Apertura de Curso no Seminario e no Instituto Teolóxico Lucense

eucaristia-votiva-do-espirito-santo-3

O venres 30 de setembro tivo lugar a apertura solemne do Curso Académico 2016-2017 do Seminario Diocesano e do Instituto Teolóxico Lucense. Estiveron presentes autoridades civís e eclesiásticas; entre estas, o Bispo de Mondoñedo-Ferrol, Luis Angel de las Heras. Os actos foron os seguintes:

  • Eucaristía Votiva do Espírito Santo

    Presidiu o Sr. Bispo Mons. Alfonso Carrasco

  • Actos académicos

    – Lectura da Memoria do Curso 2015-2016

    – Apertura do Curso, polo Sr. Bispo

    – Lección inaugural: Costumes e tradicións populares nas Illas Británicas, pola profesora Dª Ana Puente

  •  Brinde polo novo curso

Na Sala de Exposicións central do Seminario inaugurouse a exposición bibliográfica Volumen in Folio, con exemplares da Biblioteca de tema relixioso, xurídico e cultural do século XVI e posteriores. Esta exposición poderá verse todo o mes de outubro.

O Seminario Menor acolle para a súa formación este curso a 46 seminaristas, distribuídos nos catro cursos da ESO e os dous cursos de BAC. Desde fai uns anos cursan estudos neste Seminario alumnos procedentes da Diocese de Mondoñedo-Ferrol, este curso son oito no Seminario Menor.

No Seminario Maior fórmanse catro seminaristas diocesanos e un pertencente á Diocese de Mondoñedo-Ferrol; aos que se engade outro seminarista que concluíu a súa formación académica e que está na súa etapa de pastoral.

Como novidade, neste curso incorpóranse como alumnos ao Instituto Teolóxico Lucense seis seminaristas do Seminario Misioneiro Redemptoris Mater (pertencente ao Camiño Neocatecumenal).

Inicio de curso no ámbito catequético

catequese-2016-2017-copiaOs catequistas da Diocese de Lugo teñen un encontro de inicio de curso o 3 de outubro ás 19h no salón de actos do Seminario Diocesano. Ás 20 h particípase na Eucaristía presidida polo señor Bispo na Catedral coa que se inaugura o Curso Pastoral.

Este ano os Secretariados de Catequese de Galicia propoñen guiarse e iluminarse pola exhortación apostólica ‘Amoris Laetitia’ do papa Francisco, con este lema: ‘A familia, fogar da catequese’.

Sempre é desexable unha implicación maior das familias na catequese, pois os pais deben ser os “primeiros mestres” da fe dos fillos, polo que todo esforzo para que tomen conciencia do seu papel nesta tarefa, é algo a ter en conta. Por iso, este ano as delegacións de Catequese de Galicia ofrecen os seguintes materiais: cartel, carta ás familias, folleto de presentación e tres catequeses sobre o tema.

_326DU_173689.pdfDúas novidades importantes:

· A nova páxina web das delegacións de catequese de Galicia, chea de recursos e na que se dan a coñecer iniciativas catequéticas da Diocese e das parroquias.

· E xa saiu o segundo caderno de materiais complementarios do catecismo ‘Testigos del Señor’ (11-12 anos): El Camino que conduce al Padre.

Xornada interdiocesana de animadores de pastoral xuvenil

10-outubro-dia-xornada-interdiocesana-de-pastoral-xuvenil-copia

 O 1 de outubro celébrase na Coruña un encontro de animadores de pastoral xuvenil das cinco dioceses galegas. Tras uns intres de acollida e oración, haberá un relatorio a cargo do bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco (“Xoves, apóstolos da misericordia”). A mediodía haberá talleres nos que se presentarán experiencias como a Pascua Xove de Vilagarcía (o que supuxo para tantos mozos nos 43 anos que se leva facendo) e Life Teen (método evanxelizador creado en 1985 en Arizona, que se centra nas catequeses semanais e na Eucaristía, e que está presente en centos de parroquias).

 Ás 13:30 será a Adoración xove, e pola tarde un Magazine:

  • Entrevista a D. Luis Ángel, bispo de Mondoñedo

  • Conexión Cracovia: experiencias, música, testemuños…

 Finalmente, ás 17h será a Eucaristía de envío, presidida polo arcebispo D. Julián Barrio.

Os inimigos da ciencia

Foto Mario Recentemente, o meu compañeiro Antón Negro publicaba unha entrada sobre o problema da relación entre a Relixión e a Ciencia titulado “Sobre o Big Bang“. Alí lembraba que Georges Henry Lemaitre, autor da teoría do Big Bang, foi un sacerdote católico, xa que en moitas obras científicas tende a ocultarse esta cuestión. No fondo, latexa a triste realidade dun dos tópicos máis frecuentes no pensamento único actual: a Igrexa e a Relixión son inimigas da ciencia. Ou dito doutra forma: non se pode ser crente e científico. O certo é que, desgraciadamente para moitos, a fe e a relixión son incompatibles e o que aínda é peor: tamén a fe e a razón. Coma se crer non fose razoable ou polo menos, tan razoable como non crer. Ou coma se esquecésemos xa que unha gran maioría de científicos e pensadores foron e son crentes. De feito, na historia antiga e actual, a realidade foi e é ben distinta. Non pode ser unha mera casualidade o feito de que o pai da teoría do Big Bang (por certo, expresión acuñada de forma despectiva polo ateo Fred Hoyle) sexa un sacerdote xesuíta belga a quen inicialmente Einstein tratou como un principiante en delirio. Pero, e así o relata a teóloga e escritora Lucetta Scaraffia, cando poucos anos despois Nature e The New York Times recoñeceron a xenialidade das intuicións de Lemaitre, Einstein tivo que cambiar de actitude. Desde entón, Deus entrou oficialmente na física por máis que moitos estudosos aínda non queiran asumilo. Sen dúbida, o concilio Vaticano II contribuíu á confirmación da conciliación entre a Igrexa e a ciencia. Pero tamén é certo que moitos científicos a través dos séculos puideron conxugar a paixón polo rigor científico coa súa pertenza á Igrexa, e ata, en moitas ocasións, vestidos de hábito. Relixiosos eran, Lazzaro Spallanzani (1729-1799), Nicolás Copérnico (1473-1543), Gregorio Mendel (1822-1884), e laicos crentes como Juan Kepler (1571-1630), Isaac Newton (1642-1727), Luís Pasteur (1822-1895), entre outros moitos.

 Os crentes temos todo o dereito e o deber de desexar entender un universo creado por un Deus que nos ama e que está na orixe de todo. Iso non cambia os resultados científicos, pero si o seu significado. Así o afirmaba con claridade o padre Michael Heller: “A ciencia dános a Sabedoría, a relixión o Significado“.

 Na actualidade, a influencia dalgunhas ideoloxías con gran poder mediático, pagadas por poderes fácticos con escuros intereses ocultos, chega a tal punto de fanatismo e desprezo do relixioso, que as incapacita para a compresión da realidade.

 Con todo, máis aló de lecturas cheas de pretextos, hai que lembrar que ao longo da historia, a Igrexa soubo puntualizar as súas propias teses científicas e asumiunas con gran apertura respecto, por exemplo, ás novas fronteiras da medicina.

 J. Mario Vázquez Carballo

Campaña de Cáritas no Día contra a explotación sexual e o tráfico de persoas

dia-contra-a-trata-wordpress

O venres 23 de setembro é o Día Internacional contra a explotación sexual e o tráfico de mulleres, nenas e nenos. Cáritas Diocesana de Lugo, xunto coas entidades Aliad Ultreia e Asociación Bonhomía, buscan sensibilizar á poboación sobre este drama humano. Para iso elaborouse un vídeo, coa colaboración da Fundación TIC e Centinelas Asociación, que será difundido a través das redes sociais. No vídeo personalízase este problema que tantas veces se considera alleo ao noso mundo, móstrase como calquera muller compañeira ou amiga próxima, ante un momento de necesidade ou vulnerabilidade pode ser vítima de trata ou explotación.

O programa de Muller de Cáritas diocesana de Lugo desenvolve un proxecto dirixido a vítimas de violencia, especialmente, vítimas de trata e explotación sexual en contextos de prostitución; e outro destinado ao traballo de prevención e coidados da saúde de mulleres. No 2015 foron 161 as mulleres contactadas en pisos ou clubs de prostitución ás que se lles impartiron micro talleres sobre información sanitaria, outros empregos... Delas, máis de 60 recibiron despois unha atención, acompañamento e apoio personalizado directamente en Cáritas.

%d bloggers like this: