Encontro da Pastoral Familiar de Galicia

A Casa de Exercicios de Santiago de Compostela acollerá durante os días 1 e 2 de outubro o Encontro de Axentes de Pastoral Familiar de Galicia, nesta ocasión baixo o lema “Acompañar: axudando a ser protagonistas”.

Poderán participar todos os axentes de pastoral (matrimonios e sacerdotes) que traballan nas parroquias con familias ou que se consideren chamados a traballar nese ámbito vital para a sociedade e a Igrexa.

Está prevista a participación de Miguel de la Mata, OFM, experto no tema, e conectarase en directo con matrimonios doutras delegacións con experiencia no acompañamento a parellas, matrimonios e familias.

Os dereitos non teñen fronteiras

Coa Revolución Francesa, e quizais cun espírito filosófico, publicábase a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán de 1789 cun claro mandato escrito no primeiro artigo: “os homes nacen e permanecen libres e iguais en dereitos”. Tratábase dunha defensa pola igualdade e a procura da felicidade para todos.

Non é necesaria unha análise profunda para decatarse de que, douscentos anos máis tarde, non logramos aínda achegarnos aos postulados de tan ambiciosa declaración.

Existen múltiples diferenzas segundo o tempo e o lugar no que naza unha persoa; a guerra, a corrupción, réximes absolutistas, sometemento, discriminación… pero se existe un trazo que marca a diferenza por riba do resto, este é, sen ningunha dúbida, a pobreza.

Ser pobre é o que imprime unha etiqueta ás persoas que teñen que emprender a terrible decisión de abandonar a súa casa e enfrontarse ao futuro máis incerto e desesperado. Ser pobre é o que diferencia a uns migrantes doutros.

A nosa lexislación, do mesmo xeito que as que regulan o fenómeno de estranxeiría na maioría dos países da nosa contorna, non é allea a esa diferencia de clases cando se trata de migrantes. A ninguén se lle ocorrería considerar inmigrante a un deportista de elite nacionalizado no noso país ou aos estranxeiros que obteñen visados pura e simplemente por investir diñeiro en España. É esa forza pública á que fai referencia a declaración no seu artigo 12:“a garantía dos Dereitos do Home e do Cidadán necesita dunha forza pública”, a que non foi capaz de aproximarse á idea de igualdade que se mantén indefinidamente na utopía. Pero aínda que non atopemos a resposta nas institucións, si existe unha forza moito maior e moito máis poderosa que se chama vontade.

A vontade e a solidariedade dos pobos son as únicas forzas capaces de superar as inxustizas e romper os muros e barreiras que, lonxe de protexernos, o que fan é illarnos cada vez máis.

Estou seguro de que se cada un de nós fose capaz de visibilizar o labor desinteresado de tantas e tantas persoas que loitan cada día por conseguir a tan desexada igualdade e xustiza social, seriamos capaces de romper esas barreiras que nos separan e responder a un dos maiores retos ao que nos enfrontamos como sociedade.

Entre os días 25 ao 30 de setembro terá lugar en Lugo unha semana dedicada aos migrantes e refuxiados na que se desenvolverá un intenso programa de actividades ao longo de toda a semana. Os obxectivos que persegue a Pastoral de Migracións da Diocese de Lugo coa organización da Semana das Persoas Migrantes e Refuxiadas son:

– Promover unha maior sensibilización ante a realidade das migracións e as moitas dificultades que deben afrontar os migrantes;

– mellorar a acollida aos inmigrantes na nosa sociedade respectando os seus dereitos;

– favorecer a integración dos inmigrantes nas diversas accións da vida social e cultural.

O lema que aglutina todas as actividades da semana é “aquí construímos un futuro con migrantes e refuxiados”.

Como manifesta o Papa Francisco na Fratelli Tutti, “ninguén pode quedar excluído, non importa onde nacese, e menos por mor dos privilexios que outros posúen porque naceron en lugares con maiores posibilidades”. Mentres un só quede excluído, fracasariamos como sociedade.

Gustavo E. Díaz

Consultor Pastoral Migracións

Semana das persoas migrantes e refuxiadas

Entre os días 26 e 30 de setembro a Pastoral de Migrantes realiza na cidade de Lugo as seguintes actividades:

Luns 26 de setembro, Vello Cárcere ás 20 h

Mesa redonda con organizacións sociais de Lugo que atenden a persoas migrantes (Accem, Acnur, Cáritas, Diaconía)

Martes 27 na Praza Maior, ás 20 h

Círculo de silencio. Trátase dunha acción en solidariedade coas persoas inmigrantes e de reivindicación dos dereitos de todas as persoas, seguindo o camiño da nonviolencia, para poñer a conciencia por riba da lei.

Mércores 28 no Vello Cárcere ás 20 h

Conferencia a cargo de Vladimir Grigoriev (Bielorrusia) sobre “Acompañamento espiritual a migrantes. Inculturación mutua”.

O sacerdote Vladimir forma parte da Asociacion Koinonia Juan Bautista Oasis de Astorga, comunidade evanxelizadora integrada por familias, laicos, consagrados e sacerdotes que comparten a mesma chamada, misión e espiritualidade.

Venres 30 na Biblioteca Pública da Avda. Ramón Ferreiro, Lugo, ás 20 h

Representación da obra teatral de David Bingong Un soño con trampa

A alegría de ser catequistas

Bota a andar un novo curso de catequese e querémolo emprender con moito ánimo. Lembrade: o alento do Señor Xesús precédenos e empúrranos dende sempre.

Este curso teremos como lema “A alegría de ser catequistas”. Esta frase recolle a esencia daquelas persoas que ano tras ano se entregan con xenerosidade a misión de transmitir a fe nas nosas parroquias. Unha alegría que brota do encontro co Señor. O Papa Francisco convídanos a unha nova etapa de evanxelización marcada pola alegría (Evangelii gaudium)

Que alegría ser catequistas chamados polo mesmo Señor Xesús!
Nas nosas mans está a encomenda de axudar a cativos e familias a medrar en amizade con Xesús e no coñecemento da Igrexa.  Ben certo, atoparemos atrancos coma a saturación de actividades, os horarios e as presas… mais non nos ha faltar o Espírito que vive na comunidade e nos inspira e move á acción.

Que alegría ser catequistas que prestan as súas capacidades e o seu tempo nas nosas comunidades cristiás! Esta antiga vocación renova decote na Igrexa o compromiso de proclamar a nosa fe, de pasar uns a outros o testemuño pascual: Cristo Vive!

Que alegría ser catequistas e celebrar collidos das mans a presenza do Deus Amor! É o Señor quen nos convida a comer e beber o pan e o viño da alegría e da fraternidade.

Que alegría ser catequistas que coidan os pequenos detalles! A fe emerxe das cousas pequenas de cada día: do acoller, do empregar palabras sinxelas e doces, do ter xestos de complicidade coas familias, do sorrir, do collerse das mans…

Que alegría ser catequistas e contaxiar a alegría do Evanxeo!

Departamento de Catequese

Delegación Episcopal para a Educación na Fe da Diocese de Lugo

[Folleto explicativo do cartel e suxestións para a 1ª reunión]

Cáritas e Misevi participan nos Encontros pola paz: Construíndo interculturalidade en Lugo.

No ano 1981 a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (ONU) promulgou o 21 de setembro como o Día Internacional da Paz, para conmemorar os ideais de paz de cada pobo e cada nación, con especial énfase no desenvolvemento social e económico dos pobos. Con este motivo, as organizacións que traballan e interveñen por e para as persoas valoran a celebración deste día sustentado no artigo 3 da Declaración Universal dos Dereitos Humanos.

Na sede da UNED Lugo o día 21 de setembro ás 12:00 h celébrase un foro de debate co titulo “Dialogando pola Paz: Encontros coa comunidade universitaria” coa participación da UNED, Diaconía, ACNUR, ACCEM, Caritas, Misevi España e persoas refuxiadas e autóctonas de Lugo.

A %d blogueros les gusta esto: