Concertos solidarios nas parroquias da cidade de Lugo

polifonia-por-kilos-wp

As corais de Lugo capital axudan aos máis necesitados da cidade, organizando unha serie de concertos solidarios denominados Polifonía por Kilos. Comezaron a pasada fin de semana na igrexa de San Francisco Xavier e seguirán nestoutras parroquias:

  • Centro parroquial As Fontiñas o 3 de decembro ás 18:30h os coros Xeral Calde e Lugh actúan no centro parroquial As Fontiñas.
  • Parroquia Sagrado Corazón o 4 de decembro ás 12h, co coro Cantardelas (Misa) e Orfeón Xoán Montes (concerto)
  • Parroquia San Antonio de Padua o 8 de decembro ás 12h: Coro San Antonio (Misa) e Coro Ecos do Miño Astelu (concerto)
  • Parroquia San Froilán o 10 de decembro ás 20:30h: Coro Ecos do Miño Astelu (Misa) e Coro Amigos del Camino (concerto)
  • Parroquia A Milagrosa o 11 de decembro ás 12:30h: Orfeón Xoán Montes (Misa) e Coro Xolda (concerto)
  • Parroquia San Lourenzo de Albeiros o 18 de decembro ás 12:45 h: Schola Gregoriana (Misa) e Coro San Antonio (concerto)

Aos asistentes só se lles pide que acheguen alimentos non perecedoiros, que logo serán repartidos na mesma Parroquia entre as familias máis necesitadas.

Taller de Solidariedade presenta o libro Filipinas. Tres historias de despertar

tres-historias-de-despertar

O luns 28 de novembro ás 19.30 h na cafetería O Pousadoiro de Lugo preséntase o libro Filipinas. Tres historias de espertar. Trala presentación haberá unha charla sobre o traballo realizado por Taller de Solidariedade -a ONG das Servas de San Xosé- e sobre os proxectos de cooperación nos que se enmarcan estas historias. No acto estarán Fernando Tomei, ilustrador do libro, e persoas que coñecen directamente estes proxectos.

Ademais, habilitaráse un espazo de venda de produtos de Comercio Xusto.

Algo máis ca unha foto

city-mall

No ano 2007 pedíronme que explicase a Globalización a un grupo numeroso de persoas que estudaban Biblia. Entendín que a mellor maneira de explicárllela era cos equipos de fútbol, xa que algún club tiña xogadores de 15 nacións de Europa, África, América e Asia. As camisetas levaban un logo vinculado a un país como Alemaña ou Estados Unidos, eran fabricadas en países pobres do terceiro mundo e a publicidade, que levaban escrita, estaba vinculada a outro país como Xapón, Qatar….

A primeiros de setembro de 2016 envíanme dende Honduras esta foto no City Mall (Centro Comercial) da cidade de S. Pedro Sula. Na foto vemos xuntos tres símbolos deportivos que aquí son fonte de fortes controversias, pero cando se trata de facer negocio á costa doutros non hai problema de ir en harmonía.

O primeiro símbolo é o da coñecida como “La Roja”, que emprega unha camiseta de Adidas (empresa creada por un dos irmáns Dassler, chamado Adolf: de aí Ad-i-Dass) que lle paga á selección española desde un mínimo de 10 millóns de € anuais ata 24, se hai éxitos deportivos, que en parte van para primas, luxos e despilfarros dos xogadores e directivos… pois esta camiseta custaba en Honduras 2000 lempiras, ó cambio 80 € (1 € = 25 lempiras). Na industria manufactureira hondureña con 10 ou menos traballadores o salario mínimo mensual é de 7619 lempiras, é dicir, para mercar a camiseta necesitan máis dunha semana de traballo. Unha camisa de vestir feita a medida custaba no país menos da metade. Calquera estudante de 1º de económicas sabe que para Adidas isto é un negocio rendible.

O 2º símbolo é o escudo do Barça nun coxín e o 3º o escudo do Real Madrid noutro coxín. Cando miramos as contas do Real Madrid da temporada 2013-14 vemos que ingresaron por merchandising, publicidade e patrocinios (ver foto) 247,3 millóns de €, o capítulo máis importante; por dereitos de televisión 199,9 millóns e por entradas só 129,8 millóns. Distribución de ingresos similares dáse no Barça. Tamén me enviaron foto de botellóns de refrescos de Honduras e Guatemala co escudo do Barça. Outros obxectos similares hai nese país e noutros dos que sacan beneficio os clubs.

Con ese diñeiro págase unha parte dos cerca de 40 millóns de € brutos do salario de Messi e Ronaldo, e tamén do de outros coma Neymar, Bale, Suárez, Benzema, Piqué, Ramos… Se temos en conta que arredor do 50 % do seu soldo o pagan en impostos, temos que uns cantos millóns van para a Facenda Pública, é dicir, para estradas, ensino, sanidade, soldo dos políticos, etc. Resulta que os hondureños (xunto con outros moitos pobres do mundo) pagan unha parte do supersoldo destes xogadores e tamén do que chamamos o “noso Estado do Benestar”, que non deixa de ser gran un espolio dos empobrecidos.

Read more

Encontro diocesano ao comezo do Ano Litúrxico

curso-pastoral

 O próximo 28 de novembro terá lugar en Silleda – O Corpiño un encontro de sacerdotes, consagrados e laicos para reflexionar e orar xuntos. O horario é  o seguinte:

  • 11:00. ACOLLIDA, ORACIÓN E DESENVOLVEMENTO DO TEMA: Vivir desde a fe. Vivir con fe”.

          Relator: Miguel López Varela, Delegado de Catequese de Santiago

          Lugar: Salón parroquial, casa reitoral de Silleda

  • 12:30. DESCANSO
  • 13:00. CELEBRACIÓN PENITENCIAL na igrexa parroquial de Silleda
  • 14:15. COMIDA FRATERNAL.
  • 17:00. EUCARISTÍA no Santuario do Corpiño

Desde Lugo ponse un servizo de autobús (o seu prezo é de dez euros), con saída ás 9:30 h da mañá da Praza de Bretaña.

É necesario apuntarse para a comida e o autobús no teléfono 982 21 42 65.

Mans Unidas Lugo organizou o acto solidario “24 horas”

mans-unidas-3

Coincidindo coa celebración do Xoves Eucarístico na Catedral de Lugo, o 24 de novembro Mans Unidas repartiu candeas a todos os asistentes, preparouse a monición de entrada, a ofrenda da luz no ofertorio e fíxose a lectura do manifesto. Ao final da celebración procesionouse coas candeas acesas.

Mans Unidas creou unha nova forma de ser solidario: as “24 horas”. E desde o comezo, quixo involucrar a todos no cambio das situacións de pobreza, fame, falta de educación, discriminación, etc. que ensombrecen o noso planeta, achegando luz, desenvolvemento e solidariedade ao mundo no que vivimos.

Esta IV edición das “24 horas” fíxose baixo o lema “Queremos Iluminar o mundo. Hai razóns. Non hai escusas”.

%d bloggers like this: