Lugo, cidade eucarística

Cando un home de negocios quere acrecentar os seus ingresos, procura mellorar as instalacións da súa empresa, o primeiro que fai é buscar un técnico que lle proporcione o proxecto para este fin, por aquilo de que na dinámica humana, a idea precede á execución da obra. En función do proxecto concibido, procurará os materiais a utilizar para que todo resulte conforme ao proxecto elaborado polo técnico.

Este comportamento cualifica positivamente ao empresario, porque o seu xeito de actuar reflicte o comportamento do Señor, que ao crear o universo, pensou facer feliz ao home, ao cal lle regalou un mundo paradisíaco, expresión do infinito amor que lle movía a tal comportamento co seu amigo da terra. Moi rico é o mundo que Deus creou, e moi fermosa a terra, morada do home; o sol que a ilumina; as flores que a perfuman; o branco pan que nos alimenta… Pero os homes tamén temos corazón e “non só de pan vive o home “. Os homes somos froito do amor de Deus, e soamente o amor é capaz de satisfacer os nosos corazóns amasados en amor; os nosos sentimentos necesitan nutrirse de agarimo, e os xardíns exhalan perfume, pero non nutren os nosos afectos, e as súas flores recrean os nosos sentidos, pero non converten os sentimentos de gratitude en espíritos adoradores… Esta é a vocación dos lucenses: ser adoradores de Xesús Eucaristía, presente entre nós.

Cando nos achegamos a un organismo oficial para xestionar algún asunto de importancia, o persoal de servizo pídenos que nos identifiquemos; que demostremos que somos quen dicimos ser. Algo así nos ocorre aos lucenses: dicimos que Lugo é a “Cidade das Murallas”, e facémolo ver mostrando a nosa urbe rodeada dun cinto pétreo, construído polos romanos, alá polo século IV. Dicimos tamén que Lugo é “A Cidade do Sacramento”, porque desde tempo inmemorial, está exposto Xesús Sacramentado, no altar maior da nosa Catedral Basílica. Pero, sobre todo, temos que poder dicir que os lucenses somos cristiáns eucarísticos, non documentalmente, senón vivencialmente. Os lucenses demostraremos que somos cristiáns eucarísticos, se visitamos con frecuencia ao Señor, exposto día e noite na nosa Catedral; se potenciamos o culto ao Santísimo, inscribíndonos nalgunha das asociacións eucarísticas: Adoración Nocturna; Confraría Sacramental… e, sobre todo, valorando e agradecendo a singular presenza de Xesús Sacramentado entre nós.

Noutros tempos, Xesús fixo baixar do ceo “maná” para saciar a fame dos israelitas no deserto. Xesús multiplicou milagrosamente os pans e os peixes para dar comida ás multitudes que o escoitaban no monte. Finalmente, na Última Cea, Xesús mesmo fíxose Pan de Vida, para que nos comulgantes abunde a vida sobrenatural.

Moito amor ten que haber no corazón de Xesucristo, para chegar a tanta entrega; e moito amor pídesenos aos lucenses para corresponder a tal xenerosidade. Pero só así nos identificaremos como cristiáns eucarísticos, se adoramos ao Señor, presente nos nosos sagrarios, e buscámolo como fonte de graza e de vida.

Indalecio Gómez

Cóengo da Catedral

[Artículo en castellano]

Encontro en Lugo da Unión Eucarística Reparadora de Galicia

O sábado 10 de xuño 85 persoas procedentes de Vigo, Ferrol, A Coruña, Santiago, Pontevedra e Lugo terán un encontro baixo o título “A Eucaristía, un corazón que latexa”. Son integrantes da Unión Eucarística Reparadora (UNER), fundada por San Manuel González. O asesor relixioso da UNER de Madrid, Miguel Angel Arribas, dirixirá o encontro, que pola mañá terá lugar no Seminario, onde se tratarán, entre outros, os seguintes temas: Eucaristía é vida, fe, caridade, servizo, paz, luz. E pola tarde celébrase a Eucaristía e haberá momento de adoración na Catedral

Todos estes actos, que comezan as 10:30 h e conclúen ás 18 h, están organizados por UNER  Sagrarios Calvarios Lugo.

Xornada de formación sobre a Eucaristía

O 23 de maio tivo lugar a última das sesións que durante este curso adicáronse a profundar na Eucaristía da man do licenciado en Teoloxía Litúrxica José Sánchez Piso.

Sánchez Piso fixo notar que a fracción do pan é un intre do rito de comuñón que pode pasar desapercibido: “Cando Xesús di “facede isto en conmemoración miña”, a Igrexa sempre entendeu que non era repetir as palabras, que era facer catro verbos: tomou, bendiciu, partiu e deu. A fracción do pan é un deses catro verbos que configuran o que é unha Misa”. É por iso polo que debe dárselle importancia: “Fracción do pan quere dicir utilidade, pois como inicialmente se empregaba un pan grande facía falta partilo para poder repartilo entre todos. Tamén significa que comungamos todos do mesmo pan, únenos, por iso é tradición. E é un Cristo entregado na cruz, roto, partido por nós na cruz”.

Sánchez Piso sinalou outro aspecto fundamental da celebración que temos moi esquecido: os silencios. “Ao principio, cando vai empezar a Misa, un pouquiño de silencio para ver que imos celebrar. No acto penitencial, un pouquiño de silencio para que nos dea tempo, non digo facer exame de conciencia, pero polo menos para recoñecernos pecadores no noso interior ante Deus. Despois da Palabra de Deus, un pouquiño de silencio para pensar o que se nos acaba de proclamar. E tras a antífona de comuñón, un pouquiño de silencio para rezar”.

Escola de formación sobre a Eucaristía

O 7 de marzo no salón de actos do Seminario tivo lugar a terceira sesión da Escola de formación sobre a Eucaristía. O licenciado en Teoloxía Litúrxica José Sánchez Piso deu unha explicación sobre o ofertorio e a pregaria eucarística.

Hai catro expresións que constitúen o fundamento da Eucaristía: coller o pan, bendicilo, partilo e dalo. Estas 4 accións seguidas aparecen tamén na multiplicación dos pans e dos peixes (Mt 14, 19) e cando Xesús se manifesta a dous discípulos (Lc 24, 30).

Igual que no comezo da Misa, sobre todo na solemne, hai unha procesión, un canto e unha oración, tamén no ofertorio hai unha entrada, un canto (chamado precisamente ofertorio) e a oración.

Ademais da pregaria eucarística por excelencia -canon romano- hai varias opcións: pregarias eucarísticas II, III, IV. Por sinalar algunha diferencia, dicir que no canon romano insístese máis en que se está ofrecendo un sacrificio a Deus e nas pregarias II, III, IV está menos ausente a mención ao Espíritu Santo que no canon romano.

A seguinte sesión da Escola sobre liturxia será o 23 de maio, que tratará sobre o rito da comuñón.

Primeira sesión da Escola de Formación sobre a Eucaristía

O 22 de novembro comezou a Escola de Formación sobre a Eucaristía que a Delegación de Laicos, Familia e Vida organiza este curso, con sesións bimestrais. Na primeira, o licenciado en Teoloxía Litúrxica, José Sánchez Piso, explicou os ritos introdutorios.

Cando se fala das partes da Misa debe facerse desde a espiritualidade, a tradición, a teoloxía, o dereito, a estética, as rúbricas,…

Nun momento da súa intervención referiuse Sánchez Piso a un cambio: “o Misal actual substitúe a fórmula “Preparado o sacerdote…” por “Congregado o pobo…”. Non significa que o sacerdote non deba estar preparado, pero está poñendo o acento no pobo. Xa non é a Misa do cura á que asisten algúns, senón que é a Misa da Asemblea presidida polo ministro ordenado. Como facer que realmente unha morea de individualidades que viñeron da súa casa fagan unha asemblea de verdade? Para iso importa o canto de entrada, que acompaña a unha procesión, ás veces reducida simplemente ao camiño desde a porta da sancristía ata o altar pero outras veces celebrada con solemnidade. E temos os 3 elementos cos que empeza a Eucaristía: a procesión, cantando, para rematar cunha oración. Este esquema é clásico no culto católico, xa fala diso San Agostiño”.

Sobre a oración colecta, Sánchez Piso explicou o motivo de ter ese nome: “chámase así porque recolle o sentido da celebración e as oracións dos fieis. Porque o sacerdote di “Oremos” e para iso hai que facer un intre de silencio e orar”.

Nunha colecta hai distintas partes: “unha invocación (O Deus, Pai eterno…) mencionando a Deus a algún atributo seu. A continuación vén o memorial, que é lembrar un feito salvífico realizado por Deus (Encarnación….). Despois vén a petición e finalmente a conclusión. Nesta dise “Por Xesucristo o Noso Señor” porque as peticións non as facemos a Xesús senón ao Pai eterno, pero nós non somos dignos de dirixirnos ao Pai eterno, polo que ao final de calquera oración dicimos que se facemos a petición é porque poñemos a Xesús como intercesor”.

A %d blogueros les gusta esto: