A fe ensancha os horizontes da razón

O pasado domingo clausurábase o Ano da Fe. Un ano de graza que a Igrexa nos brindou para descubrir de novo o valor da fe e profundar nela.

Neste comentario semanal á encíclica Lumen Fídei chegamos ao final do capítulo segundo. Nesta serie de números achegámonos, por así dicilo, ao Deus-Creador-Enxeñeiro, que fai que todo o que vemos e somos cadre e teña sentido.

Unha primeira cita do número 34 di:

A luz do amor, propia da fe, pode iluminar os interrogantes do noso tempo en canto á verdade. (LF34)

E a segunda cita dinos:

A mirada da ciencia benefíciase asi da fe: esta convida ao científico a estar aberto á realidade, en toda a súa riqueza inesgotable. A fe esperta o sentido crítico, ao non permitir que a investigación se conforme coas súas fórmulas e axuda a decatarse de que a natureza non se reduce a elas. Convidando a marabillarse ante o misterio da creación, a fe ensancha os horizontes da razón para iluminar mellor o mundo que se presenta aos estudos da ciencia. (LF 34)

En contra do que podería pensarse nun primeiro momento, a fe non pon limites á ciencia nin á razón. Como di o Papa, a fe ensancha os horizontes da razón… case poderiamos dicir que a fe fai que a ciencia sexa ilimitada e non se esgote nunca.

A isto podemos engadir o froito solidario que obtemos da ciencia cando está acompañada pola fe, e destinámola para dignificar e facilitar a vida do home e dos pobos. Ben o sabemos, sen a fe, a ciencia vólvese tremendamente destrutiva, só temos que pensar na bomba atómica ou no aborto.

Deus ilumina todo, porque todo é obra súa, nada é alleo para El, tampouco a ciencia.

                                             Miguel Ángel Álvarez

                                            Párroco de San Froilán

Miguel Ángel Álvarez: A fe ilumina todo e a todos

O coñecemento da fe ilumina non só o camiño particular dun pobo, senón o decurso completo do mundo creado, desde a súa orixe até a súa consumación. (LF 28).

Esta é a cita tomada do número 28 da encíclica Lumen Fidei e que comentamos no programa “El Espejo de la Iglesia” en Cope Lugo.

Moitas veces tendemos a esquecer que o mundo é moito máis có pequeno lugar no que vivimos, e que a historia non comezou o día que nos decatamos de que existiamos.

Facilmente erixímonos no centro do mundo e da historia, cando só somos un punto que se perde no medio das grandes magnitudes do universo e do tempo.

E con esa mesma facilidade tamén soemos reducir o poder da fe. Así, cremos que é algo que só afecta a un pobo ou a un grupo de persoas que viven nun tempo determinado.

A fe ilumina todo e a todos. Cristo é o mesmo onte, hoxe e sempre. O Fillo de Deus encárnase e entrega a súa vida polos homes de todos os tempos e lugares: desde a orixe do mundo até a súa consumación, polos de antes, polos de agora e polos que virán.

Por iso o centro do mundo e da historia non é ningún pobo, ningún home, ningún tempo. O centro da historia e do mundo é Xesucristo. E desde esa centralidade ilumina a todos.

Equivocámonos cando facemos depender a centralidade de Cristo da nosa crenza particular.

O Deus-Xesucristo é e será sempre o Señor de todo e de todos.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Miguel Ángel Álvarez: Amor e verdade non se poden separar

Un dos puntos de Lumen fidei fala da unidade de amor e verdade. É o número 27, que di así:

E así se pode ver en que sentido o amor ten necesidade de verdade. Só en canto está fundado na verdade, o amor pode perdurar no tempo, superar a fugacidade do instante e permanecer firme para dar consistencia a un camiño en común. Se o amor non ten que ver coa verdade, está suxeito ao vaivén dos sentimentos e non supera a proba do tempo. (LF 27)

Nestas liñas o Papa Francisco advírtenos de dous perigos. Que o amor non estea fundado na verdade e de guiarnos só por uns sentimentos que poden facernos cóxegas no estómago, pero que tamén carecen de fundamento.

Dise que se colle antes a un mentireiro que a un coxo. No mundo actual leva moito o das aparencias. Desde vestidos que disimulen o noso exceso de quilos, até decorados virtuais en televisión… Por suposto que non está mal que as persoas e as cousas se mostren agradables á vista.

Pero, ao mesmo tempo, é vital que o importante da nosa vida estea ben fundamentado. Non serve de nada enganarnos a nós mesmos… O golpe ao caer pode ser moi grande.

Unha boa expresión do amor é a vida matrimonial, que, doutra banda, para o cristián é imaxe da unión de Cristo coa súa Igrexa. É aquí onde vemos claro como o amor necesita alimentarse da verdade.

A nosa fe en Cristo tampouco pode estar a mercé dos nosos sentimentos, do ben ou mal que me levante cada mañá, ou do ben ou mal que nos vaia o día, ou a mesma vida, nin sequera do cura que presida a Misa dominical ou do Bispo que nos toque en cada momento da historia.

Unha fe volátil serve de pouco. Unha fe firmemente fundamentada no amor e a verdade é para toda a vida. Amor e verdade non se poden separar.

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de San Froilán

Miguel Ángel Álvarez: Necesitamos formar a fe coa verdade

Damos un paso máis no comentario da encíclica Lumen Fidei. Chegamos ao número 24 e parámonos na seguinte cita:

O home ten necesidade de coñecemento, ten necesidade de verdade, porque sen ela non pode subsistir, non vai adiante. A fe, sen verdade, non salva, non dá seguridade aos nosos pasos”.

Os sentimentos que provoca a memoria dos nosos seres queridos defuntos, fai que botemos man de todo aquilo que supoña unha palabra de ánimo e esperanza ante o enigma da morte e ante tantas novas formas de pensamento e cultura importados, e mal usados, que toman as nosas rúas e que provocan aínda máis confusión en moita xente, que xa non sabe nin onde poden estar os seus defuntos.

E o comentario á cita de hoxe tamén o podemos orientar por este camiño.

Necesitamos que a nosa fe vaia acompañada da verdade. E é, precisamente no tema dos defuntos, onde vemos claramente como non sempre fe e verdade van unidas.

Moitas veces é fácil atoparse con persoas, mesmo de misa diaria, que cren unhas cousas moi estrañas.

Ler máis

Inhumación ou incineración? Corpos, cinzas e cemiterios

Milan Kundera publicou en 1984 unha famosa novela baixo o título A insoportable levidade do ser. Non vou contar o relato, pero si algúns detalles da novela. O personaxe principal chámase Tomás. Mostra moita incerteza ao afrontar unha relación de parella e a madurez que a esta relación debe impregnala. Sabina, eterna amante de Tomás, sente a verdadeira lixeireza nas cousas e tras relacionarse con homes comprometidos, acaba outorgándolle á infidelidade moi pouca importancia. Esta lixeireza na maneira de vivir é consecuencia dunha actitude existencial amoral e anodina. Despois de 10 anos, Sabina foi a vivir aos Estados Unidos. Vivía cunha parella de anciáns que en certa forma representaban o desexo inalcanzable e irreal por ter unha familia, xa que eles eran como os seus fillos. Este tempo “familiar” pronto acabaría. O ancián morreu e a súa esposa foi a Canadá a vivir co seu fillo. Sabina quería permanecer en estado de “levidade”, sen peso nin ataduras, así que escribiu o seu testamento deixando moi claro que á súa morte cremasen o seu corpo e esparexesen as súas cinzas.

Até aquí a primeira parte deste artigo. A morte é a Gran Marcha na novela de Kundera. É para todos. A cultura cristiá tennos habituados a asumir a morte con certa naturalidade. Ela non é o final. Hai vida despois. Hai eternidade. O Deus que nos creou por exceso de amor, espéranos como un Pai ao final, cos brazos abertos se de verdade queremos retornar ao seu Fogar. Esta é a gran verdade cristiá, unha verdade que enche de esperanza e sentido a vida aquí, e de gloria, no alén. Por iso, nós veneramos aos mortos. E chamamos ao cemiterio “Campo Santo”, lugar onde descansan os nosos mortos esperando o Xuízo Final; entón, máis aló do espazo e do tempo, xa non farán falta campos”, nin “santos”, porque todos gozaremos da felicidade eterna sempre que non rexeitemos a Deus e aos demais.

Ler máis

A %d blogueros les gusta esto: