Xornada Mundial da Educación Católica

O 13 de maio celébrase a Xornada Mundial da Educación Católica, promovida por institucións educativas católicas. Foi instituída no Congreso da OIEC – Office International de l’Enseignement Catholique (Brasília, 2002), para chamar a atención sobre a contribución que as institucións educativas poden ofrecer ao desenvolvemento global e á promoción dunha cultura de paz e fraternidade.

No contexto do Pacto global para a educación promovido polo Papa, a OIEC, relanza esta Xornada en colaboración con outras organizacións educativas.

O obxectivo da Xornada Mundial da Educación Católica é facer presente a educación católica na pregaria, agradecendo o compromiso dos educadores e buscando facer coñecer mellor a tarefa educativa tan importante que desenvolven as institucións católicas no mundo. Trátase de reflexionar, recoñecer e celebrar a educación católica como signo de esperanza.

Os nenos non son propiedade da Ministra de Educación!!!

O día 17 de xaneiro a Ministra de Educación, Isabel Celaá, dixo: “Non podemos pensar de ningunha das maneiras que os fillos pertencen aos pais…”. A frase en sí non ten problemas, senón fose porque sae dun membro do PODER EXECUTIVO que se arroga decidir a súa formación ideolóxica coma se fosen súbditos.
Débese tomar sempre en serio a declaración de calquera ministro/a despois dun Consello Ministerial, pois ese é o acto máis serio dun Goberno. Entón entenderíase que os pais se presentasen diante do seu Ministerio ou as súas delegacións cunha pancarta que recolla esas palabras e que lle pida, por tanto, que se faga cargo dos seus fillos e asuma o seu coidado, manutención, vestimenta, protección… e que sexa consecuente co que dixo. Certo que os funcionarios non son responsables do que din e deciden os ministros. Sen necesidade de repetir habería pais e nais suficientes para que por centenares ou milleiros estiveran moitos días esixíndolle que cumpra a súa palabra.
En coherencia con esas palabras o Goberno tería que derogar as leis do Código Penal e Civil que fan responsables subsidiarios aos pais das falcatruadas que cometen os seus fillos (por ex. na Kale borroka). Tamén terían que quitar a obriga que hoxe teñen os pais de educar e soster aos seus fillos ata que sexan maiores de idade ou rematen os seus estudos. Incluso nos casos de divorcio ou separación habería que liberar á nai ou pai de pasar a correspondente pensión. As leis deben ser coherentes unhas coas outras e non manifestamente contraditorias.
Por outra parte, calquera nai ou pai, aínda que sexa do PSOE ou de Podemos, debe asumir que se acepta que a actual Ministra pode decidir como educar o seu fillo, igualmente terá que aceptar que noutro momento tamén o poderá facer un ministro/a do PP, Bildu, Vox, etc se desempeñan ese cargo no futuro.
Non coñezo persoalmente á ministra de educaciòn, pero din que é socialista e non teño elementos para negar ese dito. O que si teño claro é que se é verdadeiramente socialista tería que defender á sociedade e aos seus diversos grupos (agrupamentos) sociais. Defender aos grupos sociais empezando polo máis elemental, pequeno e feble que é a FAMILIA. Non esquezamos o que di a Declaración dos Dereitos Humanos art. 16.3 “A familia é o elemento natural e fundamental da sociedade e ten dereito á protección da sociedade e do Estado”. A continuaciòn estarían as asociacións de nais/pais, os colexios, etc para que a sociedade sexa libre e protagonista da vida social.
A palabra Ministro ven de MINISTER (minus), servidor. De aí ven ministerio, servicio. Por tanto, un ministro debe ser un servidor e non un ditador. Nunha democracia o Goberno e os Ministros deben ser servidores da sociedade.
Se as nais e pais de familia ven que a Ministra e o Goberno do que forma parte non respecta os seus dereitos, recoñecidos na Declaración Universal dos Dereitos Humanos (ONU 10-XII-1948), especialmente nos artigos 12 (non inxerencia arbitrarias na vida privada ou familiar), 18 (liberdade de pensamento, conciencia e relixión), 19 (liberdade de opinión e expresión), 26.3 “Os pais teñen dereito preferente a escoller o tipo de educación que se haberá de dar aos seus fillos”, deben esixilos, mesmo nos tribunais, ata ir a Estrasburgo se é preciso (art. 8). Hai que esixir democracia sempre aos gobernos e practicar democracia, e, senón deixan outra opción, tamén asociados ir aos tribunais.
Calquera nai/pai que teña os fillos xa algo medrados sabe por experiencia que son basicamente verdadeiras estas palabras do gran escritor libanés Khalil Gibran en O profeta:
“Os vosos fillos non son os vosos fillos. Son os fillos e as fillas da ansia da Vida por sí mesma. Veñen a través vosa, pero non son vosos. E aínda que vivan convosco, non vos pertencen. Podedes darlles o voso amor, pero non os vosos pensamentos, porque eles teñen os seus propios pensamentos… Podedes esforzarvos en ser coma eles, pero non intentedes facelos coma vós, xa que a vida non retrocede, nin se deten no onte. Sodes os arcos cos que os vosos nenos, como frechas vivas, son lanzados.”
Remato coas palabras pronunciadas no día da Sagrada Familia (31-XII-17) por quen NON TEN PODER EXECUTIVO no tema, o Papa Francisco: “Os pais son custodios e non propietarios dos seus fillos” que veñen ser unha axuda clarificadora de como exercer a responsabilidade de educar aos fillos.

Antón Negro

Delegado de Cáritas Lugo

Educar para a competitividade?

Nos medios de comunicación aparece frecuentemente que o sistema educativo debe dar como resultado profesionais titulados altamente competitivos para o mercado. Esa insistencia na competitividade leva consigo que se vexa aos demais como adversarios, como inimigos do propio éxito e da propia autorrealización. Son competidores aos que debo vencer, derrotar.

Cando se entende que a opción normal para afrontar a vida é a loita pola existencia como a base primordial do progreso social humano, entón, hai que prepararse para vencer aos rivais -individuos, non persoas- con medios eficaces para conseguir o triunfo na vida fronte a eles.

Dende esta perspectiva é lóxico que se entenda a moral como o camiño axeitado para chegar ao triunfo individual, non como o camiño axeitado de realizar o ben común. Nesta liña de pensamento está a crenza moi xeneralizada de que “o fin xustifica os medios”, que vai contra calquera moral verdadeira que esixa que tanto o fin coma os medios teñan que ser xustos.

Pero hai outra opción educativa que é educar para a colaboración e a solidariedade.

Lembro que un alumno meu, cando expuxo na clase o contido do libro do profesor de Harvard, Martin Nowak, Super Cooperadores, falaba da oposición entre cooperación e evolución. Tiven que recordarlle que a tese dese libro non era esa senón a de que a evolución dáse precisamente pola cooperación. Entre os seguidores desta tese quero destacar a Kropotkin e o seu libro O apoio mutuo. As actuais escavacións de Atapuerca tamén mostran que os humanos primitivos alí residentes eran solidarios coidando dos inválidos e inútiles por amor, o que é un factor determinante na evolución.

Gerald Hüther no seu libro La evolución del amor retrata a historia evolutiva e cultural do ser humano pola cooperación e a unidade desde a creación. Este profesor de Neurobioloxía na Universidade de Gotinga (Alemaña), asesor en temas científicos de Angela Merkel, explica que a selección natural non se rexe só pola competencia, senón tamén polo amor que nos mantén unidos á natureza e aos demais. Os biólogos citan seres vivos nos que a nai chega a deixarse comer pola súa descendencia para garantir a supervivencia deles.

No campo da Botánica quero citar a Peter Wohlleben (La vida secreta de los árboles, editorial Obelisco) entrevistado por Inma Sanchis en La Vanguardia (18-XI-17) baixo este título: “As árbores adultas alimentan e coidan das pequenas”. Das súas respostas na entrevista destaco:

Cada árbore é importante para a comunidade e o bosque actúa en consecuencia: aos exemplares enfermos o resto proporciónalles os nutrientes necesarios para que sandenA que ten moito cede e a que ten pouco recibe axuda”.

E engade: “Moitos botánicos sosteñen que nas puntas das raíces teñen estruturas similares ao cerebro. De feito sabemos que as árbores teñen memoria, son capaces de rexistrar e distinguir as temperaturas en ascenso da primavera das que están en descenso durante o outono”.

E falan ao seu xeito: “Mediante sustancias odoríferas comunícanse. Cando se aproxima un perigo, as acacias avisan ás súas conxéneres emitindo etileno, un gas de avisoTamén envían avisos mediante sinais eléctricas a través das raíces e das redes de fungos, que son como o noso sistema nervioso”.

Todo isto, en consecuencia, debería levarnos a desenvolver a tarefa educativa nos centros escolares en clave de colaboración interpersoal.

Un cristián ademais debe ter en conta que o único mandamento que Cristo nos deu foi que “nos amemos uns aos outros como El nos amou” (Xn 13, 34), mandamento que ten o seu fundamento en que “Deus é amor” (1 Xn 4, 8).

A dinámica educativa de colaboración pola existencia esixe desenvolver ao máximo as capacidades propias para o ben común de todos. Canto máis un estude e mellor se prepare, máis eficientemente vai poder axudar aos seres queridos e a toda a humanidade! Somos unha única humanidade, descendentes dunha única Eva, segundo nos mostra o ADN mitocondrial e, por tanto, debemos responsabilizarnos uns dos outros.

Cando constatamos que no noso sistema educativo se insiste en entender a evolución só como loita pola existencia e, mesmo, alumnos de Políticas non oíron falar de Kropotkin, tanto insistir no materialismo e na competitividade… fai entendible que as consecuencias sexan que os estudantes non se presten os apuntamentos e que os opresores teñan máis facilidade para impor a lei do máis forte, apoiados polo saber universitario.

Non axudaría isto tamén a explicar que haxa tantos partidarios de excluír a presenza dunha materia seria no currículo escolar que estude o Deus solidario dos pobres e excluídos?

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Pascua coas familias no Seminario: charla de Gregorio Luri

Con motivo da celebración da Pascua coas familias, o Seminario diocesano organiza unha charla a cargo do profesor Gregorio Luri Medrano, co título “Eloxio das familias sensatamente imperfectas”. Será o 1 de maio, na aula magna do Seminario ás 11.30 h e está aberta á participación de todos os interesados.

Gregorio Luri Medrano é doutor en filosofía pola Universidade de Barcelona e licenciado en Ciencias da Educación.

Coaching familiar. Encontros de pais

 

O Centro de Orientación Familiar Diocesano en colaboración co Instituto da Familia de Ourense, leva adiante Encontros de pais nos que formarse e reflexionar sobre a familia e as emocións. En sesións mensuais de hora e media de duración, os asistentes abordan de xeito práctico os retos aos que se enfrontan os pais:

  • Como coidarse un mesmo para coidar á familia.
  • Comunicación en familia.
  • Acompañar aos fillos nas súas dificultades.
  • Familyfullnes (busca construír a familia, centrarse no positivo e mellorar lazos interpersoais)
  • Intelixencia espiritual.
  • Ciber trío (Pais – Fillos – Móbiles)

 Estes Encontros, que van pola segunda edición, comezan o martes 13 de novembro no colexio Divino Mestre de Lugo (rúa Portugal, teléfono 982 21 68 44) e o 14 de novembro no Colexio Salesiano Divina Pastora de Lugo (praza da Milagrosa, tlf: 982 21 49 57). Non é necesariamente para pais de alumnos destes centros senón para calquera persoa en calquera circunstancia que vexa a responsabilidade de mellorar como pai.

[Máis información]

A %d blogueros les gusta esto: