III Xornada de Portas Abertas do Seminario Menor

O venres 25 de maio de 18 h a 20h, o Seminario Menor Diocesano celebra a III Xornada de Portas Abertas deste curso. Está dirixida ás familias e aos rapaces interesados no coñecemento do Seminario Menor, así como a calquera outra persoa desexosa de achegarse a esta realidade diocesana. A asistencia é libre, e non é necesario confirmala previamente. Quen asistan coñecerán a proposta educativa, as instalacións, o funcionamento ordinario da vida académica e comunitaria, algunhas das actividades e proxectos que se realizan ao longo do curso…

A Xornada comezará cun saúdo e presentación na Aula Magna (acceso dende o vestíbulo principal) e logo unha visita ás instalacións do Seminario Menor, con algunhas paradas en sitios puntuais para a explicación dalgunhas das actividades e dos ritmos de funcionamento do Centro.  

Con esta III Xornada de Portas Abertas o Seminario quere achegarse ás familias que están  pensando no Centro de ensino para os seus fillos no vindeiro curso ou máis adiante no tempo, permitindo un coñecemento de primeira man do lugar e do proxecto educativo.

A familia, un tesouro para os pobres!

Nas clases de socioloxía, cando trato o tema da institución familiar, acostumo a preguntarlles aos alumnos se os poderosos e as multinacionais prefiren matrimonios e familias estables ou prefiren divorcios e familias inestables.

A esta cuestión o gran pensador inglés Chesterton respóndenos con claridade: “É imposible repetir demasiadas veces que o que destruíu a familia no mundo moderno foi o capitalismo”.

Cando se bota unha ollada pola actual esquerda española vese que son abandeirados do divorcio exprés, da maternidade e paternidade fóra do matrimonio… na liña da máis diáfana mentalidade burguesa e neoliberal capitalista.

A falta das catequeses eclesiais, moitos reciben as catequeses das telenovelas e teleseries que só teñen dous temas: a) Negocios, co seu vivir ben e consumismo b) Sexo, cos seus amoríos, divorcios, infidelidades, amor romántico, etc.

O título deste artigo está sacado dun texto do libro El Proletariado Militante, escrito polo principal promotor da Primeira Internacional en España, Anselmo Lorenzo. O texto é froito da Conferencia da sección española da Internacional en Valencia, 10-18 de setembro 1871, en concreto do mitin de clausura nos claustros da Universidade valenciana, na referencia publicada no xornal El despertar del Pueblo:

Con que título vés a falarnos da familia, cando te burlaches do amor conxugal, dese amor santo que o pobo respecta e respectará sempre, posto que é o único tesouro de riqueza inesgotable que os desvalidos e explotados poden entregar aos seus fillos?”.

Entendo que é difícil facer unha defensa da familia con menos palabras e con máis fonda argumentación dende a experiencia de vida.

No libro tamén recolle a controversia que mantiñan membros españois da Internacional co Goberno e Deputados das Cortes no teatro Rossini de Madrid (22 outubro 1871). Lembra a propia intervención e logo a do compañeiro internacionalista, o tipógrafo José Mesa, que  fala da hipocresía dos ministros que non podían presentar as súas familias en público por vivir todos en “alegre concubinaxe” e logo sentencia: “Na sociedade presente a única familia honrada é a do pobre, a non ser cando vén o rico e a prostitúe”. (p. 184)

Esta postura a favor da familia igualmente é defendida na 1ª Internacional no Congreso de Lausanne (Suíza) en 1867: “A familia é a pedra angular de todo o edificio social. É a fonte da fraternidade”. Quen relaciona esta afirmación coa actual esquerda do noso país?

Outros recoñecidos internacionalistas como Proudhon escriben: “O matrimonio é o sacramento da xustiza, o misterio vivinte da harmonía universal, a forma dada pola natureza para a religación do xénero humano (…) Todo atentado á familia é unha profanación da xustiza, unha traizón ao pobo e á liberdade”.

Son demasiadas citas para un artigo, pero quero poñer de manifesto que non vexo lóxicas as posturas nestes temas das chamadas esquerdas actuais. As súas tomas de decisión son máis ben unha traizón á historia dos pobres e da súa emancipación, que deixan como froito máis desvalemento e illamento dos pobres ante os fortes e poderosos.

Ademais a historia mostra que en xeral os grandes loitadores cos pobres e en favor dos pobres tiñan familias estables que participaban desa loita solidaria. Por exemplo Angel Pestaña, que foi secretario xeral da CNT e fundador do Partido Sindicalista, afirmaba que loitando polos dereitos dos obreiros e dos pobres sabía que estaba loitando polo futuro dos seus fillos e da súa familia.

Todos sabemos, se non pechamos os ollos, que a primeira e mellor rede de defensa e protección dos pobres é a familia estable. Cantos febles, enfermos, oprimidos… viven con esperanza grazas á familia! Cantos adquiriron formación, experiencia de vida e fortaleza para afrontar adversidades grazas á familia! Canto ben teñen feito á humanidade as familias solidarias, que se organizan solidariamente!

Para rematar, hai que constatar que todo o que fagamos en favor da familia estable e solidaria será unha bendición para os empobrecidos, abandonados, marxinados…

Antón Negro

Delegado Episcopal de Cáritas

Imaxe: cathopic

Presentación do número 56 da revista Lvcensia

O martes 22 de maio, ás 18:30 na Aula Magna do Seminario terá lugar a presentación do número 56 da revista Lvcensia. O acto estará presidido polo señor Bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, e o director da publicación, Gonzalo Fraga.

Intervirá Aurelia Balseiro que presenta o artigo “A pintura mural de Santa Eulalia de Bóveda. Acuarelas de Elías de Segura, 1927. Crónica dun proxecto patrimonial no Museo Provincial de Lugo”.

Neste número lémbrase, ademais, a figura do santo e mártir lucense José María Díaz Sanjurjo, do que se celebra este ano o bicentenario do seu nacemento. A historia relixiosa tamén ten cabida en distintos artigos, as Xornadas de Teoloxía celebradas en Lugo, as vodas de ouro do Colexio Diocesano María Inmaculada de Silleda e a lista de superiores franciscanos dos conventos de Lugo.

Outros contidos da revista abordan a arquitectura civil, como é o caso da fortaleza baixomedieval de Sampaio de Narla ou a escola lucense de Fernando Casas Novoa.

Tamén se aborda o achado oculto e merecedor de estudo da cabeza do castro de Aboldrón en san Xoán de Camba, en Rodeiro.

A toponimia ten o seu apartado na segunda parte do artigo adicado ás palabras Sa, Sas e Suevos.

Hai así mesmo unha aproximación á industria dos curtidos, de gran importancia na vida económica lucense, en terras de Castroverde e Vilalba.

Temas xa tratados por Lvcensia, pero que teñen neste número unha segunda parte ou complemento son os da peregrinación obreira a Roma no ano 1894 e do centenario da morte do médico e académico lucense Jesús Rodríguez López.

Xubileu dos traballadores do campo no Corpiño

O Santuario do Corpiño celebrou o 20 de maio o Xubileu dos traballadores do campo, e a Festa de San Cidre, patrón dos labradores.

Sobre as 11:45 h atopábanse na Carballeira do Santuario o Reitor e os fregueses cos peregrinos que chegaban de realizar o Camiño dos pastorciños, para impartir a bendición e iniciar a procesión cara á Porta Santa, acompañada pola música do Grupo de Gaitas Vainela, de Salgueiros, Vila de Cruces.

Ás 12:00 h empezaba a Santa Misa, que contou co coro Voces da Terra como acompañamiento musical, na cal tívose presentes a todas as persoas que se dedican aos traballadores agrícolas, recordouse especialmente aos falecidos en traballos do campo.

Ao finalizar tivo lugar a procesión, nesta ocasión, coa imaxe de San Cidre Labrador, portada por unha das carrozas que os veciños da Parroquia adornaron con produtos típicos do campo.

Na Eucaristía das 18:00 h (imaxe inferior), o Delegado Episcopal de Pastoral da Saúde, Jorge Vázquez Freire, expuxo o relatorio-catequese “María, consolo na enfermidade”.

Virxe María, Nai da Igrexa

O papa Francisco, a través dun Decreto da Congregación para o Culto Divino, estableceu que se celebre o luns seguinte a Pentecoste a memoria da “Virxe María, Nai da Igrexa”. Este ano é o 22 de maio.

O Decreto está asinado o 11 de febreiro de 2018, memoria da benaventurada Virxe María de Lourdes, e fíxose público o sábado 3 de marzo.

Segundo sinala o Decreto, “o Sumo Pontífice Francisco, considera atentamente que a promoción desta devoción pode incrementar o sentido materno da Igrexa nos pastores, nos relixiosos e nos fieis, así como a xenuina piedade mariana. Esta celebración axudaranos a lembrar que o crecemento da vida cristiá, debe fundamentarse no misterio da Cruz, na ofrenda de Cristo no banquete eucarístico, e na Virxe oferente, Nai do Redentor e dos redimidos”.

[Documentación]

A %d blogueros les gusta esto: