Encontro dos bispos franceses e españois do Camiño de Santiago

Os días 11 e 12 de xullo, unha trintena de bispos franceses e españois de dioceses do Camiño de Santiago reúnense en Compostela, para potenciar a atención aos peregrinos e cultivar a espiritualidade do Camiño.

Os actos comezaron o día 11 ás 8:30 cunha Misa en privado; ás 10h oración dirixida por Mons. M. Aillet e presentación de Mons. Julián Barrio. Ás 11:30 Adeline Rucquoi pronuncia a conferencia “As relacións de Francia coa Catedral de Santiago e as peregrinacións”. O resto dos actos do día son o propio encontro dos bispos e visitas a lugares xacobeos.

Peregrinación a Santiago organizada pola Parroquia de San Francisco Xavier

A Parroquia San Francisco Xavier de Lugo propón facer o Camiño de Santiago en familia. Trátase de peregrinar a Compostela polo Camiño Primitivo en distintos sábados dos meses de abril, maio e xuño.

Faise coa idea de ter unha experiencia de fe, coñecer máis ao Apóstolo e a Xesús; cultivar os lazos familiares e a calor nunha verdadeira viaxe en familia; tempo de calidade para os fillos nun acompañamento profundo onde poder coñecerse mellor; lazos de amizade con outras familias; descubrir o patrimonio cultural; experimentar os valores de entrega, esforzo, axuda aos demais, compartir.

As etapas son as seguintes:

  • Lugo – O Burgo, 1 de abril

  • Retorta – Augas Santas, 6 de maio

  • Melide – Ribadiso, 20 de maio

  • Monte do Gozo – Santiago de Compostela, 10 de xuño

Xornadas xacobeas na prisión de Bonxe

Próxima a celebración da Mercé, o centro penitenciario de Bonxe acolle os días 15 e 16 de setembro un acto cultural consistente nunhas xornadas sobre o Camiño de Santiago.

luciano-armasNo salón de actos da devandita prisión, o día 15 o párroco de Santiago A Nova, Luciano Armas, impartirá unha conferencia titulada “O Camiño de Santiago: trama da construción de Europa”. Porque a ruta xacobea, segundo Luciano Armas, foi un cauce ou unha trama sobre a que se construíu de maneira importante a unidade de Europa, mesmo a propia Europa. Houbo unha intercomunicación de peregrinos, de culturas, de arte… distintos aspectos que se puxeron en común. Foron moitos anos nos que isto se plasmou, e aí están a arte románica e a arte gótica.

lage-vigoE o día 16 haberá unha mesa redonda na que participará o párroco de San Lourenzo de Aguiar, Antonio Lage Vigo, que contará a súa experiencia que viviu hai uns anos como peregrino a Santiago de Compostela.

Tamén intervirán dous presos e un funcionario para falar das saídas programadas que organiza a Asociación Viandantes do Camiño Primitivo.

Camiño a Santiago coa mesma idea que San Josemaría Escrivá

Peregrinos de Murcia

O 13 de xullo saían de Murcia 8 mozos acompañados de José, sacerdote encargado do club xuvenil do Opus Dei daquela localidade. Chegaron pola noite a Sarria, onde iniciaron o 14 pola mañá a primeira etapa que fan polo Camiño Francés. Están moi ilusionados por seguir tamén os pasos de San Josemaría Escrivá, que peregrinou a Santiago no ano 1938 co desexo dunha profunda conversión, de expiación e de pedir pola paz. A idea coa que fan o Camiño os 9 peregrinos murcianos vén ser a mesma: converterse, a expiación e a preparación para de agora en diante ser mellores cristiáns.

[Información sobre a presenza de Sanjosemaría en Santiago

Comunicado do Bispado de Lugo sobre a credencial de peregrino

Ante as informacións sobre a credencial do peregrino expedida en Lugo, manifestamos:

– Esta Diocese recibiu a última hora da tarde de onte unha nota da Oficina de Acollida ao Peregrino, que foi publicada na prensa, negando todo recoñecemento a unha credencial que esta Diocese tería expedido.

– Devandita credencial é, en realidade, iniciativa da Asociación Lugo Monumental, co patrocinio de La Voz de Galicia e o apoio explícito do Bispado de Lugo que considerou moi positivo este proxecto. Esta credencial foi presentada o 19 de novembro de 2015. A recadación pola venda da mesma (1 €) é destinada pola Asociación íntegramente a Cáritas diocesana de Lugo.

– Desde os inicios da historia da Igrexa, os Bispos expediron cartas credenciais ou documentos semellantes aos fieis que partían das súas Dioceses, coas que acreditar a súa condición de católicos ou de peregrinos, e sempre foron recibidas como válidas nas Igrexas ás que se dirixían.

– En todo caso, procurouse respectar a vontade do Cabido da Catedral de Santiago, manifestada nunha nota do 17 de decembro de 2015 e publicada no Boletín Oficial do Arcebispado de Santiago, segundo a cal só recoñecerán como válida a credencial que eles emitan, garantindo a acollida doutras credenciais soamente ata o próximo primeiro de abril.

– Non comprendemos, xa que logo, o rexeitamento expresado agora pola Oficina de Acollida ao Peregrino en exclusiva a esta credencial. Confiamos que esta cuestión resolverase seguindo as canles eclesiais normais.

%d bloggers like this: