Migracións, Un roubo aos pobres!

Quedoume fixado na memoria o informe do BBVA do ano 2000 que dicía que España precisaba anualmente o fluxo de 300.000 inmigrantes para poder conservar o seu Estado de Benestar (El País, 30-VI-2000). Isto significa que manter o noso Estado de Benestar produce malestar noutros.

A mediados de xullo, varios medios informaban que Trump anunciaba redadas para deportar 2000 “sen papeis”. Nesa situación hai 11 millóns en USA, por tanto, a porcentaxe é irrelevante no cuantitativo, pois afecta a menos do 0,02 % deles, pero é moi relevante no cualitativo polas consecuencias de opresión e explotación para os inmigrantes: someterse a peores condicións de vida e traballo, utilizar menos os bens sociais e sanitarios aos que teñen dereito, etc.

No libro de Stephen Smith La huida hacia Europa (edit. Arpa 2019), premio “Libro Geopolítica do Ministerio de Asuntos Exteriores Francés 2018”, cítase a proxección da ONU do 2000 de que no 2050 haberá 80 millóns de inmigrantes de 1ª e 2ª xeración na UE, o 26 % da súa poboación.

O informe Health at a Glance 2015 afirma que 19.400 dos médicos que traballaban en España no 2014 procedían do estranxeiro, o 9,4%, que no Reino Unido é o 28,7% e en Estados Unidos o 25%.

As porcentaxes increméntanse. A revista Redacción Médica relata que o Ministerio de Educación Español validou 5.822 títulos de Medicina de 2015 ata xullo 2017 procedentes de 43 países (1.383 en 2015, 2.816 en 2016, e 1.623 ata xullo de 2017). Son: 1.148 venezolanos, 783 colombianos, 688 cubanos, etc. Lóxico, por exemplo, que haxa dous grupos de facebook de Médicos Cubanos en España con case mil membros cada un.

O coste dun curso nunha universidade de USA, segundo o libro citado de Smith, é de máis de 50.000 €. A formación dun médico especialista leva uns 11 anos, polo que a formación dos 6 anos de facultade dos 5.822 médicos custaría case dous mil millóns de €, pagados polos países empobrecidos, que lóxicamente son unha débeda contraída con eles. Isto é o custe da formación universitaria dos que viñeron nesas datas sen contar a especialidade, nin a primaria, a secundaria e outros gastos. Nin outros anos e outros inmigrantes.

El País informaba a principios de ano (24-I-19) que á sanidade pública fáltanlle 4.000 especialistas médicos. O déficit aumentará ata triplicarse en 2025 segundo un estudo do Ministerio. Contaba o secretario da Organización Médica Colexial que “nos próximos cinco anos xubilaranse 45.000(El Confidencial 11-III-18).

Por outra parte, Alfonso Gago, catedrático na Universidade de Málaga, no VI Encontro do Voluntariado das Cáritas Galegas de xuño 2013 tivo unha reflexión titulada: La aportación de los pobres al progreso científico y social de la humanidad, na que citou estes datos dun estudo que fixera cos seus alumnos:

– Case o 60% dos profesores universitarios de grao medio dos EE UU (o equivalente aquí ás escolas de enxeñería técnica, aparelladores e diplomados diversos) naceran nos países do terceiro mundo. Eran inmigrantes.

– O inmigrante filipino Leon O. Chua, que Gago estudara moito na súa tese doutoral, era un dos investigadores electrónicos de máis prestixio no mundo, asesor directo do goberno de USA e asesor obrigado de tódolos proxectos tecnolóxicos do exército americano.

– Na enquisa que fixeron sobre investigadores punteiros de tecnoloxía e ciencia en microelectrónica, robótica, telecomunicación, informática,… nas revistas científicas onde se publican os últimos avances sobre eses temas atoparon que: máis do 65% realizara no 3º mundo ata os estudos secundarios, e case o 60% os universitarios (financiados, por tanto, polos impostos dos pobres do 3º mundo). Apenas o 10% fixera a súa tese doutoral no 3º mundo, e apenas pasaba do 3% os que traballaban actualmente nas universidades dos empobrecidos. A enquisa confirmaba que a fuga e roubo de cerebros era máis intensa do imaxinado. Todo iso para desenvolver unha ciencia e tecnoloxía utilizada nos últimos 50 anos para producir un abismo entre as economías dos países enriquecidos (que non ricos) e as dos empobrecidos (que non pobres).

Chegados aquí, que podemos dicir das actitudes que sosteñen que os inmigrantes veñen a quitar os postos de traballo aos de aquí e son unha ameaza para a identidade cultural europea, española, catalá, galega…? Como valorar a postura dos do “Welcome” na que os partidarios séntense satisfeitos de ser persoas boas? Ambas posturas non son igualmente criticables e a xenofobia pode levar ao delito.

Este artigo quere ir ao fondo dende a xustiza e, como xa mostra o título, a postura positiva de acollida, se non ten en conta este espolio aos empobrecidos para reparalo, ten graves fallos contra a xustiza. Que cada quen lle poña o nome que considere adecuado!

Quen pide perdón hoxe por asentar un mundo institucional tan inxusto cos empobrecidos? O espolio, roubo institucionalizado, non se branquea cunha pancarta de benvida sexa de grupos sociais ou relixiosos.

Xa a Laborem Exercens sostiña que o migrante “ante todo, constitúe xeralmente unha perda para o país do que emigra” (nº 23).

Como solucionar este tema? A revista Acontecimiento sostén: “Problema humano -persoal e político-, a emigración só ten solución revolucionaria, o demais son cataplasmas, incluíndo políticas de portas abertas” (nº 49, p. 32). A revolución, para que sexa solución, só pode realizarse dende a NON-VIOLENCIA ACTIVA.

Antón Negro

Delegado episcopal de Cáritas

Xornada Mundial do Migrante e Refuxiado

«Non se trata só de migrantes» é o lema da Xornada Mundial do Migrante e Refuxiado. a Xornada, o 29 de setembro.

O obxectivo é sensibilizar sobre a acollida aos migrantes e refuxiados que «non son un perigo, senón unha axuda que nos enriquece», lembran os bispos da Comisión Episcopal de Migracións na súa mensaxe para a Xornada. Tamén reclaman a erradicación e prevención de situacións de vulnerabilidade ou a desatención dos dereitos humanos.

Con motivo desta Xornada as organizacións que integran en España a rede Migrantes con Dereitos -Cáritas, CONFER, Xustiza e Paz, e a Comisión Episcopal de Migracións– pon en marcha a web www.migrantesconderechos.org

XIV Día da Familia Adoradora

A XIV Día da Familia Adoradora da Diocese, celebrarase o domingo 29 de setembro no Santuario da Nosa Señora do Corpiño co seguinte programa:

  • 9 h: Saída dos autocares desde a Praza de Bretaña con paradas na Ronda da Muralla -diante do edificio da Xunta- e na Fonte dos Ranchos.

  • 11 h: Recepción de adoradores e saúdo da Presidenta da Adoración no Corpiño

  • 11,30 h: Procesión de Bandeiras cara ao Santuario,

  • 12 h: Santa Misa,

  • 14 h: Comida de confraternidade.

  • 16,15 h: Acto mariano con pregaria, ofrenda floral, rosario e breve intervención do Presidente.

  • 17,15 h: Visita guiada ao Mosteiro de Carboeiro

Inicio oficial do Curso Catequético

O lema proposto para este curso é: “Xuntos por unha catequese máis viva”. No centro, Cristo. El é quen chama e reúne en comunidade. Para realizar a tarefa da catequese.

O envío dos catequistas será o venres 27 de setembro no salón de actos do Seminario ás 18:30 h. Haberá presentación do novo curso e celebración da Eucaristía.

A Delegacion de Catequese da Diocese de Lugo, ponse ao servizo dos catequistas, xunto cos párrocos e comunidades vivas, para apoiar con material, escolas de catequistas e sobre todo como persoas que comunican a fe, a quen se valora e anima.

Concerto na Catedral do organista Giulio Mercati

O mércores 25 de setembro, ás 20.45 h, a Catedral de Lugo acollerá un concerto do organista italiano, Giulio Mercati. É o primeiro dunha serie de tres concertos que este organista dará entre este ano e o seguinte coa intención de sensibilizar sobre a necesidade de recuperar o órgano da Epístola da catedral lucense. A entrada é libre e gratuíta.

O ano que vén cúmprese o centenario do inicio da construción do órgano da Epístola polo organeiro Frei Manuel Fernández e o artesán local, José Sal.

O órgano da Epístola é un instrumento de gran singularidade, pola súa beleza e capacidades expresivas. O seu complexo sistema de transmisión pneumático tubular, así como a practicamente enteira disposición horizontal dos seus tubos fan deste instrumento un unicum no mundo da organería.

Co paso dos anos este instrumento viu diminuída a súa funcionalidade técnico expresiva e, por iso, imponse a necesidade de recuperalo tanto para o acompañamento musical da liturxia cotiá como para a interpretación de concertos ou recitais.

No ano 2015 unha importante intervención de restauración logrou frear o proceso de degradación do instrumento. No entanto, agora faise necesaria unha restauración completa que devolva o esplendor e as capacidades mermadas que posúe o órgano da Epístola.

Este concerto e os próximos teñen a intención de sensibilizar sobre a necesaria restauración, recuperación e conservación deste órgano e a consecuente procura de fondos para levar a cabo a intervención.

A %d blogueros les gusta esto: