28 de abril, Día Mundial pola Seguridade e a Saúde no Traballo

Neste día a sociedade lembra a perdida de saúde e vidas que se dan no mundo do traballo. E a Igrexa súmase a este recordo e solidarízase con todos aqueles que se empeñan en mellorar as condicións de vida e de traballo para erradicar esta secuela.

«As persoas son a verdadeira riqueza: sen elas non hai comunidade de traballo, nin empresa, nin economía. A seguridade no traballo significa salvagardar os recursos humanos, que teñen un valor inestimable aos ollos de Deus e tamén aos do verdadeiro empresario.

Por iso, a legalidade debe entenderse como a protección do máximo patrimonio, que son as persoas. Traballar con seguridade permite a todos expresar o mellor de si mesmos mentres se gañan o pan de cada día. Canto máis coidemos a dignidade do traballo, máis seguros estaremos de que a calidade e a beleza do traballo realizado aumenten».

Papa Francisco (20/01/2022)

No camiño sinodal que percorre a Igrexa, quere estar xunto aos traballadores que se empeñan na dignificación do traballo, do que o coidado da saúde e a vida forman parte moi importante. Neste camiñar xuntos é necesario apoiar as súas loitas, visibilizando os accidentes e a perda de saúde que se dan nos lugares de traballo, á vez que acompaña ás vítimas dos accidentes laborais e a aqueles que ven minguada a súa saúde por causas profesionais.

[Nota do Departamento de Pastoral do Traballo]

A Pascua cristiá

Pascua é a plenitude da vida e da gloria de Cristo na eternidade xa presente.

Pascua cristiá é a felicidade plena do home na futura eternidade, á que accederá o home que pasase polo mundo, axustando o seu comportamento á vontade do Señor. A pascua da divindade de Xesús é tan antiga como a súa eternidade. A pascua da súa natureza humana comezou o día mesmo da súa resurrección gloriosa. A nosa comezará tamén o día en que resucitemos de entre os mortos. Isto será así, porque o home, en parte, nace e en parte, faise. No nacer do home, todo é negatividade. Nacemos manchados pola fealdade de Adán e privados da divindade sobrenatural, pero o Creador apresurouse a limparnos a nosa fealdade e a enriquecernos coa beleza da graza e elevounos á orde sobrenatural, converténdonos en fillos de Deus e regalándonos o don da inmortalidade. Pola graza santificante, participamos da mesma vida de Deus e estamos chamados a vivir eternamente. Ante estas realidades, temos que concluír que en nós é máis o que recibimos que o que achegamos. Na vida espiritual, abunda máis a pasividade que a nosa achega: aforismo que se confirma, recoñecendo que a nosa achega negativa excede á nosa achega positiva en cantidade e en calidade. Isto débese á xenerosidade pascual de Xesús morto e resucitado. Esta era a misión confiada polo Pai ao seu divino Fillo. E o “si” de Xesús foi tan sincero, que chegou a confirmarnos que “amor escríbese con sangue”. Esta foi a achega redentora de Xesús pola nosa salvación, levada a feliz término no cume do calvario, en cuxa cima o divino crucificado puido exclamar: “todo está cumprido”. Efectivamente, todo estaba cumprido por parte de Xesús. A súa pascua era verdade sacrificial e redentora por parte de Xesús, e tamén o será por parte do seu Pai que premiou ao seu Fillo coa resurrección e glorificación merecidas.

Se miramos a nosa resurrección como don, é merecedora da nosa eterna gratitude; se a contemplamos como merecedora de recompensa, esixe a nosa responsabilidade.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Normativa ante as novas medidas derivadas da fin do uso obrigatorio da máscara

De acordo ás medidas publicadas no BOE do 20 de abril de 2022, polas que o uso da máscara deixa de ser obrigatorio en interiores, con excepción dunha serie de lugares entre os que non se inclúen os lugares de culto e outros centros de actividade pastoral. Dende a Provincia Eclesiástica, propoñemos os siguintes criterios de actuación:

1.-A máscara deixa de ser obrigatoria. Sen embargo, recoméndase o seu uso:

a) Nas celebracións litúrxicas e noutras actividades pastorais, cando por un tempo prolongado participen nelas persoas vulnerables ante a infección por COVID-19, e non sexa posible manter a distancia de 1,5 metros.

b) Por parte do celebrante ou outros ministros no momento da comuñón e cando na celebración doutros sacramentos haxa proximidade cos fieis. Así mesmo recoméndase o uso de xel hidroalcohólico previa e posteriormente á comuñón dos fieis e ás uncións realizadas nos diferentes sacramentos.

2.- Nos templos e lugares onde se realice calquera actividade pastoral manterase xel hidroalcohólico a disposición dos fieis e garantirase unha adecuada ventilación e limpeza dos mesmos.

3.-Salvo naqueles lugares expresamente citados no Real Decreto 286/2022 do 19 de abril, a saber, residencias de maiores/centros sociosanitarios e hospitais, nos cales nos atemos ás prescricións do lugar, recuperemos con prudencia e normalidade a praxe litúrxica establecida.

4.- Estes criterios de actuación quedan supeditados aos cambios normativos que se vaian producindo de acordo ao establecido polas autoridades sanitarias, e téñense que aplicar con prudencia, responsabilidade e moito sentido común. Sigamos orando ao Deus da vida para que afaste de nós todo perigo e coidémonos uns a outros con responsabilidade.

+ Francisco José Prieto Fernández

Bispo Auxiliar e Vicario Xeral da Arquidiocese de Santiago de Compostela

Juan Luis Martínez Lorenzo

Vicario Xeral da Diocese de Tui – Vigo

José Joaquín Borrajo Iglesias

Vicario Xeral da Diocese de Ourense

José Mario Vázquez Carballo

Vicario Xeral da Diocese de Lugo

Antonio Valín Valdés

Vicario Xeral da Diocese de Mondoñedo – Ferrol

Domingo da Misericordia

Este domingo pecha a Oitava de Pascua como un único día «en que actuou o Señor», caracterizado polo distintivo da Resurrección e da alegría dos discípulos ao ver a Xesús. San Xoán Paulo II dedicou este mesmo domingo á Divina Misericordia con ocasión da canonización de sor María Faustina Kowalska, no 2000.

De misericordia e de bondade divina está chea a páxina do Evanxeo de san Xoán (20, 19-31) deste domingo.

A visita do Resucitado non se limita ao espazo do Cenáculo, senón que vai máis aló, para que todos poidan recibir o don da paz e da vida co «Sopro creador»”. Benedito XVI

Concertos de gospel

O martes 19 de abril e o mércores 20 de abril celébranse senllos concertos de gospel en Monforte (primeiro día, na igrexa Sagrado Corazón – A Estación ás 20:15 h) e Lugo (segundo día, na Catedral ás 20:30 h)

Trátase de galas musicais do grupo Aba Taano a beneficio de Música para salvar vidas, organización que atende a nenos ugandeses necesitados de protección.

Na gala do día 20 en Lugo tamén actuará o Orfeón Lucense.

Aba Taano veu cantando a cappella durante os últimos 11 anos, realizando 1500 concertos, 7 discos, 11 premios internacionais, unha libraría virtual de Voces Africanas (Kyawa, de Educardo Tarilonte) e colaboraron na banda sonora da película The House. O seu repertorio comprende música gospel, cantos étnicos e pop.

Ao ser un acto benéfico, pídese un donativo ao final do concerto. O recadado destínao a asociación Música para salvar vidas a unha casa orfanato en Kireka, Uganda e para ir creando unha escola de música, de danza e arte.

A %d blogueros les gusta esto: