Celebración da festa de Don Bosco

O luns 31 de xaneiro, celébrase a festa de San Xoán Bosco, fundador da Familia salesiana. Os días previos, aínda que limitados pola situación sanitaria, xa se vivíu un ambiente festivo no Colexio Divina Pastora, na Plataforma Social Juan Soñador e no Centro Xuvenil Ateibo.

Don Bosco, como se chama ao fundador de maneira cariñosa, foi un sacerdote italiano (1815-1888) que dedicou a súa vida á xuventude máis necesitada e fundou a Congregación Salesiana ademais de varios grupos da familia salesiana.

O colexio Divina Pastora leva dende comezos de mes preparando varios concursos de talentos e enxeño. Tamén se conmemora o día da paz e non violencia, fanse representacións, bailes e celebracións.

O centro xuvenil Ateibo levou adiante na pasada fin de semana as súas actividades cos nenos e mozos participantes dunha maneira especial. Fíxose presente no Lugo do 2022, o ambiente festivo do oratorio de Don Bosco do s. XIX.

A plataforma social Juan Soñador recorda a figura de Don Bosco a través de varias actividades especiais enmarcadas dentro dos proxectos socioeducativos que leva adiante.

Na parroquia da Milagrosa conclúe o luns 31 ás 19:30 h un triduo na honra de Don Bosco.

O martes 1 de febreiro ás 19:00 h, coa presenza do Sr. bispo Alfonso Carrasco e da alcaldesa Lara Méndez, entre outras personalidades, inaugurarase o novo pavillón de deportes do colexio nun sinxelo acto. Este novo equipamento estará dedicado a Don José Quintero, salesiano involucrado na chegada dos salesianos á Cidade da Muralla.

Encontro de capeláns de hospitais e residencias de Galicia

O 31 de xaneiro celébrase a XL Xornada Interdiocesana de Pastoral da Saúde na Casa de Exercicios Espirituais de Santiago de Compostela. Este encontro dos encargados en Galicia de servizos relixiosos hospitalarios e de residencias desenvolve o tema: PASTORAL CON SANITARIOS HOXE. O programa é o seguinte:

10:15h Oración inicial por Xosé Manuel Armesto, delegado de Pastoral da Saúde da Diocese de Ourense

10:20h Saúdo inaugural por Monseñor Alfonso Carrasco, Bispo de Lugo

10:30h Presentación dos relatores, por Benito Rodríguez Guerreiro, delegado de Pastoral da Saúde da Diocese de Tui-Vigo

10:35h Relatorio 1: Aínda cren os sanitarios en Deus?. Pastoral con sanitarios por Alberto Cano SJ, diácono e psiquiatra

12:00h Relatorio 2: Pasar do medo á atención integral do paciente: Claves espirituais, por Alberto Cano SJ

13:00h Ponencia 3: Testamento Vital en hospitais e residencias? Por Monseñor Francisco José Prieto, Bispo auxiliar de Santiago de Compostela

13:45 Presentación campaña enfermo 2022 por José Luis Fernández, delegado de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol

Os relatores:

Alberto Cano S.J. xesuíta e psiquiatra. Formouse coma médico interno residente no Hospital Universitario la Paz de Madrid. É autor do libro Bajo la bata. Hacer pastoral con sanitarios hoy. Tamén é coautor, xunto a Álvaro Lobo Arranz S.J., do libro Más que salud. Cinco claves de espiritualidad ignaciana para ayudar en la enfermedad.

Mons. Francisco José Prieto, é o bispo responsable de coordinar ás delegacións de Familia e Vida da Provincia Eclesiástica. Coordinou a adaptación do Documento do Testamento Vital da Conferencia Episcopal Española á normativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

“Eu síntome…”

Cando as persoas empezamos a falar dicindo: “é que eu síntome…”, hai que esperar e ver como e onde se sente ou se senta esa persoa, se se sente, senta, sobre un tallo, unha cadeira, sofá, mesa, cama, tacóns de agulla, enriba dun cigarro, nas botas de boxeador, no chan, area, pedras, silvas,… ou empoderados/as que pode significar estar con poder enriba dos/as outros/as e con frecuencia oprimindo.

As persoas certamente que temos sentimentos e emocións variadas… e unha persoa pode sentir tantas cousas e tan diversas, mesmo contraditorias, que pouco nos van dicir quen é e como é ese ser humano, e o que pode chegar a ser. As persoas non son un sentimento nin son unha emoción, aínda que estes condicionen con maior ou menor intensidade os seus estados de ánimo e esperanzas. De feito, cando aparece un cadáver en calquera lugar, o primeiro que buscan os médicos forenses son as súas impresións dixitais e/ou o seu ADN para empezar a saber quen é: se foi pai/nai de… se fillo/a de… se familiar de… Os estudos da bioquímica humana non son só para eses temas forenses, senón que tamén antes dun transplante fanse análises bioquímicas serias para ver se é compatible ou non coa persoa a que se lle vai transplantar. Calquera médico sabe que un determinado fármaco (un químico) pode influír no estado anímico dunha persoa.

As persoas é certo que somos seres espirituais, pero tamén é verdade que somos seres corporais e, cando imos a calquera lugar, a nosa corporeidade é o primeiro que aos nosos interlocutores lles vai entrar polos ollos coas correspondentes cicatrices externas ou internas que no corpo van impresas. Ademais a vestimenta, peiteado, maneira de andar e de sentar… son unha linguaxe, unha maneira de expresarse, de comunicarse e entenderse.

Así que como me sinto é unha cousa, e quen son eu é outra realidade máis fonda. Por outra parte quen estou chamado a ser é seguramente o “leiv motiv” máis importante para o desenvolvemento da vida persoal, da propia vocación. Igualmente hai que distinguir o que tantas veces escoitamos dicir: “ti, de que vas?”, que non é o mesmo ca cuestión “quen es ti?”. Non son equivalentes de ningunha maneira “ser” e “ir de…”. Neste segundo caso de “ir de…” algúns chámanlle á iso ser chaqueteiros e outros din que son os de pantalóns gris, pois calquera chaqueta lles combina ben…

Temos que ser conscientes dos sentimentos e das emocións propias, recoñecelas, e logo hai que gobernalas persoalmente para que poidamos levar unha vida pacífica e dialogante na sociedade. Debemos ser donos dos sentimentos e non ser dominados por eles para así poder levar unha vida libre e responsable cos nosos irmáns, para non ser uns tiranos cos demais en función da emoción ou sentimento que teñamos. Se queremos ter un proxecto de vida responsable e compartido, unhas metas a alcanzar na vida, debemos saber gobernar e orientar os sentimentos e emocións.

Aos gobernantes do país, que seica son xente alfabetizada e lida, habería que pedirlles que fosen razoables e xustos e non andasen a intentar manipularnos co xogo das emocións. Habería que pedirlles que desde unha cosmovisión, unha percepción do mundo harmónica e coherente, xusta e liberadora, se articularan as leis e os proxectos sociais. Non debería haber as contradicións que hai, por exemplo, no noso sistema legal sobre a maioría de idade segundo para que cousas: xa que se é maior de idade en cuestións complicadas que condicionarán a vida gravemente (aborto, cambio de sexo…) e para outras menos importantes non se é. Non se ve lóxico que se multe por poñer a vida en perigo ao non levar o cinto de seguridade e ao mesmo tempo que sexa legal atentar contra a propia vida coa eutanasia, etc.

Este espazo non permite unha reflexión máis ampla. Remato con esta expresión moi usada polos logoterapeutas, que chama a tratar ás persoas non desde os sentimentos senón desde un proxecto vital humanizador: “Se tratas a unha persoa como é, fala peor do que é, pero se a tratas como pode chegar a ser, axúdaslle a mellorar”.

Antón Negro

O papa Francisco pide unha xornada de oración pola paz en Ucraína o 26 de xaneiro

O domingo 23 de xaneiro, despois do rezo do Ángelus, o Papa Francisco expresou a súa preocupación ante as crecentes tensións en Ucraína». Como xesto concreto de proximidade espiritual, o Santo Padre propuxo realizar unha xornada de oración para invocar a paz neste país o mércores 26 de xaneiro.
«Sigo con preocupación as crecentes tensións que ameazan con asestar un novo golpe á paz en Ucraína e pon en dúbida a seguridade do continente europeo, con repercusións aínda máis vastas. Fago un chamamento sincero a todas as persoas de boa vontade para que recen a Deus Todopoderoso para que todas as accións e iniciativas políticas estean ao servizo da fraternidade humana e non de intereses partidistas», dixo o Papa

Ordenación diaconal do seminarista Ignacio Felpeto

O domingo 23 de xaneiro ás 17:30 h na Capela Maior do Seminario Diocesano de Lugo, o bispo Mons. Alfonso Carrasco ordenará diácono ao seminarista Ignacio Manuel Ramón Antonio Felpeto Criado.

Escolleu como lema de ordenación “Guíame na túa verdade e ensíname, porque ti es meu Deus”

Ignacio Felpeto completa a súa formación nestes momentos no Colexio Internacional Bidasoa, en Pamplona (Navarra) e na Universidade de Navarra.

A %d blogueros les gusta esto: