Cáritas e Misevi participan nos Encontros pola paz: Construíndo interculturalidade en Lugo.

No ano 1981 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) promulgou o 21 de setembro como o Día Internacional da Paz, para conmemorar os ideais de paz de cada pobo e cada nación, con especial énfase no desenvolvemento social e económico dos pobos. Con este motivo, as organizacións que traballan e interveñen por e para as persoas valoran a celebración deste día sustentado no artigo 3 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Na sede da UNED Lugo o día 21 de setembro ás 12:00 h celébrase un foro de debate co titulo “Dialogando pola Paz: Encontros coa comunidade universitaria” coa participación da UNED, Diaconía, ACNUR, ACCEM, Caritas, Misevi España e persoas refuxiadas e autóctonas de Lugo.

Xornada de oración para invocar a paz para Ucraína

O vindeiro mércores, 14 de setembro, en toda Europa haberá adoracións eucarísticas para rezar polas vítimas da guerra e invocar a paz en Ucraína. O Consello de Conferencias Episcopais de Europa convida a participar nesta «cadea eucarística» que se realiza baixo o lema “Axeonllados ante a eucaristía para invocar a paz”.

O Papa Francisco pide “a todos ser construtores de paz, rezar e proxectos de concordia e reconciliación”. Os bispos europeos, en varias ocasións, uniron a súa voz á do Papa para que calen as armas e para poñer fin de inmediato á guerra en Ucraína e para traballar pola paz.

Un minuto pola paz

O mércores 8 de xuño, ás 13:00 horas, lévase a cabo a oitava edición da Xornada de Oración «Un minuto pola paz», que busca unir todas as vontades e compromisos de persoas de boa vontade pola paz, desgraciadamente rota ou ameazada en varias rexións do planeta.

Un minuto pola paz” é unha iniciativa conxunta do Foro Internacional Acción Católica (FIAC), a Unión Mundial de Organizacións Femininas Católicas (UMOFC), Acción Católica, Xustiza e Paz.

Esta xornada celébrase para lembrar o oitavo aniversario do xesto histórico no Vaticano cando o Papa Francisco reuniu para unha inédita pregaria pola paz no medio Oriente ao presidente israelí Shimon Peres e ao líder palestino Mahmud Abas.

Por mor dese encontro desenvolveuse “Un minuto pola paz”. A proposta é que o 8 de xuño ás 13h cada persoa deteña a súa marcha por un intre, por un minuto, e rece, cadaquén segundo a súa propia tradición.

Encontro ecuménico pola paz

Na cidade de Lugo terá lugar un encontro ecuménico pola paz o 27 de marzo ás 17 h na Igrexa Boas Noticias de Lugo (R/ Emilia Pardo Bazán, 4, Lugo).

O mes pasado (12 de febreiro) na igrexa de Santa María da Régoa de Monforte de Lemos xa se celebrara un acto de oración pola unidade dos cristiáns organizado tamén pola Igrexa Ortodoxa, a Igrexa Católica e a Igrexa Evanxélica.

Eucaristía pola paz en Lalín

O venres, 4 de marzo, ás 20 horas, na igrexa parroquial de Lalín, celebrarase unha Eucaristía pola paz ante o ataque militar contra Ucraína.
Na celebración participarán cidadáns ucraínos e rusos residentes nas comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes. Ademais, a colecta que se faga durante a mesma destinarase a Cáritas Ucraína, respondendo así á petición feita polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco: “Dada a situación que viven as xentes a consecuencia da guerra, ofrezamos a nosa axuda a través de Cáritas en Ucraína. É un signo de apertura ao próximo e ás súas necesidades, pero tamén de conversión de todas as cobizas e os odios, que impiden a paz.”.

A %d blogueros les gusta esto: