VII Xornada “Enxugar as bágoas”

O martes 31 de maio, Festa da Visitación de María a Santa Isabel, celébrase a VII Xornada Enxugar as bágoas: “Orar e acompañar a quen sufriron un sinistro de tráfico ou perderon a un ser querido”.

O Departamento de Pastoral da Estrada da Conferencia Episcopal desexaría unha seguridade viaria plena onde ninguén teña que sufrir por padecer un grave accidente ou perder a un ser querido, pero, mentres non chegue ese día, pídese non esquecer enxugar as bágoas a quen o necesiten.

Admisión de dous seminaristas como candidatos a ser ordenados

Seminaristas en camiño cara ao presbiterado: Jesús Ángel González e Salomón Andrés Nakhal Akal, o vindeiro martes 31 de maio ás 19:30 h na Parroquia da Milagrosa serán bendicidos nunha cerimonia (“admissio ad ordines”) como candidatos ás ordes sagradas. A celebración estará presidida polo Bispo Mons. Alfonso Carrasco. Salomón e Jesús Ángel son venezolanos e estudan en Lugo no Seminario Redemptoris Mater.

Jesús Ángel e Salomón contan como naceu neles a vocación, a partir do minuto 3:14 no programa da TVG Polo camiño da fe

A nova lei de educación

Educación. Como profe -desde hai pouco tempo- e como director pedagóxico -desde hai aínda menos tempo- quero hoxe falar deste tema. Desde que viñen a este mundo pasaron xa seis leis de educación. E como todo nesta vida: teñen os seus puntos positivos e negativos.

Con esta última normativa o primeiro que constato é que se equivocaron nos tempos; levamos semanas agardando decretos que regulen as etapas, claridade sobre as materias, como se configurará o vindeiro curso… E isto é unha mala planificación, sen máis. Aquí todos esperando a que sucedan as cousas. Se nos avisaron, sacabamos flocos de millo e sentabamos no sofá. Pretenderán que fagamos todo de présa e correndo. Se é que se ve vir…

A min non me importa moito que non haxa cualificación numérica final dunha materia, pero si que é un erro o tema da obtención do título da ESO. Que hai que maquillar cifras e que o abandono/fracaso escolar non sexa visible. O que debería quedar claro é que temos uns cocientes altísimos, nenos e adolescentes con dificultades para concentrarse e falta de madurez moi grandes, sen capacidade de xestión emocional, con problemas familiares moi gordos, moitos trastornos e enfermidades presentes, etc. Faltan recursos, faltan medios… Eu estou nun cole “pequeno” en canto a alumnos, pero grande en posibilidades, onde é máis doado acompañalos, coidalos, que crezan en todas as súas dimensións. É dicir, vendo esta realidade concreta e sabendo como é a situación doutros colexios, o que queda claro é que esta lei só vai de números, non de persoas. Segue importando máis o informe PISA que poder axudar aos nosos alumnos a crecer e formarse de maneira axeitada.

E falando de números, noto que as letras deixan paso á ciencia. Cada vez se afasta máis as humanidades, o pensamento, a razón, a historia… e iso é o que nos fixo grandes na historia! Porque un pobo só crece cando os seus cidadáns crecen, razoan e reflexionan sobre a súa vida e outros tantos temas. O demais é vivir detrás dunha masa, sendo un número.

E, por último, esta lei fala de esforzo por parte do alumno (disposición final primeira, artigo sexto, punto 4), mentres que o esforzo é o único que parece que non importa. Un paradoxo redondo, potenciando o que en verdade non fai falta.

Esta é a miña opinión. Moi reducida, moi pouco profundada neste lugar, con puntos positivos que vexo na lei, pero con máis desacertos e présas que outra cousa.

O peor: que todos esperamos a seguinte lei. Esa é a mentalidade que xeraron en nós, que isto sempre acaba sendo transitorio, cando é un dos elementos fundamentais da vida e crecemento da sociedade.

Nicolás Susena

[Texto orixinal]

Presentado o número 64 da revista Lvcensia

Lois Ladra, autor do primeiro dos artigos que inclúe a revista

O mércores 25 de maio presentouse no salón de actos do Seminario o número 64 da revista Lvcensia. O acto estivo presentado por Luis Varela e o director da publicación, Gonzalo Fraga encargouse de dar a coñecer os contidos.

Interveu Lois Ladra, autor no número que se presenta dun traballo titulado “O adiviñanceiro popular do Corgo”. Na súa intervención explicou que “ademais de revisar todas as fontes documentais, fontes escritas tanto inéditas como publicadas, tamén temos que contar co traballo do alumnado dos centros escolares. É un traballo libre, voluntario e extraacadémico. Quen quere apúntase e cubre uns cuestionarios. O tempo no que estivemos encerrados vímolo como unha oportunidade para facilitar o comunicación entre pais, fillos e netos e facer a recollida nos anos 2021 e 2022. O traballo realizado pode usarse como base para unha proposta didáctica para os centros de ensino primario e secundario. E tamén se trata de que o material quede rexistrado no 2022 e non se perda nun futuro”.

Pechou o acto o Vicario Xeral da Diocese, Mario Vázquez, que transmitiu unhas verbas de alento “ao Consello de Redacción de Lvcensia, aos asesores e a todos os colaboradores, para que non decaia tan inxente labor de investigación e tanto esforzo realizado durante 32 anos. Somos xa, por Lvcensia, membros dunha comunidade perseverante que non cansa de traballar e loitar pola cultura local. Isto é, sen dúbida, un dos mellores xeitos de entender a cultura universal e a pluralidade. Os lectores deste número fará gozar cos retazos da historia da cidade, da provincia, da Diocese”.

Semana Laudato Si’

As comunidades católicas de todo o mundo están a celebrar do 22 ao 29 de maio a Semana Laudato Si’ 2022 para participar no coidado da casa común. O tema este ano é «Escoitar e camiñar xuntos», a partir da cita da Laudato Si’ do papa Francisco: «Unir á familia humana para protexer a nosa casa común» (LS 13).

A Semana Laudato Si’ 2022 marcará a cuarta celebración mundial da Semana Laudato Si’ (2016, 2020, 2021) no sétimo aniversario da encíclica do papa Francisco sobre o coidado da creación e une durante esta semana aos 1.300 millóns de católicos do mundo, para escoitar e responder o clamor da creación de Deus e ao dobre desafío da emerxencia climática e a crise ecolóxica.

A nova Plataforma de Acción Laudato Si’ do Vaticano quere axudar ás institucións católicas, ás comunidades e ás familias para levar a Laudato Si’ á vida.

Cada día da semana -segundo a mensaxe do papa para 2022- está centrado nun destes obxectivos da Laudato Si’: resposta ao clamor da Terra, resposta ao clamor dos pobres, economía ecolóxica, adopción de estilos de vida sustentables, educación ecolóxica, espiritualidade ecolóxica e resiliencia e empoderamento da comunidade, que se poden levar a cabo xuntos desde diversos ámbitos: as familias; parroquias e dioceses; escolas e universidades; hospitais; empresas e sociedades agrícolas; organizacións, grupos e movementos; comunidades relixiosas. E todo iso, traballando xuntos para crear un mundo máis inclusivo, fraterno e sustentable.

A semana concluirá o 29 de maio co lanzamento oficial da Plataforma de Iniciativas Laudato Si’.

A %d blogueros les gusta esto: