Pregón da Caridade e outros actos organizados por Cáritas

O mércores 15 de xuño ten lugar o Pregón da Caridade a cargo de Dna. María Dolores Fernández Galiño, xuíza e desde 2019, Valedora do Pobo de Galicia.

O acto comezará ás 20:00h no Salón Rexio do Círculo das Artes de Lugo.

Ademais, Cáritas Lugo organiza varios actos esta semana que se relacionan a continuación:

Xoves 16:

De 9:30 a 13:30 h Recollida de donativos nas rúas de Lugo, Monforte, Sarria, Pobra de San Xiao e Lalín

18:30 h Acto de sensibilización da Campaña Educativa Caridade 2022: no Museo Interactivo da Historia de Lugo preséntase a exposición e faise entrega de regalos aos nenos e mozos participantes

19:30 h Actividades para nenos e mozos no Parque da Milagrosa

Domingo 19

De 10:30 a 14 h Recollida de donativos en Melide, Chantada, Silleda e Lalín, por persoas voluntarias

Todo o día, colectas nas misas celebradas na Diocese.

[Memoria de Cáritas Lugo 2021]

Pregón da Caridade

 

Con motivo da campaña da Caridade 2021 Cáritas Diocesana de Lugo realiza varias actividades, que se iniciaron co Pregón de Caridade, conferencia a cargo do ex alcalde de Lugo José Clemente López Orozco, o 2 de xuño no Salón de Actos da Xunta de Galicia en Lugo.

Comezou López Orozco dando cifras sobre o labor de Cáritas Española, e destacou que os gastos de administración non chegan aos 7 céntimos de cada euro dsipoñible. É dicir, practicamente todo vai destinado aos usuarios.

Nunha segunda parte, lembrou tres informes (da ONU, Save the Children e Intermón Oxfam) sobre a situación socio-económica de España, caracterizada pola desigualdade… Tamén mencionaría máis adiante o último informe FOESSA.

Na 3ª parte da súa intervención destacou o papel da Igrexa Católica “principalmente desde que o Papa León XIII coa súa encíclica Rerum Novarum puxo as bases dunha xustiza social que distribuíse dunha maneira máis xusta a riqueza… posición que quedou perfectamente reflectida na magnífica declaración da Gaudium et spes, no Concilio Vaticano II”

Na seguinte parte do Pregón, falou do labor de Cáritas España e Cáritas Lugo dando non só cifras senón tamén recoñecendo o labor pedagóxico. Disto último López Orozco puxo como exemplo que Cáritas desmentise o estereotipo de que as persoas estranxeiras copan os recursos da entidade católica e doutras. A maioría das persoas acompañadas por Cáritas son españolas ou da Unión Europea.

Finalmente, López Orozco sinalou que o mellor pregón que se pode dar son as palabras de Xesús recollidas polo evanxelista San Mateo (25, 35-40): “Porque tiven fame e déstesme de comer; tiven sede e déstesme de beber…”

Carlos Pajares pronunciou o Pregón da Caridade 2019

O mércores 19 de xuño no Salón Rexio do Circulo das Artes de Lugo pronunciou o Pregón da Caridade 2019 o Catedrático de Física Teórica, Ex rector da Universidade de Santiago de Compostela, Carlos Pajares Vales. Baixo o título “O Amor segue non morre” Carlos Pajares foi enumerando as cualidades do amor: indiscriminado, gratuíto, espontáneo, libre (estas catro cualidades segundo Anthony de Mello); está presente incluso na dor; supera barreiras idiomáticas; cando se dá amor gratuitamente recíbese moito máis; o amor ao próximo fixo posible que a especie humana chegase a ser superior.

 A conclusión é a seguinte: servir e amar é o que dá sentido á nosa vida e é o sentido do mundo. Non hai outro sentido por máis que se busque. O amor é o acto fundamental do home. Só o amor nos libra do baleiro e da nada; só se pode crer e ter confianza no amor. “Só o amor -como dicía o teólogo von Balthasar- é digno de fe”.

O presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón Romero, pregoeiro do Día da Caridade

 

Manuel Bretón, entre o presidente de Cáritas Lugo, Ginés Plaza e o Delegado Antón Negro

O mércores 14 de xuño no Círculo das Artes de Lugo o Presidente de Cáritas Española, Manuel Bretón Romero, deu o pregón da Caridade. Titulouse “Llamados a ser comunidad”.

Manifestou o seu “compromiso de que non imos parar, seguiremos coa nosa tarefa cotiá, paso a paso, asumindo o papel que lle correspondeu a cada un e intentando chegar a todo aquel que máis o necesite”.

Referíndose aos voluntarios e traballadores de Cáritas, dixo que se “conta cun fantástico, impresionante capital humano con inmensas doses de ilusión, experiencia de traballo en equipo, iniciativa, solidariedade e por suposto profesionalidade”.

O Presidente de Cáritas transmitiu “a esperanza en que xuntos poidamos construír un mundo mellor. A esta esperanza debemos apegarnos todos levando a xenerosidade por bandeira para intentar conseguir sempre un mundo no que prevalezan os dereitos e a dignidade dos seres humanos por riba de calquera outro interese, por moi nobre que sexa. Ante a necesidade, a dor e o sufrimento dos demais a nosa actitude será sempre esperanza, amor e solidariedade”.

Na actualidade, Manuel Bretón continúa ligado ao mundo da seguridade e a defensa como membro de EuroDefense-España e dirixe a Fundación FOESSA (Fomento de estudos Sociais e de Socioloxía Aplicada).

Pregón da Caridade

Myriam García Abrisqueta 1O mércores 25 de maio o Círculo das Artes de Lugo acolleu a 25º edición do Pregón da Caridade, a cargo de Myriam García Abrisqueta, conselleira de designación episcopal en Cáritas Española, ex presidenta de Mans Unidas.

Segundo Myriam García, o compromiso que asume Cáritas ten 5 características:

1) poñer a dignidade da persoa nun lugar central,

2) defender os dereitos das persoas,

3) responsabilidade que nos une uns a outros,

4) traballar pola xustiza para ir contra as causas que orixinan sufrimento,

5) esperanza cristiá, perseverando no traballo

Na súa intervención foi glosando os compoñentes da palabra “compromiso”, que inclúe o concepto ‘adiante’. Concepto que a Myriam García traíalle á mente a imaxe da Virxe dos Ollos Grandes co Neno Xesús, ao que acaba de alimentar, entre as súas mans, moi preto do seu corazón, e coa mirada levantada. O Papa Francisco dicíalles aos membros do Comité Executivo de Cáritas Internacional que tivesen a esperanza mirando cara adiante, como a mirada da Virxe dos Ollos Grandes, unha mirada entrañable, que nace de dentro, que está chea de misericordia e de esperanza, na que cabemos todos. Esta é tamén a mirada de Cáritas.

Pregón Caridade público

A %d blogueros les gusta esto: