Colecta pro Terra Sancta

Con motivo da celebración un ano máis, da Semana de Paixón, abrazados polo don marabilloso do Deus que se fai un de tantos e ábrenos as portas do paraíso, sentimos especialmente sensibles ao que sucede en Terra Santa. Por iso oramos intensamente pola paz. Neste ano 2024 celebramos dous eventos vinculados á veneración da Santa Cruz. Trátase de senllos Anos Santos, até o día 15 de abril en Santo Toribio de Liébana e durante todo o ano en Caravaca de la Cruz (Murcia). Así mesmo, conmemoramos o oitavo centenario da estigmatización de San Francisco de Asís no monte Alvernia, en Italia. Todos eles memorandos de profunda significación espiritual que nos vinculan tamén a través da evocación da Santa Cruz a Terra Santa.

A Colecta Pontificia de Semana Santa implica un xesto de solidariedade para coas comunidades cristiás que viven en Terra Santa e desta maneira contribuímos a soster a presenza cristiá naquelas terras, así como as importantes obras sociais, culturais e o sostemento dos santuarios vinculados á historia da nosa redención.

Grazas por colaborar. Grazas por facer posible que non se borre a pegada cristiá na nosa común patria espiritual. Terra santa, Deus bendínos. Se me esquezo de ti, Xerusalén, que se me paralice a man dereita, que se me pegue a lingua ao padal se non me lembro de ti, se non poño a Xerusalén no cume das miñas alegrías.

Frei Francisco Castro Miramontes

Inaugurada a exposición “Semana Santa, tradición secular”

Na tarde do 17 de abril inaugurouse a exposición ‘Semana Santa, tradición secular’, que pode visitarse no claustro da Catedral de luns a sábado de 09.30 a 18.30 h. este mes e o seguinte.

No acto inaugural comezou intervindo o deán da Catedral, Mario Vázquez, que sinalou, entre outras cuestións, que esta mostra era a primeira actividade que acollía o claustro tras un ano de obras de restauración.

De seguido, o coordinador xeral da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, Ramón Basanta, destacou que se trataba dunha mostra moi emotiva por ser a primeira vez que se recollía a historia das confrarías a través de fotos (tanto antigas como deste mesmo ano 2023), hábitos, insignias…

E pechou o acto a alcaldesa, Lara Méndez, quen fixo notar que a mostra dá proxección á Semana Santa lucense en Galicia e norte de Portugal, pois é un dos actos programados en Lugo con motivo da súa condición, este ano, de capital cultural do Eixo Atlántico.

Hoxe é Venres Santo

Que celebramos en Venres Santo? Hoxe é o primeiro día do Triduo pascual. Pola paixón e morte de Cristo comeza a Pascua ou o tránsito do Señor. É tempo de silencio, de oración persoal e de participación nas celebracións para contemplar a Xesús, o Cristo, que coa súa paixón e morte inaugura novos tempos vencendo definitivamente a morte de toda a humanidade. Todos os ritos deste día son extraordinarios. Sublíñase nestas celebracións, a intensa diferenza externa que se percibe entre a austeridade da liturxia do Venres Santo e o carácter extraordinariamente festivo da próxima noite e do día de Pascua.

O día de Venres Santo todo o celebrativo é sobrio e silencioso. En cambio, a partir da noite e do día de Pascua, todo é festivo e alegre. Deste xeito, a Igrexa trata de expresar a Pascua de Cristo e unir a ela a propia Pascua ou “tránsito” dos fieis cristiáns da morte á vida, do pecado á graza, da debilidade da condición humana á compañía e á vida do Resucitado. As mesmas cores litúrxicas simbolizan este tránsito: do morado ou negro ao branco relucente.

Ao contemplar a Cristo, neste día, miramos ao homo patiens, ao home doente e ao Deus crucificado. E ao seu carón, a nai dolorosa con bágoas nos seus ollos, sufrindo intensamente o tráxico acontecemento.

Na Salve Regina rezamos: “a ti suspiramos, xemendo e chorando neste val de bágoas”. Esta pregaria que procede da nosa querida terra lucense e composta na nosa catedral polo bispo S. Pedro de Mezonzo, ante a imaxe da Virxe dos Ollos Grandes, reflicte a saudade, a melancolía e a tristeza da nosa realidade galega e con ela expresamos a propia experiencia dos nosos devanceiros da dureza da vida. Tamén isto explica a dor e o sufrimento da Semana Santa. Xeracións de crentes viron reflectidos nos nosos cristos sufrintes e na beleza das nosas dolorosas, a propia realidade da súa existencia. As bágoas de Deus bríndannos a forma máis radical do amor de Deus que lonxe de volvernos cegos ante o sufrimento alleo agudizan a nosa mirada e espabilan a nosa conciencia para facernos cargo solidariamente da dor dos máis pobres e necesitados.

Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese

Hoxe é Xoves Santo

Que celebramos o Xoves Santo? O Xoves Santo conclúe a Coresma e iníciase, nas últimas horas deste día, o santo Triduo pascual. Celebramos a misa vespertina da Cea do Señor (que inclúe tamén o rito do lavatorio dos pés) e que, a semellanza das primeiras Vésperas das solemnidades, constitúe como o pórtico ao Triduo pascual. O carácter propio deste día é, pois, o dunha introdución aos días santos do Triduo. Pero sempre baixo o prisma do Sacramento da Eucaristía que rememora e fai presente o Misterio pascual da morte e resurrección de Cristo, misterios que se celebrarán con solemnidade especial nos días do Triduo pascual. Sublíñanse nesta celebración do Xoves Santo, con gran tradición e devoción na Cidade do Sacramento, “a institución da Eucaristía, a institución do Sacramento da Orde sacerdotal e do mandato do Señor Xesús sobre a caridade fraterna”. Agora ben, se é verdade que o Xoves Santo celébranse a institución da Eucaristía e do sacerdocio, e tamén o día do amor fraterno, o gran día da Eucaristía, o día en que debe celebrarse coa maior solemnidade e expresividade, é a Noite santa de Pascua e o domingo (Día do Señor), xornadas nas que se dá grazas polo triunfo xa realizado de Cristo e pola súa vitoria sobre a morte. Neste sentido, o Xoves Santo é porta e profecía do que será a Pascua de Resurrección. Feliz Triduo pascual a todos.

Mario Vázquez

Vicario Xeral da Diocese

Semana Santa

Xesús, o Señor, ensinounos como “partir” o Pan da Mesa para ser “compartido”.

Non nos furtou o seu propio Venres Santo, acompañando e fortalecendo así o sufrimento humano, e iluminándoo co resplandor da súa Resurrección. Non nos priva da “noite escura”, de tantas noites escuras, e si nos acompaña nela e nelas.

Como todas, tamén esta inminente Semana Santa ofrécenos a graza de poder contemplar a Cristo en tantos xestos que nos deixou como sinal da súa vida e da súa entrega, da súa Redención.

Estamos nun percorrido por un camiño de transfiguración persoal e eclesial mediante a escoita daquel que nos fala; de austeridade, sabendo renunciar ao superfluo e utilizando ben os bens necesarios; de compartir o mellor de nós mesmos e xaxuando de todo aquilo que nos distancia e enfronta.

Celebremos esta Semana Grande da nosa fe participando nos oficios propios da Semana Santa, e vivenciando unha vez máis o gozo do Resucitado na celebración da Vixilia Pascual e do Domingo de Resurrección.

Parroquia do Bo Pastor, Lugo

A %d blogueros les gusta esto: