24 Horas para o Señor

Ás portas do IV Domingo de Coresma, os días 29 e 30 de marzo celebrarase a iniciativa “24 Horas para o Señor“, xornada marcada pola oración de adoración eucarística, a reflexión e a invitación á conversión persoal a través do sacramento da reconciliación.

O tema elixido polo Papa para este ano son as palabras que Xesús pronuncia ante a muller adúltera: “Tampouco eu te condeno” (Xn 8, 11). Neste día proponse contemplar a imaxe de Xesús, que a diferenza da multitude reunida para xulgar e condenar, ofrece a súa infinita Misericordia, como unha oportunidade para acoller a graza e unha nova vida.

A celebración desta Xornada é unha ocasión favorable para redescubrir o lugar central que na vida cristiá debe ter o sacramento da reconciliación.

Camiño Contemplativo – Experiencia Coresmal

O venres 29 de marzo ten lugar o segundo Camiño Contemplativo deste curso, que propón a Delegación de Apostolado Segrar.

Nesta ocasión O Camiño Contemplativo – Experiencia Coresmal, o percorrido será de 18 a 20 horas ao redor da Muralla de Lugo. O punto de encontro será ante o Concello, na praza Maior. E proponse meditar sobre o seguinte: Construímos muros. Cales son os nosos medos?

Nesta experiencia de contemplación na realidade social da cidade de Lugo, trátase de deixarse mirar por Xesús, saber mirar o mundo desde os ollos do corazón, desde os ollos de Deus.

Preparativos da Semana Santa na cidade de Lugo

O martes 26 de marzo de 2019 tivo lugar a Reunión Ordinaria da Xunta de Confrarías de Semana Santa de Lugo, na que se tratou o seguinte:

– Pregón e pregoeiro da Semana Santa 2019

Terá lugar o día 10 de abril, mércores, ás 8 da tarde no Salón Rexio do Círculo das Artes. Correrá a cargo de FEDERICO FERNÁNDEZ DE BUJÁN FERNÁNDEZ, lucense, doutor en dereito romano e membro da Real Academia de Doutores de España. Neste acto intervirá o Orfeón Lucense.

  • Actos Culturais

IV Concerto de Música Sacra a cargo da BANDA FILHARMÓNICA DE LUGO, o día 6 de abril, sábado, as 6 da tarde na Catedral de Lugo.

V Concerto Coral de Semana Santa polo ORFEÓN XAN MONTES, e do CORO DE NENOS DA PARROQUIA DE SANTIAGO A NOVA. Será o martes, 9 de abril, as  8.30 horas da tarde na Igrexa de Santiago a Nova.

Procesións e demáis actos

Mantéñense os percorridos destes últimos anos.- Destacar que por segundo ano consecutivo na tarde do Martes Santo terá lugar a cerimonia do Encontro de María co seu Fillo camiño do Calvario, durante a Procesión do Bo Xesús e Nazareno. Será a Virxe das Dores a que sairá ao paso do seu Fillo, escenificada no preciso momento no que o Nazareno chegue á altura do Convento dos PP. Franciscanos, na Praza Maior.

A principal novidade estará no Vía Crucis, o venres día 12 de abril. Desenvolverase integramente na Catedral Lucense, desde a Praza Pío XII ao Claustro, e serán escenificados momentos da Paixón de Cristo.

– Cartel e programa

O cartel estará a cargo de Eduardo Ochoa. Tamén se está a traballar estes días en ultimar o programa de Semana Santa. Estará reflectido todo nun libriño que sufrirá variacións respecto aos anos pasados para facelo máis cómodo e útil. Este programa será repartido polas axencias de turismo de toda España. Despois da confirmación por parte do Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Lugo do recoñecemento da Semana Santa de Lugo como Festa de Interese Turístico Galego, a Xunta de Confrarías comeza cos traballos que levarán a conseguir este recoñecemento a nivel nacional.

Que me falta?

Segundo os Evanxeos, en certa ocasión achegouse un mozo a Xesús para que o axudase a herdar a vida eterna. Tratábase dunha persoa que, polo que conta, desde a súa adolescencia xa cumpría cos mandamentos, seguramente coa pretensión de conseguir a ansiada vida eterna. Xesús constátalle o que este mozo xa sabía: «fáltache unha cousa» (Mc 10, 21b).

Este mozo tiña un gran camiño andado: era consciente que algo lle faltaba. Unha vez diagnosticado o problema xa está resolto en boa medida. Coñecidas as causas que o orixinan e coñecido o remedio pode parecer que todo está solucionado. Pero isto é só a teoría. Non sempre estamos dispostos a renunciar a algunhas cousas, aínda que ese sexa o remedio.

Creo que esta é a situación de moitas persoas, tamén no momento actual. Temos de todo, pero non conseguimos estar ben. Ás veces conseguimos percibir que algo nos falta, pero non sabemos ben que. Notamos desaxustes na nosa vida persoal ou social, pero erramos no diagnóstico ao confundir as consecuencias coas causas.

Moitas veces queixámonos de que estamos «depres» ou tristes. Hai xente que lle produce un verdadeiro pánico que chegue o luns. Outros non son quen de soportar aos demais porque cren que só eles teñen a razón e parece que viven enfadados co resto do mundo.

E non falemos xa das cantidades inxentes de antidepresivos, ansiolíticos e pastillas para durmir que se recetan a diario nos consultorios médicos.

Os escaparates das librarías están cheos de libros de autoaxuda para ser felices, para ter éxito no traballo, para ter relacións sas, etc.

Está claro que algo nos falta. Pero que é? Ou, mellor dito, quen nos falta?

O mozo do Evanxeo, ao que faciamos referencia ao principio, tiña a súa seguridade posta nas riquezas, pero, como vimos, a pesar das súas seguridades era consciente de que algo lle faltaba para ser feliz. Busca a Xesucristo sabendo que é quen ten o remedio para o seu desasosego. Pero, ao final, non está disposto a facer o que se lle di, porque iso supón renunciar aos seus tesouros terreos para adherirse aos eternos.

O relato evanxélico repítese en Agostiño de Hipona, pero con final distinto. San Agostiño tivo unha mocidade na que «viviu ás toas». Pero, no medio das súas frivolidades e o seu aparente boa vida, algo lle impide estar en paz consigo mesmo. Algo lle falta. No seu proceso de procura atópase con Xesucristo. Supoño que as oracións acompañadas de bágoas da súa nai tiveron algo que ver. A vida de san Agostiño e o seu proceso de conversión resúmense nunha das súas frases máis coñecidas: «Fixéchesnos, Señor, para ti e o noso corazón está inquieto ata que descanse en Ti».

É difícil ocultar a realidade. Podemos mirar para outro lado ou agochar a cabeza como a avestruz. Podemos encher os nosos oídos de ruídos externos, pero nunca poderemos acalar a voz da conciencia, que non é outra que a voz de Deus.

Un pouco antes ou un pouco despois, abriremos os ollos e os ouvidos da fe para que podamos ver e escoitar a Xesucristo, que con insistencia leva tempo chamando á nosa porta. Abrámoslle.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de Xesucristo

[Artículo en castellano]

Xornada pola Vida

Na solemnidade da Anunciación do Señor, o 25 de marzo, tamén se celebra a Xornada pola Vida

Este ano o lema é «O amor coida a vida». E os bispos da Subcomisión Episcopal para a Familia e a Defensa da Vida (Conferencia Episcopal Española) fan pública unha nota que, entre outras cousas, di o seguinte:

Temos que esmerarnos especialmente «cos pequenos», é dicir, os máis necesitados por ter unha vida máis vulnerable, débil ou marxinada. Aqueles que están por nacer e necesitan todo da nai xestante, aqueles que nacen en situacións de máxima debilidade, xa sexa por enfermidade ou por abandono, aqueles que teñen condicións de vida indignas e miserables, aqueles afectados de amarga soidade, que é unha auténtica enfermidade da nosa sociedade, os anciáns aos que se lles despreza como inútiles, aos enfermos terminais ou en estado de demencia ou inconsciencia, aos que experimentan unha dor que parece insufrible, aos angustiados e sen futuro aparente. A Igrexa está chamada a acompañalos na súa situación para que chegue até eles o coidado debido que brota da chamada a amar de Cristo.”

[Materiais da Xornada]

A %d blogueros les gusta esto: