Presenza da arte lucense na exposición “Galicia pétrea”

A exposición Gallaecia Petrea, que permanece aberta ata o mes de decembro no Museo da Cidade da Cultura de Galicia, mostra o total do corpus de obras prestadas pola Diocese de Lugo.

Na sección de Prehistoria, hai unha dobre eixola e unha maza triangular de pedra puída, ambas as pezas do período calcolítico procedentes do Museo Catedralicio-Diocesano.

Pódese contemplar tamén, na sección de Medievo, a reprodución do famoso Crismón de Quiroga e unha peza excepcional do patrimonio galego: os restos do Cancel de Saamasas [VII-VIII].

Na sección de Moderna pódese ver outra obra cume do patrimonio galego, o Frontal pétreo da igrexa de san Salvador de Vilar de Donas -Palas de Rei-, ademais, poderase contemplar o Escudo do Antigo Reino de Galicia [s.XVI], unha Fonte de Auga Bendita [s.XVIII], e dous alabastros excepcionais: un coa representación da Virxe co Neno [s.XVI] e o outro coa imaxe da Inmaculada Concepción [s.XVIII].

As parroquias de Santa María de Torbeo e San Salvador de Vilar de Doas, o Museo Catedralicio-Diocesano, a Catedral de Lugo e a Diocese de Lugo, colaboran así con esta exposición para dar a coñecer o valioso patrimonio artístico lucense.

Publicado o último número do Boletín do Bispado

Acaba de saír à luz o último número do Boletín Oficial do Bispado de Lugo correspondente ao segundo trimestre do ano en curso.

A primeira parte inclúe información diocesana: escritos do señor Bispo, como a homilía na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento; nomeamentos de delegados e subdelegados, acta do último Consello Presbiteral, axenda do Bispo e noticias diocesanas.

Na segunda parte do Boletín incorpóranse textos da Conferencia Episcopal, como o recentemente publicado baixo o título A verdade do amor humano. Orientacións sobre o amor conxugal, a ideoloxía de xénero e a lexislación familiar, e textos da Santa Sé, como as Normas para proceder no discernimento de presuntas aparicións.

O Bispo pronunciou o relatorio inaugural do curso Raíces cristiás de Europa

A Asociación Católica de Propagandistas (AcdP) celebrou en Covadonga o V curso de verán, sobre Raíces cristiás de Europa.

Entre os relatores estaba o Bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco, cuxo tema era a nova evanxelización, sobre a que dixo que «é o anuncio do amor de Deus e a vitoria de Xesucristo». Na primeira parte da súa intervención, expuxo as ideas filosóficas que desde o século XVII negan a intervención de Deus na Historia.

Tamén dixo que «a misión dos cristiáns do terceiro milenio é anunciar que Deus interveu positivamente na Historia cun amor inmenso que se fixo carne na figura de Xesucristo».

Día de San Xoaquín e Sta. Ana, Día dos avós

O 26 de xullo é San Xoaquín e Santa Ana, entrañable parella considerada como os pais da Virxe María e que representa a todos aqueles que poñen un especial acento de tenrura na vida dos seus netos e teñen con eles esa sintonía tan característica entre a vida que empeza e a que declina.

Hai moitas razóns polas que os avós ben merecen ter polo menos un día de homenaxe ao ano. Aquí lembramos algunhas delas.

Espírito de ponte. Os avós encarnan este espírito ao ser enérxicos e conciliadores á vez. Conciliadores ser renderse deseguida, firmes sen peder o sorriso. E sendo así un avó, a familiar elixirao como árbitro, cando se necesite un pacificador. Pero isto non é doado, porque o avó pode ser unha ponte insegura se transixe todo ou unha ponte pechada se cae no extremo oposto.

A tranquilidade é unha cualidade moi apreciada cando un neto quere pedir un consello. Os avós soen ter máis paciencia cós pais, fanlles máis caso aos netos os avós cós pais e incluso poden comprendelos mellor e desa maneira aconséllanos con máis tranquilidade. Unha adolescente dicía: “Cos avós pode falarse de todo o que se queira sen que se enfaden decontado”. A este permanecer tranquilos axuda o non ter tantas responsabilidades educativas. Pero aquí tamén hai as súas dificultades, pois hai que esforzarse para non contradicir a educación que dan os pais.

A paciencia, o sentido da limitación. Os netos son bombardeados pola publicidade coa idea de que non hai que agardar nada para conseguir o desexado. Os avós contrarrestan isto facendo ver que non todo é posible e incluso o posible ás veces é discutible.

Transmisores da fe. Ás veces a unha persoa maior os fillos encárganlle que se ocupe da educación relixiosa dos netos. Outras veces, os fillos opóñonse a que interveñan os avós nese ámbito. E entón non queda outra que manter un comportamento de crentes e facelo con coherencia. Aínda que un neto esaxere nalgunha ocasión cando di algo como “meu avó vai a misa pero fala mal dos demais, non me parece lóxico” o mellor é que o avó non dea pé para pensar así.

Aseguran a continuidade humana. Os avós poden ocupar moito tempo da vida dos netos. E das moitas cousas das que falan están as lembranzas do pasado do avó. E así, sen decatarse, o neto aprende que as cousas non sempre foron como son agora.

Sabedoría. O neto poderá manipular instrumentos mellor có avó, poderá ter algún dato máis, pero o avó sabe vivir, comprender a existencia humana. O avó transmite a xenuína sabedoría, os valores inmutables.

Xornada de convivencia do Bispo cos sacerdotes ordenados no século XXI

O día 18 de xullo, o Bispo da Diocese, Mons. Alfonso Carrasco tivo unha xornada de convivencia con sacerdotes e diáconos ordenados a partir do ano 2000. Visitaron as parroquias de Quiroga e O Courel. Participaron Marcos Torres Gómez, José Río Ramilo, José Antonio Adrio Carballude, Miguel Asorey Otero, José Manuel Penela Campos, David Varela, Alberto Riádigos García, Daniel Gil González e Luis Varela.

A %d blogueros les gusta esto: