A imaxe peregrina da Virxe dos Ollos Grandes en San Lourenzo de Albeiros

Do 2 ao 9 de febreiro a parroquia de San Lourenzo de Albeiros acolle a imaxe peregrina da Virxe dos Ollos Grandes. Os actos desta semana mariana son:

  • Domingo 2 ás 11,45h acóllese a imaxe peregrina. Misa dos nenos.

  • Luns 3: María, a nosa Nai. Testemuño mariano, con D. Luciano Armas (párroco da Nova), ás 7,30 da tarde.

  • Martes 4: María, construtora de comunidade. Película de vídeo: A nosa Diocese, con D. Miguel Álvarez (párroco de S. Froilán), ás 7,30 da tarde.

  • Mércores 5: María, amiga e modelo de mocidade. Celebración da Palabra cos mozos. Coa Delegación de Mocidade. 8 da tarde

  • Xoves 6: María, velaquí ao teu Fillo. Exposición do Santísimo. 7,30 da tarde

  • Venres 7: María, amiga e modelo de mocidade. Celebración da Palabra cos mozos e seminaristas maiores. 8 da tarde

  • Sábado 8: Procesión de Candeas e Rosario fóra do templo. Ás 7,30 da tarde.

  • Domingo 9: Despedida da imaxe na Misa de 11,45 e 12,30. 

Miguel Ángel Álvarez: Os sacramentos, algo máis que un acto social

Falar de sacramentos non é algo estraño na maioría da poboación. Así, dicimos: “O domingo é o bautizo do meu sobriño”, “este ano teño dúas vodas”, “o domingo teñen os nenos catequese de Primeira Comuñón”, “pasadomañá son as confirmacións”, ou “o día da miña voda”…

Son expresións que se oen a calquera hora, e que reflicten como os sacramentos están presentes na vida das persoas e da sociedade, e, tamén, como condicionan aos “convidados” a estas celebracións.

Pero, a abundancia non é sinónimo de calidade, nin de que esteamos a facer ben as cousas. Por iso, a miúdo, os sacramentos quedan reducidos só a un acontecemento social.

Vaiamos, un día máis, ás palabras do Papa na encíclica Lumen Fidei, que nos di no número 40: “O espertar da fe pasa polo espertar dun novo sentido sacramental da vida do home e da existencia cristiá, no que o visible e material está aberto ao misterio do eterno”.

Dicimos ás veces que o urxente non é sempre o importante, pero neste caso, é urxente tomarse en serio o importante. E importante é a vida sacramental dos cristiáns.

Os sacramentos son para transformar nosa “vida vella” nunha “vida nova”. Posiblemente esteamos durmidos e por iso necesitamos espertar a un novo sentido sacramental da nosa existencia.

Sen este espertar, seguiremos facendo festa cada vez que celebramos un sacramento, pero, sen dúbida, non estaremos a aproveitar todos os beneficios que o Señor trata de darnos a través destas accións salvíficas.

Miguel Ángel Álvarez Pérez, Párroco de San Froilán – Lugo

Xornada para a Vida Consagrada

Xornada para a vida consagrada

Eucaristía na Catedral de Lugo o 1 de febreiro ás 17h.

Esta xornada ten como obxectivos dar grazas a Deus polo don da vida consagrada á Igrexa e á humanidade; promover o seu coñecemento e estima entre o Pobo de Deus; convidar a cantos dedicaron totalmente a súa vida á causa do Evanxeo a celebrar as marabillas que o Señor realiza nas súas vidas.

Ese día agradécese a Deus polas ordes e Institutos relixiosos dedicados á contemplación ou ás obras de apostolado, polas Sociedades de vida apostólica, polos Institutos seculares, pola Orde das virxes, polas novas formas de vida consagrada.

Lema: A alegría do Evanxeo na vida consagrada.

A alegría na vida consagrada procede da fe, que á súa vez provén da acollida da Palabra de Deus. 

Curso de monitor na Fundación O Noso Lar

A Escola Rural de Tempo Libre organiza un curso de Monitor de tempo libre para 20-25 persoas.

– Lugar: Fundación O Noso Lar – San Román de Lousada – Samos
– Reserva de praza: por rigorosa orde de inscrición.
– Prezo: 209 €. Posibilidade de pagamento en dous prazos.
+info: 982.80.41.49 (en horario de oficina)
– Duración: 200 horas repartidas nos seguintes días:

FEBREIRO: 1, 2, 8, 9, 15 e 16.

MARZO: 1, 2, 3, 4, 8, 9, 15 e 16.

ABRIL: 5, 12, 13, 14, 15 e 16.

 

Colexios relixiosos de Lugo celebran o Día da Paz

Paz

O 30 de xaneiro todos os colexios relixiosos de Lugo celebran o Día da Paz cunha marcha pola Muralla de 650 persoas baixo o lema: vive, contaxia e sementa a Paz.

Cada colexio escolleu unha persoa ou grupo de persoas dun continente que dalgunha maneira contribúe a consecución da paz e/ou prestou axuda as vítimas da violencia. Elaboraron un dorsal coa personaxe ou grupo que vai representar.

A hora de saída é as 12:00h. no atrio da Catedral e conclúese coa lectura dun manifesto elaborado polos alumnos/as dos colexios.

%d bloggers like this: