A familia do mañá

Nada máis comezar estas liñas, dubidei se titulalas coa frase arriba consignada: “A familia do mañá” ou “O mañá da familia”, pero enseguida decateime de que o significado de ambas as expresións é tan sinónimo, que calquera das dúas vale para sintetizar o que me propoño dicir sobre o futuro das nosas familias. Cada lector escolla a que crea máis axustada ao tema.

Para acertar na opinión da sorte que espera á familia do mañá, ocórreseme mirar ás árbores dos nosos bosques: na súa floración recréanse os nosos ollos; dos seus froitos comprácense os nosos padais; pero córrese o perigo de esquecer que a achega destes produtos débese ás raíces. A carencia de raíces impide que a árbore produza follas, flores e froitos. As raíces condicionan a vida e a produtividade da árbore. Isto é aplicable ao dinamismo das familias.

En cada fogar conviven varias xeracións: avós, pais, fillos, netos…; e entre eles existen múltiples interdependencias: a experiencia dos avós enriquece a vida dos fillos; a fortaleza dos pais garante o crecemento e a madurez dos mozos, e a inocencia dos nenos rexuvenece a ancianidade dos maiores. Nunha palabra, o comportamento das xeracións de hoxe condiciona as condutas das xeracións do mañá. Nós somos as raíces das futuras xeracións. De nós depende o mundo do mañá.

Convenzámonos diso e no canto de seguir xulgando condenatoriamente ao mundo de hoxe, sintámonos responsables da historia vindeira, e capacitémola para que o seu talante sexa un clima de verdade, de xustiza e de fraternal convivencia. E debido a que os homes de hoxe somos os condicionantes dos homes do mañá, esforcémonos por acrecentar a herdanza de bos costumes que nos legaron os nosos maiores, para que das nosas raíces broten abundantes árbores portadoras dunha política que coide do progreso social dos pobos; dunha educación máis rica en verdades e en valores, e duns cidadáns máis homes e máis cristiáns. Pero para que estas raíces produzan tales froitos, tamén elas requiren certos coidados que as capaciten para transmitir á árbore que brote delas, fertilidade produtora de ricos froitos. No deserto a vexetación morre por falta de rega. No país dos eternos xeos, as plantas non dan froito porque a savia conxélase nos vasos da súa ponla, e na terra de lume, os múltiples incendios forestais devastan os bosques e converten o chan en fatal desolación.

Aplíquese esta sinistralidade ás nosas familias. E comprobaremos que os efectos son semellantes. No fogar no que falte a auga dunha paternidade responsable, non poden crecer sans costumes, e alí onde falte o exemplo testemuñal dos maiores, xorde a corrupción ambiental. Para evitalo, Xesús pide a nosa cooperación dicíndonos que sexamos “Luz e Sal” para os nosos contemporáneos. Aceptemos, pois, este reto do Señor, e das nosas mans sairán unhas familias máis auténticas e o mañá será mellor.

Indalecio Gómez Varela

Cóengo S. I. Catedral Basílica de Lugo

[Artículo en castellano]

Día de Hispanoamérica

O Día de Hispanoamérica ten como lema este ano «Para que nel teñan vida», en referencia ao título do Documento de Aparecida. Pídese pola Igrexa en América Latina, para que os cristiáns vivamos sempre con conciencia misioneira de que a vida que Deus regala é un don precioso que debemos compartir con todos os nosos irmáns, como fan os misioneiros e misioneiras que están en Latinoamérica.

 Na Parroquia lucense San Francisco Xavier faise un achegamento ás xentes de Latinoamérica que están na nosa terra. O 1 de marzo trala Misa das 12:30 h no salón parroquial representantes da comunidade latinoamericana achegarán mostras dos produtos típicos dos seus países e elementos das súas culturas.

[Materiais sobre a xornada]

Hoxe é Mércores de Cinza

Terminado o Entroido vén o Mércores de Cinza, co que comezamos o tempo de Coresma, que nos levará até a Pascua, para celebrar a resurrección de Xesucristo.

O rito da imposición da cinza sobre as nosas cabezas é un símbolo deses que falan por si sós, que non necesitan explicación. E menos hoxe en día, que estamos tan afeitos ás incineracións de defuntos. Niso, nun puñado de cinza, é no que nos convertemos se Deus non ten misericordia de nós e sálvanos da morte definitiva.

Ás veces necesitamos ver as cousas de preto aínda que as saibamos dabondo. Sabemos que un día morreremos e que somos pecadores, pero sentir a cinza na nosa fronte e ouvir as palabras «convertédevos e crede na Boa Nova» (Cfr. Mc 1,15) ou «ti es po e ao po tes que volver» (Cfr. Xn 3, 19), fainos reaccionar dun xeito especial.

Por diante temos corenta días para achegarnos máis ao Señor e celebrar a súa resurrección e a nosa esperanza de resucitar un día con El. Non é calquera cousa, só El ten palabras de vida eterna.

Miguel Ángel Álvarez

Párroco da Fonsagrada

[Texto en castellano]

O meu paso polo Congreso de Laicos

Representantes da Diocese de Lugo no Congreso

Tiven a sorte de asistir ao Congreso de Laicos co grupo da Diocese de Lugo, e desde a miña pertenza a Misevi (Misioneiros Segrares Vicencianos), tocoume acompañar nunha das liñas temáticas do primeiro anuncio: Países de Misión, onde Misevi compartía a súa experiencia.

Poder compartir desde a asociación e a diocese é algo de agradecer ao Espírito, xa que ás veces no noso modo de vivir a fe, parecería que facemos incompatible a nosa pertenza á parroquia ou á diocese, coa pertenza a un determinado grupo ou asociación.

Creo que este simple feito recolle moitas das palabras que soaban forte no Congreso: sinodalidade, comunidade, forza do Espírito, a misión do laico, Igrexa en Saída.

Para min foi unha alegría, que se reflexionase sobre o laico misioneiro, en países de misión. Saíron liñas de reflexión moi interesantes, como o recoñecemento que nos debe a Igrexa a todos os niveis aos laicos misioneiros, a corresponsabilidade no envío, a necesidade de dar a coñecer esta vocación concreta. Espero que o documento final, onde se nos van a lanzar os retos podamos ver estas pinceladas sobre a misión.

E como laica da miña diocese, vexo tamén unha clara chamada a darlle a isto un aire novo, este é o noso momento!!! Así que toca saír de vellos esquemas, e desánimos e tratar de darlle un pouco de vida ao apostolado segrar de Lugo. Botamos de menos a moita xente, neste grupo que representabamos aos laicos de Lugo, e quizá sexa o momento de xuntarnos, e ver realmente como vivir este pos-congreso, como tomar os retos que os laicos de España lanzan. Así que o Espírito pronto nos chamará a todos, abramos o corazón, e deixémonos guiar, porque de nós depende que a reflexión deste Congreso, non sexa unha reflexión máis, senón que sexa unha faísca que reavive o noso ser laicos.

Ana López Castaño

[Relatorios do Congreso]

Rosario Mundial

O 20 de febreiro, con motivo do II centenario do falecemento de Santa Jacinta Marto faise a segunda edición do rosario mundial. Santa Jacinta Marto foi testemuña das aparicións da Virxe en Fátima. O lema desta ocasión é “Fai sorrir á Virxe”, con catro intencións de oración: pola paz, pola vida, pola familia e polos sacerdotes. A Basílica da Nosa Señora de Guadalupe en México é o santuario mariano que acolle os eventos centrais. Espérase a participación de millóns de persoas como ocorreu na primeira edición. A xornada está prevista que se inicie ás 17:00, hora local en México, e desenvolverase a través de tres momentos: Adoración Eucarística desde o Santuario de Guadalupe ao mundo, con transmisión en directo por diferentes medios de comunicación; o rezo do Santo Rosario durante a Adoración ofrecendo cada misterio por cinco intencións: polos nenos, polos mozos e adolescentes, polos esposos, pola vellez e polos sacerdotes. O Rosario realizarase en varios idiomas; e a Consagración ao Sagrado Corazón de Xesús e ao Inmaculado Corazón de María a través do método de San Luís María Grignion de Montfort. Adhesíóns na web de Mater Fátima.

A %d blogueros les gusta esto: