Xubileu no Corpiño das persoas que se dedican á protección animal e da natureza

domingo 21 terá lugar o Xubileu das persoas que se dedican á protección animal e da natureza, e tamén se fará a bendición ao finalizar a Eucaristía das 12:00 horas.

O mércores 17 de xaneiro celébrase a festividade de San Antón Abade, protector dos animais. Por iso, ao finalizar a Eucaristía das 18:00 h farase a bendición dos animais.

Próximos xubileus

O domingo 28 ás 12h Xubileu dos medios de comunicación e o día 30 (Día escolar pola non violencia e a paz) será ás 11h o Xubileu da ensinanza, celebrándose unha xornada de convivencia con colexios.

Da xenofobia á “xenofilia”

Nos últimos tempos na Opinión Pública parece que non hai lugar para os migrantes, sobre todo para cooperar con eles á solución dos seus problemas dende a solidariedade. Esta é a forza dos pobres, xa que pobre + pobre +… = forza solidaria.

A Santa Sé segue convocando aos Católicos, e a toda persoa de Boa Vontade, a ter un día para os migrantes co fin de que revisemos o trato que lles dispensamos e, despois, profundizar no compromiso solidario facilitando a súa incorporación á vida social do país con tódolos seus dereitos.

Non deixa de sorprender que, a pesar de ser xa a 104 Xornada Mundial das Migracións, teña esta tan pouco arraigo na vida das comunidades cristiás e na vida social. Por outra parte a ONU tamén leva convocadas xa 18 Xornadas Mundiais das Migracións, pero faino o día 18 de decembro. Na Igrexa celébrase en xaneiro o domingo posterior ó Bautismo de Xesús, despois do día da Adoración dos Reis Magos, tempo no que temos presente a fuxida de Xesús para converterse nun refuxiado en Exipto (Mt. 2, 13-15), feito que lembra o Papa Francisco na mensaxe deste ano.

Na actualidade vemos que en Europa emerxen movementos sociais xenófobos, que non son aceptables por tres razóns:

1) Son unha negación dos Dereitos Humanos, xa que o artigo 13.2 recoñece o dereito a emigrar e volver ao país.

2) Negan a ciencia, pois o ADN mitocondrial revélanos que somos unha soa humanidade descendentes dunha única “Nai” (Eva), por tanto, somos da mesma familia.

3) Tamén van contra a esencia do cristianismo, xa que cremos nun Deus Pai-Nai común (Noso), nun único Salvador, Xesucristo, e nun único Espírito Santo que nos vivifica.

Por iso é de razón e de xustiza rexeitar a xenofobia e promover a XENOFILIA (e pedir que se inclúa a palabra no dicionario da RAE como xa o está noutros dicionarios).

Na mensaxe deste ano o Papa úrxenos aos membros da Igrexa Católica a asumir unha grave responsabilidade ante os migrantes cando escribe: “A cada ser humano que se ve obrigado a deixar a súa patria na busca dun futuro mellor, o Señor confíallo ao amor maternal da Igrexa”. A pregunta para un autodiagnóstico que debe facer cada un dos Católicos é: Temos este amor maternal para cada migrante?. Pero tamén urxe a todos a ter unha ética na vida sociopolítica, é dicir, a ser humanistas en serio cando afirma, citando a Bieito XVI (Cáritas in Veritate 47), que: “O principio da centralidade da persoa humana (…) obríganos a antepoñer sempre a seguridade persoal á nacional”. Dito doutra maneira, as persoas son o primeiro, son sempre un fin e nunca un medio.

A actual mensaxe de Francisco está redactada en torno a catro verbos, que son: ACOLLER, PROTEXER, PROMOVER e INTEGRAR aos migrantes e refuxiados. Na mensaxe vai propoñendo moitas accións concretas como que poidan abrir contas bancarias, teñan dereito a ter sempre consigo os documentos de identidade, dereito de reunificación familiar (inclúe avós, irmáns e netos), a abrir corredores humanitarios, ter unha nacionalidade desde o nacemento, dereito a asistencia sanitaria, liberdade de profesar e practicar a propia fe, inserción sociolaboral…

O Papa lembra tamén o compromiso que os Estados asumiron no cumio das Nacións Unidas do 19 de setembro de 2016 para elaborar e aprobar antes do fin do ano 2018 dous pactos globais, un dedicado aos refuxiados e outro aos emigrantes.

Así que entendo que todo cidadán, se non quere ser un perigo para a convivencia social (nese caso a sociedade tería dereito a defenderse del), debe ser ético e xusto e, por tanto, ter claro que os migrantes son persoas e non forza de traballo, que a persoa migrante ten a mesma dignidade humana e os mesmos dereitos humanos cós demais, que tamén teñen dereito a emigrar e igualmente teñen dereito a permanecer no propio país, e nos dous casos poder conseguir un nivel de vida digno.

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado

Na mensaxe do Santo Padre Francisco para a Xornada Mundial do Migrante e do Refuxiado deste domingo 14 de xaneiro articula a necesaria resposta a esta cuestión en torno a catro verbos: acoller, protexer, promover e integrar.

Acoller significa, ante todo, ampliar as posibilidades para que os emigrantes e refuxiados poidan entrar de modo seguro e legal nos países de destino.

Protexer xa na patria natal, dando informacións veraces e certas antes de deixar o país, e evitar as prácticas de reclutamento ilegal. No país de inmigración: asistencia consular, dereito a ter sempre consigo os documentos persoais de identidade, acceso equitativo á xustiza, posibilidade de abrir contas bancarias e garantía do básico para a subsistencia vital. Para quen deciden regresar á súa patria, facilitar a reinserción laboral e social.

Promover. Que todos os emigrantes e refuxiados, así como as comunidades que os acollen, poidan realizarse como persoas en todas as dimensións (relixiosa…) que compoñen a humanidade querida polo Creador.

Integrar. Para formar sociedades e culturas, facendo que reflictan cada vez máis os multiformes dons de Deus aos homes. Este proceso pode acelerarse mediante o ofrecemento da cidadanía, desligada dos requisitos económicos e lingüísticos, e de vías de regularización extraordinaria, aos emigrantes que poidan demostrar unha longa permanencia no país.

[Ver texto completo]  [Outros materiais]

Peregrinación a Terra Santa

Organizada polas parroquias da Milagrosa e San Antonio de Padua, do 19 de febreiro ao 1 de marzo de 2018 hai unha peregrinación a Terra Santa (Israel e Xordania). O programa é o seguinte:

Luns 19. A CORUÑA – MADRID – TEL AVIV

Saída 3.30 h PARROQUIA A MILAGROSA.

Visítase YAFO, a antiga Jope, o máis fermoso suburbio de Tel Aviv e o porto de Salomón.

Martes 20 TEL AVIV – CESAREA – HAIFA – CARMELO – TABOR – TIBERÍADES

Mércores 21. TIBERIADES – XORDAN – LAGO DE GALILEA – NAZARET – CANA

Xoves 22. XORDANIA – XERASA – MONTE NEBO – MADABA – AMMÁN

Venres 23. AMMÁN – WADI RUM. Aquí durmirase no medio do deserto en tendas con cea e espectáculo beduino.

Sábado 24. WADI RUM – PETRA – MAR MORTO

Domingo 25. MAR MORTO – MASADA – QUMRÁN – XERICÓ – XERUSALÉN

Luns 26. XERUSALÉN

Visita ao Monte das OLIVEIRAS, ao lugar da Ascensión, a gruta do Pai noso… Tamén se percorrerá a XERUSALÉN NOVA

Martes 27. XERUSALÉN – EIN KAREM

lMONTE SION, para visitar o Cenáculo, a Tumba de David, e celebrar a Eucaristía. EIN KAREM é a patria de Xoán Bautista

Mércores 28. XERUSALÉN – BELÉN – MURO DAS LAMENTACIÓNS de XERUSALÉN

Xoves 1 de marzo. XERUSALEN – TEL AVIV – A CORUÑA

Percorrerase a VIA DOLOROSA, cumio da viaxe: seguindo os pasos da Paixón, Morte, Resurrección de Xesús: estacións da Vía Dolorosa, Calvario, Santo Sepulcro coas súas diversas Capelas e Santuarios: Celebración da Eucaristía. Traslado ao aeroporto, voo en liña regular. TEL AVIV/16.05h -MADRID/20.15h – 21.40h – A CORUÑA/22.55h. Continuación da ruta en autocar ata o punto de orixe.

Deus como antídoto

Sospeito que xa nos estamos acostumando a ver todos os días casos de violencia de todo tipo: de xénero, escolar, abusos sexuais, acoso nas redes sociais, insultos, apoloxía de agresións, etc. E igualmente, tamén nos estamos afacendo ás mostras de repulsa, que case facemos de oficio: unha declaración, un manifesto, un lazo, unha cor, unha pancarta, unha concentración de apoio…

Ata parece que esperamos este tipo de noticias do mesmo xeito que as indicacións do informativo meteorolóxico: “a ver onde chove hoxe” ou “a ver onde asasinan hoxe a outra muller”. Polo mesmo, falamos igual do tempo que dos casos de violencia ou de viños. Todos sabemos de todo e todos opinamos de todo, buscando as causas, pois as consecuencias están á vista.

Con todo, creo que estamos fallando ao apuntar as causas desta espiral de violencia, que segue aumento e que para nada son xa casos illados. Probouse coa „Educación para a cidadanía“, pero non estamos vendo resultados. As campañas de concienciación en favor da paz, a non violencia e o respecto dos dereitos humanos son moi abundantes e, de feito, a sociedade está moi sensibilizada con este tema, pero con demasiada frecuencia temos que presenciar sucesos terribles, nos que o denominador común é a violencia, que terminan coa vida de moitos ao longo do ano.

A miña perspectiva histórica é reducida, só duns 40 anos. Se miramos atrás vemos como a violencia foi aumentando na mesma medida na que descendeu a presenza de Deus na sociedade. Dito doutro xeito, apartamos a Deus das nosas vidas e introduciuse, sen decatarnos, a violencia. Sen Deus impera a lei da selva, que xa sabemos en que consiste: as únicas normas son a da forza e a do propio interese.

A isto teriamos que engadir as descoñecidas consecuencias da ditadura do relativismo e do políticamente correcto.

Termino con dúas citas bíblicas que avalan o título deste artigo.

“Moisés fixo unha serpe de bronce e púxoa sobre un mastro, e se alguén fora mordido por unha serpe, miraba fixamente a serpe de bronce e vivía.“ (Nm 21, 9)

“Coma Moisés alzou a serpente no deserto, así debe ser alzado o Fillo do Home, para que todo o que cre nel, teña vida eterna. Pois de tal xeito amou Deus o mundo, que lle deu o seu Fillo Unixénito, para que todo o que cre nel non se perda, senón que teña vida eterna.

Non mandou Deus o Fillo ó mundo para que xulgue o mundo, senón para que por el se salve o mundo. O que cre nel, non é xulgado; mais o que non cre, xa está xulgado, porque non creu no Fillo Unixénito de Deus. Nisto consiste o xuízo: en que, vindo a luz ao mundo, os homes escolleron a tebra en vez da luz, pois as súas obras eran ruíns. Pois todo o que fai o mal, odia a luz e non vén cara á luz, para que non o delaten as súas obras. Polo contrario, o que obra a verdade vén cara á luz, para que se vexan as súas obras porque están feitas como Deus quere“. (Xn 3, 14-21)

 

Miguel Ángel Álvarez Pérez

Párroco de A Fonsagrada

Imaxe: Elentir

A %d blogueros les gusta esto: