Presentación dun novo número da revista Lvcensia

O 30 de maio ás 18:30h na Aula Magna do Seminario Diocesano preséntase o último número da revista Lvcensia.

Durante a presentación intervirán o Sr. Bispo D. Alfonso Carrasco, o director da publicación D. Gonzalo Fraga e D. Ricardo Polín, investigador que falará do Hospital de San Gabriel en Vilabade (Castroverde).

Lvcensia súmase ás homenaxes tributadas a dúas entidades identificativas da cidade: C. B. Breogán e La Voz de Galicia, e lembra os descubrimentos de José Mª Penado en Santa Eulalia de Bóveda, hai 100 anos.

Nicandro Ares escribe sobre o hidrotopónimo Fondemera, o apelido toponímico Lestegás e o microtopónimo Penalumbre. Outro topónimo obxecto de estudo é o da Mosquera por parte do historiador Abel Vilela.

Sobre as tríades nas lendas da comarca do Deza escribe García Porral. E continúa a segunda parte do artigo de López Caldeiro sobre a vida cotiá en Vilartelín durante o Antigo Réxime. Tamén neste número ten continuación o tema dos conventos dominicos da Diocese de Lugo, que agora se centra no convento da Nosa Señora de Pantón e o convento de San Jacinto de Monforte de Lemos, un traballo de Prudencio Leza Tello e Pérez Formoso.

Outro tema tamén interesante é o da onomástica do bautismo no arciprestado de Bolaño estudado por Tamara González López.

Neste número David Varela reflexiona sobre as Xornadas de Teoloxía, que este ano invitaron a profundar na relación entre o cristianismo e o islam.

Lvcensia lembra o labor da lucense Teresa Losada f.m.m., coñecida como a monxa dos inmigrantes.

Gonzalo Fraga recorda neste número o valioso traballo dos segrares ao servizo da Catedral de Lugo. E José Molejón fálanos da capela musical.

Pechan a revista poemas do sacerdote Enrique Saavedra Lastra dedicadas ao Corpus lucense.

Mesa redonda sobre a reinserción de presos

O 26 de maio ás 19:30h no Centro Social Uxío Novoneyra de Lugo houbo unha mesa redonda organizada pola pastoral penal da Diocese e a asociación Alén da Reinserción.

  •  A directora de programas de Aliad Ultreia, Fátima Estua García, falou dos obradoiros para preparar a vida en liberdade, do piso de acollida para presos de permiso, dos itinerarios individualizados de inclusión e da intervención no contexto para promover iniciativas de cambio.

  • A Secretaria xeral de Cáritas Diocesana de Lugo, Mónica Yáñez Devesa, tamén foi enumerando a longa lista de programas que leva a cabo a entidade. Explicou que se centran na persoa, que é a protagonista, e tamén en como evitar a cronificación da situación desfavorecida.

  • O Director do Centro Penitenciario de Bonxe, Álvaro Nuevo García, distinguíu 3 posturas ante a prisión: ademais da oficial, retribucionista, está a opción abolicionista (por considerar, por exemplo, que o cárcere non reinserta) e a postura de quen pide encarceramento por todo.

  •  O técnico do Programa Reincorpora de Emprego para reclusos de Cruz Vermella, Marcos Rodríguez Vila, cando presenta a un recluso aos empresarios, desexa que quede clara a diferencia entre “ser” e “estar”: o empresario non ten diante a alguén que é un preso, senón que está preso, pero é un bo encofrador, un bo gandeiro… porque así é.

  • A técnica do Programa de Drogodependentes en institucións penitenciarias de Cruz Vermella, Montserrat García Orozco, falou dos plans personalizados que se aplican aos toxicómanos e que ao éxito de tales plans contribúe a coordinación diaria cos educadores da prisión, os médicos, os traballadores sociais, os funcionarios.

O debate sobre o relixioso na vida pública

Seminario Lugo

Limítome a expoñer algúns datos que considero necesarios para o debate sobre o relixioso na vida pública. A partir deles considero que é posible iniciar un diálogo fecundo. Dada a amplitude do tema, centrarei a miña reflexión na cuestión da educación. Cada ano, por este tempo, con motivo da elección de materias para o novo curso, observo estériles debates en torno ao Ensino Relixioso Escolar (en diante, ERE). Esta, como materia optativa que é, supera e gana, cada ano, un difícil referendo por parte dos pais e alumnos que a elixen maioritariamente malia os vaivéns que sofre cada vez que se fai unha nova lei ou decreto educativo. Desde unha perspectiva política é evidente que as leis de educación maltratárona por un forte sustrato ideolóxico. Ignorouse ás comunidades educativas e instrumentalizouse algo tan sagrado como é a educación producindo dolorosas consecuencias: interveuse excesivamente o maxisterio, alterouse a acción vocacional e desinteresada de moitos mestres e profesores, e xerouse, en pais e educadores, en xeral, un fastío e tedio desconcertantes.

Neste e outros contextos, constato escasa madurez e pouca información e formación sobre o debate relixioso na vida pública. A marxinación ideolóxica da filosofía, a teoloxía e as humanidades en xeral percíbese na escaseza de argumentos de moitos tertulianos e librepensadores. Algúns aínda están enfermos de nacionalcatolicismo, outros tratan ao fenómeno relixioso e á Igrexa Católica desde enfoques trasnoitados e viscerais. Desde estes fenómenos, a ERE viviu e vive entre un ambiente de desprezo e outro de respaldo legal froito duns acordos internacionais de fai case corenta anos, desde o dereito dos pais á educación relixiosa que maioritariamente queren para os seus fillos e unha serie de materias alternativas con case nulo contido académico.

Por exemplo, Martha Nussbaum, a filósofa estadounidense, premio Príncipe de Asturias de Ciencias Sociais 2012, nunha das súas obras (Sen fins de lucro) afirma con claridade que “o coñecemento sobre as numerosas tradicións relixiosas do mundo reviste importancia para o avance da democracia”. A necesidade de formación relixiosa pídea tamén a Asemblea Parlamentaria do Consello de Europa. A citada Asemblea recomenda ao Comité de Ministros que anime aos gobernos dos Estados membros a asegurar o ensino relixioso con criterios tan suxerentes como o dereito a que os alumnos descubran as relixións practicadas nos seus propios países e nos veciños, para que perciban que cada un ten dereito a crer que a súa relixión é a “fe verdadeira” e que os outros non son diferentes por ter outras crenzas. E tamén, que se lles proporcione aos mozos a formación relixiosa necesaria de maneira que lles capacite para dar razón das súas crenzas fronte aos partidarios do fanatismo relixioso.

A realidade é que en moitos países europeos, a ERE está moito mellor tratada que en España. Por exemplo, en Lituania, Luxemburgo, Suecia, Reino Unido, etc. o perfil curricular propón unha opción obrigatoria e nalgún destes países con valoración e exames públicos. E aquí, como sempre, tirando do carro dos erros que outros cometeron outrora. Oxalá o ceo inspire aos nosos políticos para pensar o cambio.

 

Mario Vázquez

Xornada Mundial das Comunicacións Sociais

Co lema “Comunicar esperanza e confianza nos nosos tempos” o 28 de maio, Solemnidade da Ascensión do Señor, celébrase a Xornada Mundial das Comunicacións Sociais. Con tal motivo, os bispos da Comisión Episcopal de Medios de Comunicación Social lembran que no terreo da verdade florecen todo o necesario para o desenvolvemento da humanidade: o amor, o coñecemento, o progreso, a alegría, a esperanza, a confianza. Nada diso hai na mentira ou no ocultamento da verdade. Estamos a tempo de permanecer na verdade como motor imprescindible da humanidade.

Como neste servizo á verdade, moitas persoas entregaron a súa vida, os bispos da Comisión Medios agradecen a súa xenerosidade e a súa entrega, e piden que “sexan recompensados coa Vida, polo Señor da Verdade. Os colaboradores da verdade, que se atopa en Xesucristo, camiño, verdade e vida, deben ofrecela aos contemporáneos. É o servizo que o Señor pediu no día da súa Ascensión ao Ceo: a boa noticia anunciada sementa esperanza e confianza nos nosos tempos”.

[Materiais da Xornada]

Concurso de fotografía sobre a Eucaristía e o patrimonio

No Concurso de fotografía que convoca o Centro Eucarístico Lucense poden participar todas as persoas que o desexen, cos seguintes temas.

  • O patrimonio relixioso cristián na Diocese de Lugo.

  • A Eucaristía en Lugo

    Cada participante poderá presentar antes do 1 de xuño un máximo de 4 obras (b / n ou cor) montadas en paspartú de 40×50 cm. As obras, que levarán anotado ao dorso título, nome, enderezo e teléfono do autor, serán entregadas na praza de Santa María 1, 27001 Lugo (Centro Eucarístico Lucense).

Cada apartado terá os seguintes premios:

Primeiro premio: 750 euros e trofeo

Segundo premio: 400 euros e trofeo

[Bases]

%d bloggers like this: