Celebracións de sacramentos de iniciación cristiá na Catedral

O 1 de xuño ás 18 h na Catedral de Lugo celebran conxuntamente os sacramentos de iniciación cristiá unha trintena de fregueses de varias parroquias da Diocese: San Pedro de Arcos, San Froilán, A Milagrosa, San Lázaro da Ponte e Santa María de Teixeiro.

Na celebración, presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco, serán confirmados 33 mozos, e unha moza recibirá os tres sacramentos da iniciación cristiá.

Uns sacramentos, si. Outros, non

 

Na administración de sacramentos e nas celebracións litúrxicas aos curas tócanos ver as cousas desde o outro lado da barreira ou desde detrás das cámaras.

Cando moitas veces uns só están de festa por unha voda ou unha primeira comuñón, nós estamos vendo a unhas persoas que veñen á igrexa non se sabe ben a que.

É frecuente ver neste tipo de actos a persoas que están en Misa e non saben cando erguerse ou sentar, que non se santigan, que non contestan ás oracións, algúns mascan chicle, etc.

Os fieis ven ao cura como unha especie de mago ou de showman que anima unha festa. O cura ve aos invitados completamente perdidos. Non é a primeira vez que nun funeral, cando chega o momento da comuñón, non se achega ninguén a recibir o Corpo de Cristo. Tamén se ve moitas veces nos funerais a xente que está pasando de todo, pero chegado o momento da paz si que a dan con entusiasmo, sen saber que a paz é un rito máis da Misa, igual que calquera doutros moitos que hai de similar importancia. Isto obsérvase moitas veces cando os políticos teñen que ir a algún funeral.

Tamén está o caso de nenos que fan a Primeira Comuñón, pero que en realidade habería que denominala “Primeira, Única e Derradeira Comuñón”, porque nunca máis volven, porque tampouco antes traíanos os seus pais. O que fixeron ese día é algo absolutamente estraño para eles. Máis que ir, son levados polos seus pais únicamente aquel día para facer unha foto, unha festa, e para de contar. Dese día só quedaría un simple recordatorio enmarcado no salón dalgunhas das casas dos invitados.

Despois está o caso dos pais que piden sacramentos para os seus fillos, pero eles non os reciben. Explícome cun exemplo: non é a primeira vez que unha parella acode á igrexa a bautizar ao seu fillo e, acto seguido, vai ao concello a formalizar o seu matrimonio. Ou pais que levan aos seus fillos a Misa os domingos, pero eles esperan fóra. Ou sexa, que obrigan aos seus fillos a recibir un sacramento no que eles mesmos non cren. Isto ocorre con moita frecuencia.

Os sacramentos non son maxia nin eventos sociais nin algo que haxa que facer custe o que custe cando chegamos a unha certa idade.

Os sacramentos son sete e todos son importantes para recibir a saúde da alma que nos trae Xesucristo. Se algún non o fose, non o instituiría. Veñen ao caso aquí as palabras de san Paulo despois do Concilio de Xerusalén: “porque decidimos o Espírito Santo e nós non impoñervos máis cargas cás indispensables”. (Feit 15, 28)

Prodúceme tristeza esta situación, non só pola incoherencia senón tamén porque as persoas non aproveitan o que supón recibir a graza de Deus que se nos dá en cada sacramento. Unha vez máis quedamos no accidental sen entrar no esencial.

O papa Francisco simplificou o proceso dos casos de nulidade para que sexan máis rápidos. Agora poderíanse arranxar nun tempo breve moitas destas situacións incoherentes.

Aínda que sexa o habitual, e non teña nada de malo, non é necesario que a administración dun sacramento se converta nunha festa social. Pola contra, hai persoas ás que non lles gustan as cerimonias complicadas e custosas. Desde aquí quérolles dicir que se poden celebrar dunha forma moito máis sinxela e sen gastar nin un céntimo.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco de San Froilán

Comezamos o final

Como nas viaxes de avión ao achegarse ao destino, hai que empezar a preparar a aterraxe. No noso caso trátase de preparar as celebracións propias dos meses de finais de maio, xuño e xullo.

A Confirmación, a Primeira Comuñón e o Matrimonio son celebracións distintas pero cun denominador común: Cristo, o noso Señor, que é o que convoca e dános a súa graza e con ela o que máis nos convén. De nós e dos que vivirán acontecementos importantes nas súas vidas durante os próximos días depende que deixemos unha porta aberta na nosa vida para que poida entrar nela Xesucristo.

Desde aquí encomendamos ao Señor a todos os que tiveron e terán a graza de recibilo dunha forma especial durante o final de curso pastoral: os nenos que recibirán o Bautismo e a Primeira Comuñón, os mozos e adultos que se confirmaron e os noivos aos que a Igrexa bendirá o seu amor diante de Deus no sacramento do Matrimonio. Tampouco esquecemos os mozos que na nosa Diocese, ou en calquera lugar do mundo, deron pasos no camiño dunha especial consagración a Deus no sacerdocio ou a vida relixiosa.

Desaceleramos e baixamos o ritmo da vida parroquial porque o destino está cerca. O mesmo Deus que nos acompañou durante a viaxe agora espéranos para acollernos e comer connosco. Espero que todos tivésemos unha boa viaxe e agora podamos celebralo e gozar da especial presenza de Cristo na vida sacramental.

Miguel Ángel Álvarez

Miguel Ángel Álvarez: Tempo de recoller. Pasos no camiño da fe

O venres da semana pasada tivemos na parroquia de San Froilán a celebración do sacramento da Confirmación. 13 mozos foron unxidos co Santo Crisma polo Bispo.

Pronto empezaremos cos días das Primeiras Comuñóns aos que se unen varios bautizos e vodas, (xa tivemos dúas en maio) programados para os meses de vacacións e calor. É, xa que logo, tempo de ver os froitos do sementado durante os periodos de preparación.

Pero o camiño non está terminado, só iniciado. Por iso coñecemos o Bautismo, a Eucaristía e a Confirmación como os sacramentos da Iniciación Cristiá.

Os cristiáns imos facendo o camiño da vida con pequenos pasos. O alimento vénnos do mesmo Deus, e dánolo, precisamente, por medio dos sacramentos.

Feliz semana e felicidades para todos os que están vivindo e vivirán acontecementos importantes durante o final da Pascua e o verán.

Miguel Angel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Miguel Ángel Álvarez: Os sacramentos, algo máis que un acto social

Falar de sacramentos non é algo estraño na maioría da poboación. Así, dicimos: “O domingo é o bautizo do meu sobriño”, “este ano teño dúas vodas”, “o domingo teñen os nenos catequese de Primeira Comuñón”, “pasadomañá son as confirmacións”, ou “o día da miña voda”…

Son expresións que se oen a calquera hora, e que reflicten como os sacramentos están presentes na vida das persoas e da sociedade, e, tamén, como condicionan aos “convidados” a estas celebracións.

Pero, a abundancia non é sinónimo de calidade, nin de que esteamos a facer ben as cousas. Por iso, a miúdo, os sacramentos quedan reducidos só a un acontecemento social.

Vaiamos, un día máis, ás palabras do Papa na encíclica Lumen Fidei, que nos di no número 40: “O espertar da fe pasa polo espertar dun novo sentido sacramental da vida do home e da existencia cristiá, no que o visible e material está aberto ao misterio do eterno”.

Dicimos ás veces que o urxente non é sempre o importante, pero neste caso, é urxente tomarse en serio o importante. E importante é a vida sacramental dos cristiáns.

Os sacramentos son para transformar nosa “vida vella” nunha “vida nova”. Posiblemente esteamos durmidos e por iso necesitamos espertar a un novo sentido sacramental da nosa existencia.

Sen este espertar, seguiremos facendo festa cada vez que celebramos un sacramento, pero, sen dúbida, non estaremos a aproveitar todos os beneficios que o Señor trata de darnos a través destas accións salvíficas.

Miguel Ángel Álvarez Pérez, Párroco de San Froilán – Lugo

A %d blogueros les gusta esto: