Advento do Sinodo dos bispos

Como a vida faise en etapas: nenez, mocidade e adultez; tamén a Historia de Salvación é un cúmulo de etapas no tempo: creación, redención e Igrexa; e a Igrexa, á súa vez, programa o seu labor salvífico en períodos pedagóxico – pastorais: Advento, Nadal, Coresma e Pascua.

Este domingo comezou o Advento do ano sinodal, ano de gozosa esperanza e de común responsabilidade.

A Igrexa está a sufrir unha crise de declive pesimista, e necesita unha inxección de esperanza. Nos últimos tempos, o temor apropiouse do optimismo de moitos cristiáns. Unha boa dose de esperanza é artigo de singular urxencia nas institucións eclesiais e nos seus dirixentes, para recuperar a fe nas palabras de Xesús, que afirmou que a súa Igrexa sería perseguida, pero non vencida. O Papa Francisco advírtenolo convocando un Sínodo extraordinario, e anímanos a vivilo nun clima de esperanza responsable, para contrarrestar a baixa estima con que gran parte da sociedade mira á Igrexa nestes intres.

A esperanza apunta a un futuro prometedor: a vinda do Redentor. As promesas do Señor están a piques de cumprirse. E isto cáusanos inmenso gozo. Pero é tamén esperanza responsable, porque o Salvador chama á porta coa ilusión de que nós lle permitamos entrar. Esta é a nosa responsabilidade. De nós depende que Xesucristo poida entrar nas nosas vidas ou que teña que pasar de longo. Para sortear este risco, o Papa San Xoán Paulo ll repetiunos con voz vibrante e corazón enardecido: “Abride as portas a Cristo”. Esteamos, pois, vixiantes para que chame e entre. O Precursor prestou un magnífico servizo ao plan salvífico do Mesías: primeiro dispuxo ao pobo para que o recoñecese e recibise, e despois sinalouno xa presente entre os homes.

Tomemos exemplo e escoitemos a este bo pregoeiro. Celebremos con gozo a xa próxima chegada do Mesías, e preparemos os camiños para que a salvación irrompa con forza en todos os ambientes do noso pobre mundo, no cal a crise de valores é a pandemia devastadora da historia contemporánea.

A esperanza ilumínao todo. O corazón con esperanza, non se limita a cantar: decídese a colaborar. Isto é o que nos pide a Igrexa neste ano do Sínodo dos Bispos. Pois, ao choio. O Sínodo está inaugurado: integrémonos no seu dinamismo.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Encontro diocesano ao inicio do Ano Litúrxico

A Delegación Episcopal de Liturxia, Relixiosidade Popular e Patrimonio Histórico Artístico organiza o 29 de novembro o Encontro diocesano ao inicio do Ano Litúrxico. Será a partir das 11 h no Mosteiro de Carboeiro e no santuario do Corpiño. O programa é o seguinte:

Mosteiro de Carboeiro

11:00 h Oración e visita ao Mosteiro

Santuario do Corpiño

12:00 h Reflexión sobre a sinodalidade

12:30 h Celebración penitencial

13:00 h Eucaristía

14:00 h Xantar

Coñecemento a fondo da Catedral de Lugo

National Geographic convida a coñecer a fondo a Catedral de Lugo coa arqueóloga Eva María Expósito Vilches e o deán da Catedral, Mario Vázquez Carballo. Aquelas persoas que previamente se inscribiron farán a visita na tarde do 25 de novembro e serán recibidos polo bispo da diocese de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco e o director do departamento de patrimonio artístico da diocese, Jesús Salvador López.

A experiencia incluirá un longo paseo comentado por todos os espazos da basílica -as súas capelas, o coro, o presbisterio, a xirola e o claustro – e incluirá as torres, onde se contempla unha vista única da cidade. Tamén se visitará o Museo Diocesano Catedralicio, con pezas fundamentais da historia da arte cristiá como o Crismón de Quiroga.

75 anos da igrexa da Milagrosa

A Parroquia lucense da Milagrosa celebra os 75 anos da igrexa e os 60 anos de vida da Parroquia cos seguintes actos:

  • Día 26 de novembro ás 18 h na igrexa, presentación do traballo “O soño de José Fernández Núñez”.
  • Día 27 de novembro ás 18:30 h Misa solemne presidida polo Bispo da Diocese.

O 23 de febreiro de 1946 iniciábanse as obras do templo e o 31 de outubro de 1961 o Bispo Don Antonio Ona de Echave decretaba a creación da Parroquia da Milagrosa.

Presentación do número 63 de Lvcensia

O martes 23 de novembro ás 18.30 h, na aula Magna do Seminario Diocesano de Lugo presentarase o nº 63 da revista Lvcensia.

O acto estará presidido polo bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco Rouco, e polo director da publicación, Gonzalo Fraga Vázquez.

O colaborador convidado será Marcos Gerardo Calles Lombao, que lembrará o 400 aniversario da escritura do coro da Catedral, obra de Francisco de Moure. No seu artigo faise unha revisión dos documentos localizados no Arquivo da Catedral de Lugo e o Arquivo Histórico Provincial de Lugo, así como da copia da traza orixinal do coro realizada por Felipe de Castro.

Neste número Abel Vilela fala da polémica xurdida ao redor da Lámpada Votiva regalada á Catedral de Lugo, obra do escultor Manuel Garnelo e Alda.

Manuel Varela realiza unha síntese sobre as Xornadas Abertas de Teoloxía que tiveron lugar este ano.

Sobre arquitectura versan dous artigos, un do arquitecto Santos Ferro sobre a fortaleza medieval de San Miguel de Penas, fonte de inspiración literaria das Églogas de Garcilaso de la Vega, Los pazos de Ulloa de Pardo Bazán e os Versos satíricos de Antón de Xilgar e hoxe propiedade da casa ducal dos Medinaceli; e outro da arquitecta Alberta Lorenzo Aspres, sobre a arquitectura escolar da emigración no concello de Xermade.

Ignacio Cabarcos, Fernanda Follana e Ramón Gutiérrez presentan dúas hipóteses de entrada da vía romana XIX en Galicia, por Pedrafita-As Nogais ou por Cervantes-Becerreá, inclinándose por esta última e achegando novos datos. Ramón Balado e García Porral analizan o primeiro dicionario galego-castelán, de Francisco Javier Rodríguez, centrándose no léxico zoolóxico.

Aurelia Balseiro rememora a figura de Manuel Vázquez Seijas e o seu labor á fronte do Museo Provincial de Lugo. Luisa Doval homenaxea a Dante no setecentos aniversario da súa morte co estudo dun precioso exemplar da Divina Comedia pertencente aos fondos da Biblioteca do Seminario.

Da man de Óscar Murado, Lvcensia reedita dous documentos relacionados co santo e mártir lucense José María de Suegos que nos dan a coñecer a súa biografía e o contexto no que se realizaron as misións en Vietnam.

A %d blogueros les gusta esto: