de quen se lle achega con corazón dolorido, con fe humilde e arrepentimento sincero.

Este anuncio, en que as Confrarías participan de modo particular, segue sendo necesario no noso mundo, moi necesitado de fe e de consolo, e que, ante o escándalo do mal e do sufrimento, parece capaz de crer xa só nun Deus que sexa misericordia.

Na nosa época, marcada polo egoísmo, a avaricia, o desprezo do débil, do que non é “útil”, os actos e procesións con que meditaremos e honraremos os misterios da nosa fe, farannos presente a Aquel que non nos desprezou a ningún, senón que morreu por todos, pola nosa salvación, e serán unha oportunidade real de recoñecer persoalmente a necesidade do perdón dos pecados, de cambiar mente e corazón, para que, coa graza do Señor, sexa posible a renovación da nosa vida e a construción dunha sociedade verdadeiramente fraterna.

Pois todas as celebracións da Semana Santa son unha invitación insistente a descubrir de novo o amor entrañable do Pai, que se nos fai presente en Xesús de forma concreta, e así, co exemplo e a protección da Santísima Virxe María, crer en Deus en todas as circunstancias da vida.

Alfonso Carrasco Rouco

Bispo de Lugo

Presentación da Semana Santa de Lugo

O 29 de marzo tivo lugar a presentación da Semana Santa de Lugo 2017.

O Coordinador da Xunta de Confrarías de Lugo, Ramón Basanta, destacou que outras Semanas Santas, incluso con maior recoñecemento ca lucense, carecen de algo que si ten a Semana Santa de Lugo: desde o Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurrección, todos os días organízanse procesións. Noutros sitios empezan o Xoves Santo ou o Venres Santo. O cartel está realizado polo fotógrafo artístico Eduardo Ochoa.

A Concelleira de área de Cultura, Turismo, Mocidade e Promoción da Lingua do Concello, Carmen Basadre, anunciou que vai facerse unha promoción da Semana Santa consistente nunhas postais que estarán na Oficina de Turismo a partir de fotografías que Eduardo Ochoa foi realizando a través do tempo. É un reclamo máis para os visitantes e permitirá que a xente coñeza mellor a Semana Santa lucense.

O responsable da área de Promoción do Territorio e Turismo da Deputación Provincial, Eduardo Vidal, indicou que “achegarse á Semana Santa de Lugo é unha oportunidade de coñecer as distintas excelencias culturais e patrimoniais sen dúbida baixo o centro da relixiosidade e da fe”. Tamén agradeceu o labor das confrarías e o feito de que se produzan unhas sinerxias pola colaboración de distintas institucións.

O Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez Carballo, asegurou que as confrarías non só fan un esforzo para celebrar a Semana Santa senón que colaboran coa Igrexa todo o ano, preocupándose cada vez máis de accións caritativas, actos culturais, colaborando coas parroquias e coa Catedral…

Conferencia de Telmo Aldaz de la Quadra-Salcedo

 

A Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, en colaboración coa Delegación de Misións, organizou o día 28 de marzo a conferencia impartida por Telmo Aldaz de la Quadra-Salcedo “España rumbo ao sur, unha expedición de xuventude, ilusión e esperanza. 12 anos polas terras irmás de África”.

Para Telmo Aldaz, España é unha potencia mundial en obras de solidariedade. E as persoas saen renovadas despois de ver a heroes anónimos que dan a súa vida polos demais,.

En canto ao traballo realizado –España rumbo al sur– hai que ter en conta que os xoves que participan no programa son moi ben acollidos polos misioneiros, a diferencia do tipo de recibimento, con máis prevención, por parte de organizacións humanitarias. Os xoves españois teñen a oportunidade de coñecer as experiencias que lles contan os misioneiros cando estes veñen a España, pero grazas a España rumbo al sur, ese coñecemento é máis impactante, ao facelo no propio territorio de misión. De feito, os rapaces de 16-17 anos regresan máis maduros.

Curso da Irmandade Obreira de Acción Católica

Novos equipos de iniciación de Lugo e Coruña da HOAC xunto cos equipos xa establecidos en Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo participan no Curso “Historia do Movemento Obreiro” o 1 e 2 de abril na Cidade dos Muchachos “Cariño” de Arteixo. Con Francisco Porcar (do Grupo de Traballo de Formación da HOAC)

OBXECTIVOS

– Valorar o traballo como necesidade persoal, non como instrumento económico.

– Aprender para hoxe da tradición do movemento obreiro.

Trátase dunha experiencia formativa de interese para todas aquelas persoas sensibles cos empobrecidos do mundo obreiro e do traballo. Formación para acudir sen demora a esas fronteiras sedentas de fe, nas que a precariedade e a inxustiza reclaman o compromiso e o discipulado misioneiro.

Hai a posibilidade de aloxarse durante a fin de semana, e hai servizo de gardería.

Inscrición: 15 euros

A xente que vaia de Lugo pode contatar con Begoña 618 715 251

%d bloggers like this: