Premiados no V Certame de poesía eucarística

O xurado do V Certame de poesía eucarística organizado polo Centro Eucarístico Lucense (LEC) fallou o seguinte:

A) Categoría adultos

1º Premio: 500 € e a publicación da obra ao “Cántico Eucarístico”, de Carlos Pérez Sánchez

2º Premio: 250 € e a publicación da obra, ao poema “Alegoría Eucarística”, de Feliciano Ramos Navarro

B) Categoría infantil

1º Premio: 200 € en libros/material escolar e a publicación da obra ao poema “O Corpus Lucense”, de Carmen Daporta Cendán

2º Premio: 100 € en libros/material escolar e a publicación da obra ao poema “Santísimo Sacramento de Lugo”, de Isabel Caeiro Mariño

Os premios entregaranse o sábado, 22 de xuño, ás 12.30 h no bispado de Lugo.

Carlos Pajares pronunciou o Pregón da Caridade 2019

O mércores 19 de xuño no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo pronunciou o Pregón da Caridade 2019 o Catedrático de Física Teórica, Ex rector da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Pajares Vales. Baixo o título “O Amor segue non morre” Carlos Pajares foi enumerando as cualidades do amor: indiscriminado, gratuíto, espontáneo, libre (estas catro cualidades segundo Anthony de Mello); está presente incluso na dor; supera barreiras idiomáticas; cando se dá amor gratuitamente recíbese moito máis; o amor ao próximo fixo posible que a especie humana chegase a ser superior.

 A conclusión é a seguinte: servir e amar é o que dá sentido á nosa vida e é o sentido do mundo. Non hai outro sentido por máis que se busque. O amor é o acto fundamental do home. Só o amor nos libra do baleiro e da nada; só se pode crer e ter confianza no amor. “Só o amor -como dicía o teólogo von Balthasar- é digno de fe”.

O remedio da caridade

Sempre que escoito a canción de Eros Ramazzotti `Se bastasen un par de cancións’ non podo evitar deixar de pensar na Caridade. É por este fragmento en concreto: «.. Até os muros que nunca pensamos pódense abrir. Se abondasen dúas boas cancións para botar unha man, poderíanse achar mil razóns para ser máis humanos. Pode pasar, pode ocorrer… Para deixar de acudir ao remedio da caridade».

O meu punto de reflexión é sobre ‘o remedio da caridade’. Certamente a caridade é un remedio a algo que non vai ben. Cáritas manifestou en múltiples ocasións que o ideal sería que non existise esta organización… Iso significaría que a sociedade está a funcionar ben. Pero a realidade non é así. Vémolo día a día nos medios de comunicación, nas redes sociais e tamén ao noso carón. A dignidade da persoa vese degradada cada vez máis: lonxe e preto de nós. Problemas de vivenda, de alimento, de non chegar a fin de mes. E problemas de acceso á educación, de igualdade de oportunidades, de marxinación, de explotación, de violencia extrema…

Todo isto necesita unha solución que moitas veces non é doado atopar ou de poder levala a cabo. Pero non por iso debemos deixar de tentalo. Buscamos `remedio’, sabendo que non é a solución.

Cáritas, a Igrexa, mira á persoa no seu conxunto, tentando remediar tanto as carencias materiais como espirituais, querendo que a persoa teña vida en plenitude, sen ter en conta a súa raza ou relixión, acollendo sempre quen o necesita.

Nas campañas do Día da Caridade propónsenos o remedio da caridade e algo máis. Non contentarnos con remediar os problemas cotiáns que son froito de estruturas inxustas. Non contentarnos con expresar o noso descontento… Cando dicimos que as cousas non van ben, simplemente constatamos unha realidade, cando dicimos que eses problemas teñen remedio, estamos a dar un paso máis para resolvelos e cando poñemos algo da nosa parte para cambiar esa realidade que criticamos, comprometémonos para que as cousas cambien: «O teu compromiso mellora o mundo». Non botemos balóns fóra.

José Manuel Castro Alba

Párroco no Páramo

Imaxe: cathopic

Concerto na Catedral de Lugo do organista Sergio Orabona

O martes 18 de xuño ás 20.45 h na S I Catedral Basílica lucense hai un concerto de órgano a cargo do organista nacido en Nápoles Sergio Orabona. Forma parte do Festival internacional de órgano do Corpus Christi de Lugo.

O programa ábrese co Passacaglia BWV 582 de Johann Sebastian Bach, obra colosal e sublime que non ten equivalente na música de Bach nin nos autores anteriores; a peza está construída como unha serie de 20 variacións sobre baixo ostinato. O resto do programa dedícase case por completo ao repertorio francés entre os séculos XIX e XX: Alexandre Guilmant, Louis James Lefébure-Wély, Claude Debussy…

Clausura do curso pastoral 2018-2019

O Encontro diocesano de clausura do curso pastoral 2018 – 2019, será o venres 21 de xuño no Santuario do Cebreiro. É un encontro-convivencia para sacerdotes, relixiosos, consagrados e fieis laicos. Trátase de xuntarse para agradecer a Deus por este curso pastoral, ademais de ser unha boa ocasión para verse, compartir experiencias, rezar e comer xuntos. Preside o encontro o Sr. Bispo.

Às 9:30 h. da mañá sae un autobús da Praza Bretaña (Lugo). É necesario anotarse para a comida (15 €) e para o desprazamento en autobús (10 €). A inscrición faise chamando polas tardes ao teléfono 982 214 265 antes do 19 de xuño.

O encontro desenvolverase do seguinte xeito:

11:15 h: Acollida – oración

11:30 h: Reflexión: “Fiesta del Corpus Christi: Exaltación de una presencia”. Dirixe: Rvdo. D. Emili Villegas Artacho, sacerdote e membro da Delegación de Pastoral Sacramental e Liturxia do Bispado D’Urgell.

12:30 h: Descanso

13:00 h: Información sobre a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo.

13:15 h: Celebración da Santa Misa

14:15 h: Xantar

16:30 h: Oración mariana

17:00 h: Remate do encontro

A %d blogueros les gusta esto: